Memoria Histórica


Son dos que fai votos (e no seu momento votarei) por que se reediten os gobernos municipais de coalición entre BNG e PSOE (alí onde non sexa posible que goberne o Bloque en solitario), mais non porque me crea que esa compaña é a esquerda, senón porque o outro é peor. Coincido con Arzallus cando dicía aquilo de que «para gobernar co PSOE hai que taparse as narices».

Por iso é lamentable que no entorno do nacionalismo de esquerdas haxa unha boa presa de xente que ve nesa alianza "gobernos de esquerdas" ou "de progreso". Pensar que o PSOE e, por extensión, a socialdemocracia en xeral, é de esquerdas é vivir na inopia.

Certo que os termos esquerda e dereita teñen tamén un valor relativo, mais entón compre distinguirmos ben os verbos ser e estar. O PSOE está á esquerda do PP; vale. Da mesma maneira nos USA os "demócratas" están á esquerda dos "republicanos", ou durante o franquismo o Opus estaba á esquerda da Falange. Mais ningún deles é de esquerdas.

Ser de esquerdas significa loitar por un outro tipo de sociedade: progresiva, verdadeiramente democrática (non só formalmente), cun Estado que promova a xustiza social, en defensa do sector público fronte á ditadura das oligarquías privadas, impulsando unha política de paz (por exemplo en Afganistán) e non de agresiva alianza imperialista, de solidariedade cos pobos que loitan pola súa emancipación (por exemplo no Sahara), de apoio aos que se evaden do poder global neocolonial (Venezuela, Cuba, Bolivia...), etc. Non é preciso abrir moito os ollos para decatarse de que hoxe a socialdemocracia está nas antípodas de todo iso. Non é máis que unha das formas de administrar a sociedade capitalista (inxusta e belicosa en si mesma)... e non necesariamente a forma máis humana de facelo; ¿como entender -se non- personaxes da catadura de Tony Blair ou Paco Vázquez? ¿en que se diferencian da dereita explícita?.

En auxilio do que digo acode a Historia, esa especie de pesada conciencia colectiva; por moito esforzo organicista e mediático que se despregue, está sempre presta a destapar o verdadeiro carácter do suxeito.

Non está de máis lembrarmos un par de episodios históricos significativos do carácter da socialdemocracia europea (e por ende do PSOE).

Xa en data tan temperá como o ano 1919 (non moitas décadas despois da súa fundación en Alemaña) foi precisamente a socialdemocracia, aliada á dereita máis extrema, quen se encargou de reprimir o movemento revolucionario lanzado pola Liga Espartaquista, incluíndo o asasinato de centos dos seus membros e a "desaparición" dos dirixentes Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg, precedente dunha desprezable metodoloxía que se repetirá logo en España durante o goberno do socialista Felipe González.

Vinte anos despois, en marzo de 1939 (e isto tamén pertence á memoria histórica) a IIª República española sufría un segundo golpe de Estado. (Sóese esquecer que a República sucumbiu baixo dous golpes de Estado -non só o de Franco en 1936- e unha guerra). Cando o presidente do Goberno, Negrín, con apoio comunista, sostiña a necesidade e posibilidade de resistir, ante a inminencia da IIª Guerra Mundial (para integrarse entón no bando aliado), por iniciativa do PSOE (Besteiro) e das ruínas da CNT, o coronel Casado (responsable da defensa de Madrid) desencadeou este segundo golpe de Estado, todos eles en conivencia con Franco, con quen esperaban un imposible acordo. Esborrallaron así o fronte republicano, liquidando toda posibilidade de resistencia e poñendo inermes a moitos demócratas nas mans das hordas fascistas.

Esa é a triste historia e a cada un tócalle asumir a parte que lle corresponde. A Historia non é neutra; ao mirar cara ao pasado non pode xa facer xustiza, pero polo menos cualifica aos seus protagonistas.

As razóns polas que a socialdemocracia (fundada polo propio Marx) derivou tan axiña desde os principios obreiristas ata a defensa do formalismo democrático burgués é cuestión de longa análise, ligada sen dúbida á propia evolución da sociedade contemporánea europea e do movemento obreiro. Mais o certo é que hoxe as cousas están onde están.

Posto que os termos esquerda e dereita admiten unha interpretación relativa, quen ve ao PSOE na esquerda é porque o contempla desde a dereita.