Mentira!
Na súa vixesimoitava edición, a Semana Galega de Filosofía celebrouse en Pontevedra do 25 ao 29 de abril e estivo dedicada á Mentira.
Mentira lo que dice
Mentira lo que da
Mentira lo que hace
Mentira la mentira
Mentira la verdad
Mentira lo que cuece
Bajo la oscuridad Canta Manu Chao no seu disco Clandestino. A mentira instalada. A mentira até no máis pequeno. A mentira como forma de vida. A ocultación da verdade e a mentira estrutural é un engano á sociedade, unha forma de alienación e escravitude que nos leva a inacción e o conformismo. Carlos Negreira, como xa sucedera nas últimas eleccións autonómicas, fixo campaña desprestixiando ao goberno municipal da Coruña dicindo que eran uns manirrotos e que, por exemplo, era un dispendio ter oito coches a disposición. Ao día seguinte de gañar as eleccións, os coches xa só eran seis, e dinos que a situación económica é a que é e non se poden esperar milagres, xusto o contrario do que dixo en campaña e co que gañou o voto de moitas persoas. E onde está o "Contrato coa Cidadanía" de Feijóo? Nin rastro do seu contrato de 14 mandamentos. En 45 días, ía acabar co paro; dous anos despois, Galiza encabeza a destrución de emprego en España, as listas de espera na Sanidade aumentaron e nin pistas da rebaixa da carga fiscal prometida. E sen ningún rubor di que non ten competencias en emprego, que non pode facer nada. E dous anos despois de absoluto incumprimento, volven presentar contratos coa cidadanía nos Concellos. E de novo a cidadanía acredita neles. E así nos marean. Con mentiras. Din unha cousa, logo a contraria, ou non fan o que din, ou envían unha mensaxe nun sitio e a contraria noutro ao mesmo tempo. Incumpren "contratos" que se atreven a poñer por escrito e anuncian a bombo e prato sen arrubiarse. O importante é a foto do momento. E funciona. A cidadanía dálles o seu apoio. Por que?
E a mentira dos termos que se utilizan: aprópianse de palabras e persoeiros propias da esquerda e lles cambian o significado. Utilizan "liberdade", "democracia", "feminismo", "ecoloxía", "traballadores", "lingua galega", "Castelao", "Rosalía", ...
Outra gran mentira vén da man da "crise económica" ou "crise dos mercados". Se os culpábeis son os banqueiros e os grandes capitalistas, como é posíbel que -co apoio dos gobernos, do Banco Mundial e do FMI- sexan eles mesmos os grandes beneficiarios e que o que se procura é regresar xusto á situación anterior á crise, pero pagado por todos nós? E ademais a base de recortarlles dereitos sociais e soldos aos máis desfavorecidos.
Falar da mentira é importante. Revelala e rebelarnos contra ela. Procurarlle as claves para entendela e logo pasar á acción. Éis a intención da Aula Castelao de Filosofía neste Congreso de 2011. Cada día dedicouse a unha Gran Mentira: a mentira a voces, a mentira política, a mentira tecnolóxica, a mentira da liberdade e a mentira histórica.
A mentira a voces, a dos medios de comunicación, que nos filtran interesadamente os acontecementos con omisións, xerarquización da información e engano. En palabras de Pascual Serrano, "tapar unha verdade cunha mentira produce o mesmo efecto de desinformación que a censura dos réximes totalitarios".
A mentira política, da que xa falamos antes. Xosé Luís Barreiro defendeu unha atrevida tese: a mentira política é consentida pola cidadanía. Hai mentira pero non engano, pois sabemos que algúns nos minten e a maioría da sociedade consinte. Xa o dixo esta semana mesmo Feijóo ao ser interpelado no Parlamento por Aymerich polo asunto do IGAPE: "non necesito principios de ética ni de supremacía moral", pois lle chega cos que lle dan os galegos "cos seus votos"; argumentación tamén coñecida como "doutrina Camps". Outra gran mentira.
Unha das verbas máis fermosas e peor empregadas: liberdade. O neoliberalismo deturpa o termo entendéndoo soamente como liberdade do individuo fronte aos demais, sen atender aos intereses colectivos e sociais. Cada un é responsábel de seu, e se non trunfa é soamente culpa súa, dando por suposto que todos temos as mesmas oportunidades e partimos do mesmo punto. O mesmo se aplica en Galiza á educación ou á nosa lingua.
A mentira histórica ten en Galiza un paradigma. Enganados durante séculos polas elites dominantes, construímos a nosa historia no autoodio e no desprezo polos nosa raíces, a nosa cultura e a nosa lingua, en fin, no desprezo á nosa identidade.
Fronte á gran mentira do capitalismo, que continuamente intenta convencernos de que non se poden cambiar as cousas, as cousas si que poden cambiar. O nacionalismo galego de esquerdas acredita niso. Debemos liberarnos das cadeas da mentira e sermos conscientes da nosa liberdade para procurar a xustiza, a igualdade e a solidariedade dos pobos e da cidadanía.