Mentiras e máis mentiras sobre a igualdade

Mentiras e máis mentiras sobre a igualdade

Estamos ás portas dun novo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e non podemos deixar que pase como un día ritual que se marca no almanaque pero que non ten ningún contido político nin ideolóxico. Asistimos cada día a unha nova ofensiva contra os dereitos das mulleres. Está ben claro que non chega con aprobar leis e normas cando socialmente os avances se ven truncados pola acción directa do patriarcado.

Vivimos nun momento no que os homes e mulleres que se denominan progresistas non queren verse asociados co machismo, pero tampouco co feminismo. Seguimos asistindo á demonización intencional das mulleres que nos declaramos abertamente feministas e que denunciamos a falsa realidade da igualdade. Porque non hai igualdade. Non a hai na política, nin na economía, nin na parella. Non a hai, en definitiva, na sociedade.
O Partido Popular está empregando a crise como escusa perfecta para impoñer de novo os seus criterios morais fortemente baseados na relixión católica para que as mulleres volvamos a ser fundamentalmente nais e coidadoras. No todo vale da suposta loita contra a crise as mulleres vemos como temos que enfrontarnos cada día a máis barreiras para manter a nosa independencia económica e persoal, e cada esixencia que propoñamos semella sempre desorbitada no actual momento.

Vemos como diminúen as denuncias por violencia de xénero e non por existir menor violencia. A realidade é que as mulleres carecen de recursos propios para enfrontarse a un futuro incerto e que as administracións basicamente o que fan é marketing, sen facilitarlles saídas claras, polo que optan de novo polo silencio e a submisión que pode acabar coas súas vidas.

E por riba temos que aturar que incluso representantes públicos como Toni Cantó, membro de UPyD no Congreso, se atreva a dicir que a maior parte das denuncias por violencia de xénero son falsas ou que se cobra por número de denuncias. E remata a faena dicindo que as leis de igualdade o que fan é retirarlles dereitos aos homes!! Pero isto que pode parecer unha arroutada machista non o é. É unha visión que se pretende introducir na sociedade e que leva de novo a criminalizar ás vítimas, as mulleres, as supostas manipuladoras. Cansa xa tanta hipocrisía social ante a violencia de xénero. Non é certo que a sociedade a rexeite. En moitos casos dálle amparo social e ás veces tamén legal, aínda que as leis teoricamente non o permitan.

As accións dirixidas contra as mulleres vense claramente no crecemento de grupos antiabortistas subvencionados polo PP e o espallamento da chamada Red Madre por toda Galiza. A semana pasada presentouse tamén en Lugo. E curiosamente fíxoo ao mesmo tempo ca un suposto centro de orientación familiar ao que de maneira claramente intencionada chaman tamén COF, centro que depende directamente do bispado de Lugo. Neste suposto COF (a confusión de siglas non é gratuíta) vaise informar de como se poden resolver conflitos de parella pero tamén de como enfrontar a maternidade e a vida sexual. E como van facelo? Evidentemente non mediante métodos anticonceptivos. A verdade é que me dan ganas de facer unha broma sobre iso de encomendarnos a deus para non empreñar, pero o tema non o admite. Se algo temos claro as mulleres é que o control do noso propio corpo e da nosa maternidade é o maior avance do século pasado en materia real de igualdade. Poder escoller se queremos ou non ser nais e cando e como queremos facelo cambiou por completo as nosas vidas. E agora volve a igrexa a pretender meterse nas nosas casas e nas nosas vidas para dicirnos cando e como temos que ser nais. E o grave non é que a igrexa pretenda facelo. O grave é que conte co aval das administracións públicas, pois nese acto de presentación dese “enxendro”, estaban presentes o Subdelegado do Goberno en Lugo (PP) e unha representante da Xunta de Galiza (PP). Estamos polo tanto ante un novo xesto de control relixioso sobre a vida das mulleres avalado directamente polo Partido Popular, un Partido Popular que quere que volvamos a ser aquelas da pata quebrada e atadas á cama.

A loita pola igualdade e contra o patriarcado é realmente dura, pero non podemos ceder. Hai mulleres, sobre todo das clases dominantes, que din que nunca sufriron a desigualdade de xénero. O seu temor a non ser consideradas como os homes lévaas a facer unha afirmación que ningunha muller que vexa con ollos de muller pode compartir. E non pode compartir esa visión en ningún campo, nin no laboral, nin no académico, nin no científico, nin no social, nin no familiar,... Pero tamén é verdade que resulta moi difícil ter que admitir que te discriminan en maior ou menor medida por razón de xénero, sobre todo e como xa dixen agora que ningún home se considera machista, fundamentalmente nos ambientes máis formados e progresistas.

Pero a realidade é outra, e contra ela temos que combater cada día, sen desfalecer. Porque é ben certo que se os cambios non se fan desde unha óptica feminista, non serán realmente cambios que favorezan á sociedade, polo menos non ao 50% dela que somos mulleres.