Mente que algo queda


O día 20 almorzamos coa nova de que no vindeiro ano 2013 as persoas que traballan para a Administración pública verían recortadas as súas retribucións nun 7%. A propia Radio Galega citaba como fonte a Consellaría de Facenda. A reacción non se fixo agardar e esa mesma mañá comezaron as mobilizacións nos centros de traballo. Ao mediodía o presidente da Xunta declaraba aos medios que non se ía reducir o 7% e que as e os traballadores ían recuperar unha parte da extra detraída este ano 2012, unha parte variábel que sería superior nos salarios máis baixos.

A confusión estaba servida: baixan ou non baixan s retribucións? Recuperamos ou non a extra que nos sacaron en 2012? Cal é a finalidade práctica de que a mesma Administración envíe informacións contraditorias? Usar unha vez máis a táctica do lanzamento das mensaxes preventivas destinadas a vacinarnos e evitar as nosas mobilizacións, críticas e reclamacións; mensaxes que logo se contradín e así créase unha enleada que ninguén entende, para que reine a confusión. Daquela se a CIG di, por exemplo, que se confirma que haberá un novo e lesivo recorte salarial, coas declaracións de Feijóo na cabeza sempre pode haber quen diga que non é así, que o presidente dixo outra cousa. E ficar inmóbil. Tamén para afondar no desprestixio das e dos traballadores da Administración pública, lanzándolle á sociedade en xeral a mensaxe encuberta de que non temos por que queixarnos tanto, que non nos van baixar tanto como din por aí (eles mesmos, reitero)

O día 21 estaba convocada a Mesa Xeral da Función Pública, a unha hora estraña cando menos: as 13:45 h. Todo apuntaba a que non ía haber negociación ningunha, senón unha simple comunicación para a que tampouco se pretendía que houbese un pequeno debate. De feito nin sequera enviaron documentación, iso si, filtráronlle á prensa o que lle interesaba, nunha calculada manobra de manipulación da opinión pública. Todo o mundo podía ter detalles, aínda que non fosen reais, do que ía facer a Xunta, menos as e os traballadores directamente afectados.

,Ante a previsíbel proposta de redución salarial, foi convocada unha concentración de urxencia na que as e os representantes sindicais puideran deixar constancia da súa posición contraria ás pretensións da Administración. Dentro da EGAP os representantes sindicais expresaban a súa oposición e indignación. A resposta foi o desaloxo dos representantes dos traballadores e a contundencia policial na porta do edificio contra delegadas e delegados sindicais que agardaban o resultado da reunión.

De regreso da EGAP repasamos a información, mais as contas non saen. Despois de darlle varias voltas quedo convencida de que, en realidade, en contra do que anunciaran, vannos sacar outra vez unha paga extra, mais desta volta repartida. Iso podemos ler entre liñas nas declaracións aos medios. Din que nos están devolvendo unha parte da extra detraída en 2012 e porén non imos cobrar as extras íntegras, daquela, en realidade, estannos sacando outra vez unha das extras de 2013. Acabáramos! Ou sexa que ademais de todas as mentiras que xa nos contaron agora hai máis: para comezar a ocultación de que en 2013 volven quitarnos a extra de decembro, cando o Real Decreto 20/2012 soamente recollía esa supresión só para 2012. E pretenden facer pasar unha devolución parcial do que nos quitaron como un avance! Era o produto do noso traballo e non nolo devolven! seguen quedándose cunha parte!
Isto non hai quen o entenda.

Ou si. Seguramente o presidente e o seu gabinete si, ao fin e ao cabo fano así para que non entendamos nada e para que o conxunto da sociedade pense que si, que nos devolven unha parte da extra e que si, que cobramos máis que este ano 2012. E non, non é certo, a única realidade é que as nóminas das e dos traballadores da Administración están por debaixo das de 2009 e seguen baixando, e isto en cifras absolutas porque se consideramos o valor real dos soldos e dos prezos estariamos a falar dunha perda salarial moito maior.
Non teñen vergonza. Rinse de nós. De todas e todos, non só dos seus traballadores. Coa mentira e a confusión poñen a andar a súa apisoadora e, pasiño a pasiño, empobrécennos día a día ao conxunto da sociedade, a unhas porque somos as súas traballadoras, a outros porque reducimos a nosa capacidade de gasto, e nesta espiral todo se vai a pique.
Este ano baixará o consumo de Nadal nos fogares galegos, e o comercio e a hostalería incrementarán as súas perdas. Xaneiro será un mes complicado. Mais o presidente e o seu gabinete non van ter ningún deses problemas, nin lles importa que outros os teñan. Así ven eles o Nadal e así nolo desexan.