MENTIRAS AO DESCOBERTO NO CONCURSO EÓLICO

MENTIRAS AO DESCOBERTO NO CONCURSO EÓLICO

A recente sentenza do TSXG sobre o decreto para o concurso eólico, promovido polo BNG no Goberno anterior pon en evidencia, por segunda vez, que o Partido Popular e as grandes empresas eléctricas, entre outros, alimentáronse mutuamente nunha grande mentira para satisfacer os seus propios intereses e non consentir a alteración dunha cuestión "santificada": Galiza ten propietarios aos que non se lles pode discutir as súas posesións.

Como senón explicar tanta xenreira e odio a un proceso impecábel, tanto dende o punto de vista xurídico como político, que unha vez desenvolto sería un revulsivo social e económico sen antecedentes. As grandes empresas eléctricas acostumadAs a mandar e facer o que lles petaba na ditadura e na época de Fraga, non podían admitir que alguén modificara o rumbo dos acontecementos e repartira dun xeito máis igualitario o suculento negocio eólico. Neste propósito contaron co seu brazo armado, politicamente falando, como é o Partido Popular que tampouco podía consentir que o nacionalismo se confirmara como unha verdadeira alternativa de poder na Galiza, de carácter transformador e ao servizo das maiorías sociais.

Non estiveron sÓs nesta empresa; a socialdemocracia que comparte o mesmo modelo económico e, na súa mirada curta, foi o parvo útil e o argumento esgrimido pola dereita reaccionaria para aplicarse a fondo na destrución do BNG como expresión política da sociedade galega. Galiza non podía nen pode gobernarse a si mesma nen ser dona do seu destino.

A afirmación anterior puido e pódese constatar aínda agora, aínda que, con menor forza, nestes dous anos de mandato de Feixóo e do Partido Popular dedicados con saña e éxtase a borrar calquera sinal de identidade do Goberno pasado, nomeadamente o que tiña a ver coas iniciativas impulsadas ou postas en marcha polo nacionalismo.

No canto de poñer un recurso como o vento ao servizo do desenvolvemento económico e das empresas propias e xerar emprego, tan necesario nun momento de crise e paro como levamos xa dende fai tres anos, o señor Feixóo e o seu partido non podían consentir que Galiza tomara as súas propias decisións e servira de exemplo no que un aproveitamento racional e ao servizo do ben común dos recursos propios puidera demostrar que outro xeito de gobernar é posíbel e que o noso País non é pobre, senón que esta empobrecido por unha política que pon as nosas capacidades e recursos ao servizo de intereses alleos.

O BNG foi quen de demostrar que a enerxía, neste caso o vento, posta no proveito de todos e todas pode servir de panca de progreso e benestar para o conxunto da sociedade. A participación pública no capital social do proxecto eólico; as actuacións empresariais e tecnolóxicas na Galiza; as iniciativas de contido ambiental ou de infraestruturas básicas nos concellos afectados polos parques eólicos; a implicación dos propietarios dos terreos nos beneficios por medio dos arrendamentos ou a canalización do aforro dos particulares nos investimentos relacionados cos proxectos propostos contraponse ao modelo promovido polas grandes operadoras eléctricas, o PP e os seus amigos; reparto fraudulento beneficiando a militantes, amigos e as grandes operadoras eléctricas, o favoritismo ás empresas foráneas, a eliminación da participación pública nos beneficios e a consolidación da expropiación.

O resultado non so é a instrumentalización da administración pública ao servizo dos poderosos, dos amigos e do negocio, senón máis de dous anos de parálise e a submisión na incertidume do sector, a perda de 3.000 postos de traballo e os que se aveciñan, o adiamento para anotarse no rexistro de preasignación (aspecto fundamental para acceder ás primas) e a privación dun instrumento eficaz para combater a crise.

O dano esta feito e a recomposición do desenvolvemento eólico como instrumento de recuperación económica e a creación de emprego vai ser moi custosa, pero estas circunstancias debémolas ter en conta as persoas comprometidas coa nosa Nación como exemplo de que o nacionalismo é quen de poñer a esta e a súa cidadanía no centro das decisións e das actuacións, que non debemos enrugarmonos no debate político e na posta en valor da nosa práctica por moita "voz" que teña a mentira e que só o nacionalismo é a única opción capaz de transformar esta sociedade e deseñar unha comunidade de futuro e prosperidade. A próxima cita electoral é unha boa ocasión para demóstralles que a dignidade dun país chamado Galiza e o compromiso coa súa soberanía é o que aprecia o pobo, non as faragullas dos poderosos.