Mil seiscentos anos do reino (suevo) de Galicia

Mil seiscentos anos do reino (suevo) de Galicia

Non deixa de chamar a atención do viaxeiro que entrando en Navarra os carteis oficiais nos informen, con naturalidade, de que estamos no Reino de Navarra. A min chamoume tamén a atención coñecer pola radio de que non sei que entidade era patrocinadora do milenario do Reino de Granada, que seica se vai conmemorar sonoramente o ano que ven. Pero o que de verdade chama moito a atención é que aquí apenas ninguén lembrase os nada menos que mil seiscentos anos da creación do Reino de Galicia, que se andan a cumprir entre o ano pasado e o presente. Tan só a entusiasta iniciativa persoal de dous amigos (Francisco Padín e Emilio García) e o patrocinio do Concello de Pontevedra permitiron celebrar nesa cidade no mes de outubro do pasado ano un Congreso sobre o tema (ao que os medios de comunicación prestaron unha atención ínfima).

Non é preciso reflexionar unha vez máis sobre a responsabilidade en que incorren quen teoricamente debían ser garantes da nosa cultura, pois en realidade son moi consecuentes cos seus principios e ata pode que coa inconsciencia dunha parte moi substancial da nosa sociedade.

Ben sabemos que a mera existencia do Reino (suevo) de Galicia rebate o esquema da Historia de España deseñado desde o século XIX -e aínda hoxe de obrigado cumprimento-, segundo o cal España foi construída desde Castela sobre esencias monárquicas, católicas e unitarias (cousa por outra parte certa, entendendo que "España" quere dicir "Estado Español"), elementos que os historiadores orgánicos identifican nunha secuencia retrospectiva a través do Imperio, León e Asturias, para desembocar nos visigodos. E aí Galicia só cabe como anexo; e o Reino de Galicia sobra categoricamente.

Xa sabemos todo iso (foinos incrustado con eficacia pola Historia que nos ensinaron), mais o certo é que, a pesar de tanto esforzo negador, no ano 410 os suevos chegaron á provincia romana de Gallaecia (desde a desembocadura do río Douro ata os confíns do país dos vascos), e acadaron con Roma un pacto que na práctica supuxo o nacemento do Reino de Galicia. O primeiro reino nacido en Europa, cando aínda lle quedaban ao Imperio Romano sesenta anos de existencia. Xa non un itinerante pobo bárbaro comandado por un "rei" á súa cabeza, senón unha entidade política territorializada, por máis que durante varias décadas persistise aínda unha fractura social de raíces étnicas.

Moi pronto, os seus límites sobordaban a Gallaecia e se estendían pola Lusitania, acadando as proximidades de Lisboa. A estabilidade territorial deste reino galaico foi extraordinaria, pois con moi poucas oscilacións persistiu ata finais do séc. XI, o cal tira por terra ideoloxemas historicistas de conquistas, reconquistas e repoboacións.

A mediados do mesmo séc. V, un rei con toda probabilidade nacido xa en Galicia (Requiario) adoptou dúas medidas merecentes do maior destaque. A primeira foi a de acuñar moeda baixo a súa propia autoridade (iussu richiari reges), ata ese momento prerrogativa exclusiva do Emperador romano, expresando a inequívoca adopción de atribucións públicas. Con moita antelación ao resto de Europa.

En segundo lugar, no ano 449 decidía a conversión dos suevos ao catolicismo, disposición dun profundo significado social, que rebasa amplamente o terreo que nós hoxe cualificaríamos como estritamente relixioso, pois en realidade implicaba a eliminación das barreiras ideolóxicas e étnicas existentes entre a minoría sueva e a maioría galaico-romana. Abría o paso á fusión de ambas comunidades e iniciábase o proceso de formación da actual nación galega. Tamén bastante antes que en calquera outro lugar de Europa.

Moito tempo despois, as vicisitudes históricas precipitaron a Galicia ata a situación de amnesia nacional en que hoxe se atopa, mais é tamén a Historia quen demostra con plena certeza que esta é unha das nacións europeas de emerxencia máis antiga.

Se miramos para antes do reino suevo atoparemos sen dúbida moitos elementos identificables hoxe, mais é improbable que nos recoñezamos naquelas sociedades. Mais cando logo (desde logo xa no séc. X) descubrimos a sociedade medieval de leiras, casais, vilas, freguesías e dioceses, cunha toponimia que se prolonga ata hoxe mesmo e falando a lingua que falamos, iso xa é Galicia. No tránsito dun momento ao outro está precisamente o reino suevo.

Sobran por tanto motivos para que prestemos a eses case dous séculos de Historia a atención que se merecen: unha fase crucial para comprendermos a xénese da nosa nación; unha realidade histórica insistentemente negada e deturpada.