Mercado da ecoloxía ou ecoloxía de mercado
A mercantilización á que se nos somete converte en mercadoría as cuestións máis básicas da nosa vida, ata o punto de non recoñecer unha natureza sen custes.
O capitalismo que nos rodea, ou no que estamos irremediablemente inmersos, ten comerciado co traballo, coa natureza e co capital; de xeito que calquera destes aspectos poden valorarse, trocarse, mercarse, venderse ou hipotecarse. Todo é mecanicamente transformado a prezos atribuídos a falta de contar cunha etiqueta, en cada árbore do bosque ou en cada refacho de vento, cun código de barras ou de resposta rápida (CQR) co prezo real.
O marxismo ecolóxico ten denunciado esta cuestión esixindo a desmercantilización, coa base da premisa descrita por Marx de que ser humano e natureza son unha mesma cousa, e o traballo non é máis que o feito de transformar a natureza para o uso humano. Mais, a perversión deste razoamento dáse a causa de que se o traballo é transformado en dividendos e en plusvalía, e o clásico mercado da terra pasou a ser o mercado da natureza, o resto entra na roda da mercantilización automaticamente.
Poderiamos preguntarnos que resposta nos dá a ecoloxía a este paradigma. A eiva da corrente ecolóxica-política, tal e como nos refire Slavoj Zizek no seu texto o espectro da ideoloxía, é que nunca ten lugar a ecoloxía como tal, senón que está categorizada: pode ser conservadora (cando avoga polo retorno a modos tradicionais de vida), estatalista (se propón que só a regulación do Estado nos salvará da catástrofe), socialista (se identifica o capitalismo como a causa última dos problemas ecolóxicos), capitalista liberal (o mercado regula o equilibrio ecolóxico), feminista (a explotación da natureza deriva da dominación masculina), anarquista (sobrevivencia das pequenas comunidades autosuficientes).
A cuestión é que ningunha destas categorías é, en si mesma, a verdadeira, ningunha está inscrita na natureza mesma da problemática ecolóxica. Se algunha predomina sobre as outras é pola implantación social ou o apoio que reciba a categoría en si mesma, empapada ou non de ecoloxía. Mais isto poida que nin sequera teña unha repercusión favorable para a natureza.
É por iso que o discurso ecolóxico, aínda vestindo o santo con calquera das mencionadas categorías, resulta insuficiente para desenlear o enguedello mercado-natureza. O único xeito pois de construcción do discurso político, embebido dun suficiente aporte ecolóxico que sexa quen de entrar na mencionada coordenada, é o de artellar o noso propio discurso político ao redor da soberanía nacional de Galiza, cuestionando o elemento mercado, mais aportando o elemento ecoloxía en cada chazo da escada.