Mestizaxe e outros contrabandos

Asisto expectante á aparición dun concepto que, aínda que algo confuso, pretende denotar a atormentada situación sociolóxica que vive o país. Con motivo da celebración do 25 de Xullo, e nun documento titulado “Novo tempo. País aberto”, Podemos-Galicia afirma que “pensar a Galicia presente implica pensar un país mestizo, rico en matices e diverso na súa composición política, social e cultural”. A cursiva e a estrañeza son miñas: afeito a todo tipo de eufemismos e de falsidades tan repetidas que se converten en verdades comunmente aceptadas (bilingüismo máis harmónico serían un exemplo acaído de eufemismo máis mentira), o apelativo mestizo é para min un elemento novo e curioso nesta paisaxe.
Entendo que a mestizaxe á que se refire a autoría do escrito non é unha mestizaxe étnica. A porcentaxe de persoas estranxeiras que moran connosco non xustificaría hoxe por hoxe a xeneralización de tal cualificativo ao conxunto do país. Ningún problema se así fose: o negriño Panchito, que Castelao describe en Cousas, era máis galego que moitos galegos. Oxalá puidésemos gozar, case cen anos despois, dun país inzado de Panchitos aos que, como no orixinal, se lles dese por puntear muiñeiras, botar aturuxos abrouxadores e falar con enxebreza. E no probábel caso de que tal despregue identitario non chegase a producirse, oxalá puidésemos gozar, como en calquera país normal, dunha cultura e unha lingua hexemónicas que puidesen albergar sen risco de supervivencia propia todo tipo de achegas étnicas e culturais. Pero non, as cousas non van por aí. Dáme que a mestizaxe que o escrito atribúe á Galiza de hoxe debe ser, para o meu desconcerto, unha mestizaxe cultural exercida por nós, galegas e galegos.
Inútil sería negar que aquí conviven dúas culturas, dúas linguas mesturadas. Pero a min cada vez que escoito a pais galegofalantes dirixirse aos fillos en español o que menos se me vén á cabeza é a palabra mestizaxe. Cando observo o taimado acoso que a rapazada de orixe galegofalante sofre nos institutos, cando percibo a mocidade rural universitaria cambiar de lingua na facultade por se acaso, cando comprobo que non podo facer unha vida normal na lingua do meu país na inmensa maioría dos espazos comerciais e estabelecementos públicos ou cando vou ao quiosque e constato que as posibilidades de informarme na miña lingua son cero, o que menos se me ocorre é chamarlle a iso mestizaxe. Cando asisto á voadura incontrolada do mundo rural galego e testifico o silente epistemicidio que nun tempo histórico récord enterra valiosísimos saberes tradicionais baixo unha morea de autoodio e complexos inducidos, no que menos penso é en aplicarlle o cualificativo de mestizaxe ao que é desfeita. Mais cada un ten os seus gostos e elixe as súas palabras.
As palabras sono todo, porque a palabra espalla a idea e da idea nace a acción. As palabras poden albergar unha carga liberadora extraordinaria ou poden presentársenos como pequenas bombas de reloxería que alguén por descoido ou por comenencia pretende coar de contrabando nas nosas vidas. Como bilingüismo, como harmónico, como imposición e tantas outras. Sexa pola causa que for, creo que a Galiza culturalmente mestiza que propón o escrito evoca unha aceptación claudicante ante unha realidade modelada á mantenta por quen manda, unha aprobación do resultado sen cuestionar o proceso, unha lexitimización do statu quo moi impropia de quen di anunciar un novo tempo.
O resto do escrito navega entre a inconcreción, a equidistancia, a acentuación do carácter festivo da data e a redundante reinvención do “heteroxéneo” e o “plural”. Por razóns de táctica política ou de capacidade de intervención demoscópica un pode, se quere, tornar a vista lonxe dos aspectos máis punxentes da realidade e enviar a análise social ao reino do eufemismo. Un pode considerar o que sucede ao seu redor sen cuestionar o poder, sen debullar os seus efectos. O poder, esa enerxía que nos atravesa, que determina as nosas condutas, a nosa aparencia, as nosas ideas. Ese elemento imprescindíbel para entender toda realidade social, tamén a do conflito lingüístico e cultural que nos desangra. Ese convidado de pedra nas análises urxentes e inocuas, esa corrente que nos leva ante a que só cabe a aquiescencia ou a resistencia. Neste ponto a autoría do escrito, podendo escoller a segunda, escolleu a primeira.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.