Mercados e reforma laboral
"Socorro, socorro, que veñen os mercados". Non é unha frase feita parafraseando o conto do pastor e o lobo, non, son as afirmacións do presidente da patronal española fai máis dun ano cando as empresas das que é propietario agromaban dificultades para a súa continuidade e engadía que había que facer unha paréntese nesta economía de libre mercado.
Un radical de boca pequena, agora cuestionado como líder da CEOE, que non se cortaba en afirmar que a ala máis radical do Partido Popular eran os seus prototipos. Máis agora que sufre as consecuencias do sistema económico que defende, pide un alto no camiño para recuperar forzas. Se un señor que vive do esforzo dos demais demanda esta atención pedindo un trato de favor mediante a intervención con cartos públicos para a defensa dunha propiedade privada, como ten que actuar un traballador ou traballadora seiscentoseurista (por aquilo do millón eurista dos do PP) que non pode chegar a fin de mes, ou aquela persoa desempregada que non ten cobertura económica por que remataron as prestacións por desemprego ou non tiña dereito a elas?.
Ven a conta esta reflexión porque dende fai un tempo a esta parte, están a falar de que a situación de crise é derivada dun ente abstracto que se chama mercado, que non ten corpo e, se me apurades, alma pero que actúa sen piedade incrementando o desemprego, a precariedade, devorando os servizos públicos para a causa privada e asegurando o negocio dos especuladores e o control da sociedade como nunca houbo tal. Cun discurso coincidente tanto da dereita española como da socialdemocracia que os mercados esixen unha serie de axustes para superar a crise necesarios polo ben de todos para saír fortalecidos desta situación e que non poden facer outra cousa.
Pois teñen razón, non nos enganan. Son os portavoces, as caras coñecidas deste sistema saqueador que, sen ningún reparo, pecha empresas condenando as persoas á miseria, explota á poboación infantil, que obriga a facer xornadas extenuantes por un miserable salario e nunhas condicións tan precarias que fai perigar a vida e a saúde dos traballadores e traballadoras, que somete e controla a poboacións e países enteiros, os que día a día piden a berros que hai que facer unha "reforma laboral en profundidade". E non tivemos que agardar moito pois xa a temos en marcha. O xoves pasado publicábase no BOE o real decreto-lei que "medidas urxentes para a reforma do mercado do traballo" no que, unha vez máis, aplícanse as receitas propostas polo Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional e outras entidades gardiáns das esencias do neoliberalismo, e que xa foron ensaiadas unha e mil veces en moitos lugares do mundo, poñamos por caso América Latina onde podemos vernos no espello as consecuencias tan nefastas para a inmensa maioría da poboación.
Pero tranquilos, xa o anunciou o afable ministro de traballo o pasado febreiro de que "a crise é tan profunda que non se solucionará cunha reforma só". Este señor, que recomenda facerse un plan de pensións privado para resolver o suposto problema do fondo público das pensións, mostra ás claras a folla de ruta que ten o Goberno español e anuncia que este é o primeiro asalto aos dereitos da clase traballadora conquistados con "sangue, suor e bágoas" mediante a loita de moitos homes e mulleres, ao longo do tempo e que entendían un mundo distinto, cheo de xustiza social, igualdade de oportunidades e sen explotación do home polo home.
Con esta reforma, consumase así unha das vellas reivindicacións da patronal, abaratar o despido e, as indemnizacións a cargo do FOGASA, co cal despido redondo para os empresarios. En tanto se asaltan as conquistas laborais e sociais, o presidente de Martinsa-Fadesa, empresa cunha débeda de 7.000 millóns de euros e centos de despedidos, cobraba o ano pasado 2,63 millóns de euros, os traballadores no túnel do Eixo Atlántico de Alta Velocidade estaban obrigados a facer 12 horas seguidas ao día durante sete días, cunha hora de xantar dentro do mesmo túnel e a banca anuncia beneficios millonarios.
Mentres, a dereita sigue na súa "jangada de pedra", fregándose as mans e axexando para recoller os froitos da política socialdemócrata. Eses parvos úteis.
Non é casual que a única alternativa ante tamaña agresión é a construída polo nacionalismo galego. Baixo o lema de Non máis do mesmo, hai alternativa! o nacionalismo galego ven desenvolvendo unha campaña de axitación de conciencias para facer ver e asumir que é necesario outro modelo económico e, por que non? outro sistema. De todos e todas nós depende.