Milicianos (e milicianas)

No número desta semana de “Sermos Galiza” recóllese un artigo de Cilia Torna co título “As Milicias Galegas, avanzando en dirección a Galiza” estendendo o debate sobre a nosa memoria alén dos que morreron pola patria, adentrándose no máis controvertido dos que mataron por ela. Mais o propio Castelao a hora de retratar a guerra non só tivo en conta ás vítimas (“Galiza Mártir”) e aos asasinos (“Atila en Galiza”) senón que prestou especial atención a “heroica tolería” (“Milicianos”). Desta experiencia de organización armada Castelao renegou do xeito que tiveron de actuar algúns dos dirixentes destas unidades militares, mais non do espírito que as animaba e da base popular que as nutría.
A “heroica tolería” de que nos fala Castelao refire unha actitude humana fundamental para salvar a especie. Fronte aos cálculos racionais individualistas que forxan as engrenaxes dos procesos sociais que dan a vitoria aos máis fortes, érguese unha enerxía a contra corrente que non só está animada polo compromiso cun futuro mellor (“A loitar polo fillo”) senón, sobre todo pola rabia de vingarse polas inxustizas pasadas (“Baixade covardes!”). É a oportunidade de demostrar que os que nunca dimitiron das ideoloxías derrotadas acreditan realmente nelas (“O vello federal”), aquelas ideoloxías que xa ninguén votaba, que non estaban de moda, que non servían para medrar en política mais que respondían a unha concepción do mundo moral das que os seus posuidores non eran quen de abandonar sen renunciar a sentirse ben con eles mesmos.
E a muller xa non leva bandeira. Esperanza Rodríguez,a miliciana galega recuperada para a portada do “Sermos” leva fusil. En Castelao na “arenga” leva as mans núas mais abertas a empuñar a fouce, xa non será só a filla, muller, nai pola que se loita que aínda reflicten outras estampas deste álbum. Xa se encamiña cara a muller do fouciño dos deseños ulteriores chamando aos galegos da América a obedecer a manda dos mortos. A muller abandeirada, mesmo erotizada, que anima ao pobo a erguerse vai conquistando o recoñecemento de suxeito político. Mais a muller estaba a ser ameazada tamén a súa presenza na escena xunto con Galiza, son colectivos que se retira do estatus de interlocutores para o novo réxime que pretende instaurarse. Mais esa furiosa desaparición non non pode producirse por incomparecencia, por desleixo, por retirada, pois dificilmente se xustificará reclamar a devolución, a reconquista, o recoñecemento da consideración de iguais. Os fascistas veñen para impoñer a desigualdade pola forza. Aínda sendo máis débiles non se pode aceptar polas boas unha xerarquía que pretende perpetuarse alén da oportunidade conxuntural.
,A milicia é o xeito voluntario de arriscar a vida cando non só non se sinte desprezo por esta senón precisamente porque se lle dá un valor que a fai incompatíbel coa perda de liberdade e dignidade. A “heroica tolería” do “antitanquista”, do que durme abrazado a un dos escasos fusís, nada ten que ver coa covarde racionalidade do que venta o que lle vén enriba e xa se rende antes de dar batalla. Saberse en inferioridade de condicións, saberse con menos medios, saber que o inimigo ten a forza do seu lado, e aínda así combatelo.
Se tiveramos que reconstruír a historia das Milicias Galegas quizais debéramos remontármonos aos “escopeteiros” na propia terra. Que é senón o que trataron de organizar Bóveda e Zsbarski na Pontevedra do 20 de xullo ou noutras vilas galegas?. Mais será en Madrid onde se formalice esta organización tal e como se conta no devandito texto xornalístico. Non é un fenómeno espontáneo, responde a unha decisión política do PG e do propio Castelao, mais Castelao podería acordar o que quixer que senón houbese un sentir espontáneo que conectase con el non tería resultado esa resolución. A carraxe existente nos galegos residentes en Madrid precisaba ser canalizada a través dunha estrutura propia e as Milicias Galegas deron a todos eles a ocasión de expresar a emoción que sentían. Esa emoción é loucura?. Primeiro habería que valorar a onde nos leva a racionalidade antes de xulgar o carácter suicida desta arroutada.
O caso é que posibelmente sexa a razón a que nos conduza ao exterminio. Segundo esta, é a través do progreso que camiñamos cara unha humanidade unificada e uniforme. Nese camiño os diversos debemos ser sacrificados. Os inferiores, os discapacitados, os enfermos, os tolos... en definitiva, e simplificando moito para que se entenda, se a razón decreta a nosa extinción, será pois a loucura quen nos salve. Isto é, non é o desexo de ser perdedor o que nos levará a derrota, senón a identificación cos perdedores o que permitirá trunfar. E con este sentir as milicias galegas saíron ao fronte de Talavera de la Reina a parar o exército franquista que xirara cara Toledo. Ían co obxectivo de trunfar aínda que conscientes da súa dificultade técnica. E lograron frear o avance dos militares para gañar tempo para organizar un exército regular.
Mais non era esa unha misión suicida. Quen se alistaba na milicia acreditaba que se ía gañar a guerra si se lles deixaba. Mentres os que provocaron o conflito bélico xa o daban por perdido e fuxían do Estado (Indalecio Prieto) foron moitos os galegos xa integrados no exército regular que conservaban ese espírito das Milicias e que estiveron en desacordo coa rendición. Non podemos cambiar o pasado e, xa que logo, non saberiamos que pasaría se o autogolpe de Casado non tivera éxito. Mais non caiamos na tentación de considerar un erro toda resistencia unha vez que o exército está nas mans dos alzados. Tamén hai esa idea de que os opresores serán magnánimos cos mansos. Entre os xudeus que acabaron na cámara de gas había moitos que pensaban así, e consideraban que era mellor non rebelarse para non cabrear máis aos nazis e seguramente así se salvarían.
O certo é que o fascismo ideoloxicamente minoritario na sociedade venceu finalmente porque organizativamente estaba mellor dotado (dispoñía do exército) e economicamente tivo superiores apoios internacionais. Mais non foi un paseo triunfal grazas a que o pobo desarmado e desorganizado foi quen de armarse e organizarse, fíxose Milicia. O fascismo trunfou, pero menos, grazas a iso e, xa que logo, o exterminio e o dano que puideran causar os franquistas foi menor porque se lle fixo fronte. Si se lles deixara, os fascistas terían feito moito mais. Sonos de grandeza non lle faltaban, agora ben, remataron sen folgos e desfeitos cando chegaron ao poder. Non cabe establecer ningunha receita universal de como proceder diante destas situacións límite. Compre analizar cada caso para tirar consecuencias de cal debe ser o mellor xeito de actuar. E a respecto das Milicias Galegas habería que seguir a profundar en canto experiencia excepcional e extrema da que aprender. Que se fixo mal?, en que se errou?, porque se perdeu a guerra?. Mais tamén, que se fixo ben?, en que se acertou?, en definitiva como gañar o futuro redimindo aos derrotados do noso pasado.,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.