Metámonos niso

Polo visto, a cuestión da igualdade salarial non é un asunto que lle deba preocupar a un presidente do goberno. Nunha entrevista para Onda Cero o pasado mércores, Rajoy descartou lexislar para que as empresas privadas deban equiparar homes e mulleres en canto ó salario.
“No nos metamos en eso”.
É moi probablemente unha das mostras máis claras do modo de ver a política que ten o goberno do Partido Popular tanto no estado español coma na Galiza. Non meterse. Non meterse porque as inxustizas non son asunto dos gobernos. Tampouco dubidou á hora de engadir que as empresas españolas deron pasos “na boa dirección” para reducir a desigualdade de salarios, e que todo paso na boa dirección está ben.
Non é certo.
Segundo os últimos datos da Axencia Tributaria, no ano 2016 o salario medio anual dos homes na Galiza acadou os 20.243 euros mentres que o das mulleres só chegou ós 15.730 euros, é dicir, hai unha fenda salarial do 23% presente en tódolos sectores económicos e en tódalas franxas de idade, distancia que se incrementa canto maiores son as retribucións medias. É verdade que a fenda se reduciu desde o ano 2009, pero non porque as condicións laborais das mulleres melloraran, senón porque empeoraron máis as dos homes. E que viva a igualdade!
Do mesmo xeito, a situación das traballadoras pobres, persoas con emprego non son quen de cubrir as súa necesidades e as da súa familia, tamén afecta especialmente ás mulleres e máis aínda ás mozas.
Ante isto, o presidente do goberno español non ten reparo nin vergoña para restarlle importancia e ignorar por completo a situación. Non hai que meterse niso? Non é competencia dun goberno? A existencia de diferenzas permanentes nas retribucións entre homes e mulleres reflicte unha realidade que hai que combater, como ben se denunciou desde a Secretaría das Mulleres da CIG: que no mercado laboral hai discriminacións persistentes por razón de sexo.
Así que metámonos niso. Metámonos en que cobramos menos, pero tamén en que padecemos medias xornadas, xornadas parciais, acoso laboral, acoso sexual, atrancos nos dereitos de conciliación, menos posibilidades de acceder a unha xubilación digna, a invisibilización da nosa contribución na sociedade. Sufrimos os “na oferta de traballo pon que teño que mandar unha foto de corpo completo”, “para atender na barra só contratan ás guapas”, “despedíronme porque quedei embarazada”.
Metámonos en que non se trata só da esfera estritamente laboral, senón que sufrimos violencia en tódolos ámbitos das nosas vidas: no social, no familiar e íntimo, na sanidade, nos medios, no lecer, no deporte... polo “pequeno” detalle de sermos mulleres. E non digamos nada se a este factor se une sermos racializadas ou termos unha identidade de xénero ou orientación sexual non normativas. Metámonos en que este sistema non protexe as vítimas senón que as revitimiza. Mais metámonos tamén en que outro sistema é posible.
Por todo isto é tan necesario que apoiemos e socialicemos os paróns do 8 de marzo, nos que reclamaremos unha igualdade de oportunidades real entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivirmos sen violencia, a desenvolver as nosas actividades diarias sen sermos discriminadas nin agredidas. Segue sendo necesaria a loita pola igualdade e por visualizar a contribución de tódalas mulleres ó mundo. Neste sentido, a folga non se restrinxe exclusivamente ó ámbito considerado laboral, senón que se estende tamén ós traballos domésticos e de coidado, o eido estudantil e mesmo o boicot permanente a empresas con políticas misóxinas.
Sobran os motivos.
A convocatoria da folga por parte da CIG fai parte dunha iniciativa que se desenvolverá en máis de 50 países, e ten como obxectivo visibilizar as situacións de discriminación que padecemos as mulleres, que moitas veces son negadas ou ignoradas por quen debería ter a obriga de velar polos nosos dereitos. Chegou a hora de acabar cos protocolos baleiros de contido e a hipocrisía que arrodea a data do 8 de marzo e que chega a ser aproveitada polo sistema con fins comerciais. Chegou a hora de dicir ben alto e claro que non imos permitir unha agresión máis.
É urxente que se tomen medidas para acabar coa violencia machista en tódalas súas formas e que nos involucremos na loita individual e colectiva para construírmos un mundo onde pasemos de ser obxectos, simples mercadorías, a sermos suxeitos con plenos dereitos e oportunidades. Porque queremos construír as nosas vidas en liberdade nun mundo máis xusto. Porque cando se trata da loita polos nosos dereitos, da transformación real da sociedade, “meterse” é revolucionario.