Mercado e medio ambiente


Para as comunidades de pobos reunidos en Cochabamba, "as causas do cambio climático son claras: os países desenvolvidos apropiáronse do espazo atmosférico da Terra mediante a emisión da vasta maioría das emisións históricas de gases de efecto invernadoiro, mentres que só representan o 20% da poboación mundial. As súas excesivas emisións impulsaron o cambio climático e están convertendo o espazo atmosférico común nun recurso escaso e limitado". (Conclusións finais sobre débeda climática)

En boa parte é esta unha conclusión idéntica á da Convención Marco das Nacións Unidas para o Cambio Climático que tamén recoñece, no Protocolo de Quioto, as maiores responsabilidade dos países desenvolvidos nas emisións, históricas e actuais, de CO2 e demais gases de efecto invernadoiro (GEI). Moi diferentes son, sen embargo, as propostas para enfrontar o cambio climático: mentres o protocolo de Quioto, para a redución de emisións, aposta polos mecanismos de mercado e os mecanismos de desenvolvemento limpo, dando lugar á creación dunha nova mercadoría, -dereitos de emisión-, e dun novo mercado (ao que xa se apuntaron as grandes corporacións financeiras do mundo, incluído o Banco Mundial), a Conferencia dos Pobos rexeita, por completo, o mercado do carbono e, no seu lugar, propón límites vinculantes de emisións en función do número de habitantes e o resarcimento xusto da débeda climática que os países desenvolvidos do Norte teñen contraído contraída cos pobos subdesenvolvidos do Sur.

Pero a Conferencia dos Pobos vai, incluso, máis aló ao acabar propoñendo a superación deste modelo de desenvolvemento capitalista que "nos impuxo unha lóxica de Progreso e crecemento ilimitado", que "guíase pola busca da máxima ganancia, obviando por completo as implicacións do seu modelo de crecemento sen fin nun planeta finito" e que mesmo pretende facer negocio co cambio climático a través de falsas solucións como o mercado do carbono e os mecanismos de desenvolvemento limpo ou como os desmedidos proxectos de infraestruturas para a captura e almacenamento de CO2 ou para a enerxía nuclear.

Desde logo, nada hai de esaxerado nesta denuncia da Conferencia dos Pobos: é o mesmo Marco das Nacións Unidas para o Cambio Climático quen, nun informe de Outubro do 2009, sinala que durante o 2008, a pesar de terse outorgado dereitos de emisión de GEI moi por riba dos niveis (catro veces mais) de 1990 e moi lonxe, pois, dos obxectivos de redución, as transaccións totais no mercado do carbono ascenderon a 126.346 millóns de dólares, correspondendo o 73% a dereitos de emisión.

Compren, así pois, outras alternativas de actuación contra do cambio climático; mais, para acertar, deberemos empezar por preguntarnos se se está a denunciar só unha forma de actuar do sistema capitalista, que poderá, por tanto, ser emendada a través da oportuna regulación, ou se, máis ben, se trata de denunciar unha forma de ser que, en consecuencia, tamén en relación o clima e ao medio ambiente, requirirá cambiar de modelo.

Mercado e medio ambiente: plusvalías ambientais

Para poder continuar coa argumentación anterior, empecemos por examinar a relación entre economía e medio ambiente dentro dun sistema capitalista que necesita da maximización das ganancias.

Con permiso da ortodoxia académica, aos efectos da tese que quero argumentar e sen pretender ser rigoroso nos conceptos, a actividade económica produtiva non consiste noutra cousa que na transformación dunha materia prima (que, por suposto, pode ser tamén o resultado da actividade económica) nun ben de consumo que no sistema capitalista, pasa por ser, antes de nada, un ben para o mercado (non se trata de que sexa ou non un ben útil ou necesario, senón de que se poda vender) ou mercadoría. Esta transformación da materia prima en mercadoría ten lugar mediante a aportación dunha determinada cantidade de enerxía, -ben en forma de traballo humano, en forma de traballo animal ou en forma de traballo máquina-, e da como resultado, aparte da propia mercadoría, uns residuos que, dun modo ou doutro, haberá que devolver á Natureza. Poñamos, para entendernos, o exemplo da produción dunha lata de sardiñas: transformamos unha materia prima (un lote de sardiñas, que, á súa vez, é o resultado dunha actividade económica, por mais que sexa a cargo da propia Natureza) nun ben de consumo mediante a aportación dunha cantidade de enerxía igual á suma das enerxías invertidas na súa captura no mar (incluída a parte proporcional invertida na fabricación do barco e demais instrumentais de pesca), no seu transporte á conserveira, na fabricación da lata, no proceso de enlatado, etc, até acabar no supermercado para o seu consumo final.

En termos de balance enerxético, podería dicirse, pois, que o valor dunha mercadoría viría dado pola cantidade de enerxía empregada na súa produción.

Deixando de lado a economía especulativa (que só utiliza as mercadorías para obter maiores taxas de ganancia: movendo a lata de sardiñas sen nunca chegar a consumila), cando esta actividade produtiva ten lugar dentro do sistema capitalista, este procurará a maximización das ganancias apropiándose das materias primas e da forza de traballo sen facerse cargo dos seus custes de reposición e/ou desfacéndose dos residuos sen preocuparse polos custes da súa incorporación aos ciclos de materiais da Natureza.

A maiores, pois, das plusvalías do traballo, aparecen así, -nas materias primas, incluída á enerxía, que a Natureza ofrece gratuitamente e que non se repoñen, ou nos residuos que se verten sen preocupación algunha pola súa reciclaxe-, unhas plusvalías ambientais que, na procura do máximo beneficio capitalista, non poden ter outro resultado que o esgotamento dos recursos naturais, o esgotamento das fontes de enerxía non renovable e o esgotamento, paralelo, da capacidade da Natureza para reciclar os residuos xerados.

En resumo, nun sistema de produción que, para reproducirse e subsistir, necesita maximizar beneficios, tampouco o medio ambiente vai ter outra oportunidade que a de acabar convertido en mercadoría coa que incrementar as taxas de ganancia das empresas capitalistas.

Isto é, xustamente, o que ten ocorrido co cambio climático e o mercado do carbono: o modelo de desenvolvemento capitalista, -que, a través da violencia (respondendo á resistencia dos pobos "mediante a militarización, a represión e a guerra") xa se ven apropiando gratuitamente (sen máis custes que os da súa extracción) das materias primas e dos recursos enerxéticos do planeta-, apropiase tamén agora do espazo atmosférico común (despois de irresponsablemente telo convertido, coas súas masivas emisións contaminantes = residuos, nun recurso escaso e limitado), converténdoo nunha mercadoría máis coa que seguir facendo negocio á conta dos países pobres e dos consumidores todos do mundo.

Está claro, pois, que poucas solucións ambientais cabe agardar duns mecanismos de mercado que non son máis que o instrumento a través do que se produce a expropiación das plusvalías ambientais e do traballo. Os países do Sur están xa a denuncialo diante dos organismos das Nacións Unidas e esixindo, en consecuencia, límites de redución vinculantes en lugar de mercado e o resarcimento real da débeda climática en lugar de mecanismos de desenvolvemento limpo (cos que os países desenvolvidos xerar novos dereitos de emisión): o ecoloxismo social, especialmente o galego, que actúa nunha terra que está a pagar elevados impactos pola xeración dunha enerxía eléctrica da que nada nos beneficiamos e nun momento no que, da man do actual goberno da Xunta, volven con forza as ameazas contra dos nosos ríos, do noso territorio e do noso patrimonio natural, non pode quedar á marxe deste reto. Será esta, ademais, a súa mellor contribución a favor das masas traballadoras fronte a unha crise económica que tamén é unha crise ambiental.