Medo e democracia
Afirmaba Saramago que as chamadas democracias occidentais non eran outra cousa que plutocracias disfrazadas de aparato democrático, é dicir, o poder do capital e dos poderosos de sempre maquillado sutilmente nun discurso de liberdade. É posíbel que esteamos ante a dominación e a alienación máis perversa da historia, ante o imperialismo máis salvaxe e mortífero: o capitalismo desbocado e sen freo. Alguén comparou este proceso coma unha máquina de engrenaxe en marcha que non saben como parala nin os que a botaron a andar. Será realmente unha bola de neve que rebentará en anacos contra o mundo? A grave situación medioambiental do planeta parece que non deixa moita marxe. De todas as ferramentas empregadas polo poder quixera reflexionar hoxe sobre unha en concreto: o medo, pois acredito que endexamais se botou man del como nestes últimos tempos e por razóns ben obvias.
Non recorro as reflexións de From ou de Marcuse, sinalando o medo a liberdade como consecuencia da instalación na cultura do benestar, entre outras cousas por falta de espazo, pero sen esquecer que están detrás da gran provocación capitalista. O cogito ergo sum cartesiano, dexenerou no consumo polo tanto existo implantado na sociedade norteamericana e globalizado hoxe na maior parte do mundo. O medo a perder este benestar pode que acoche detrás da parálise do pobo ante os atracos do poder.
O medo xace acochado no máis fondo do ser humano. Quizais desde a orixe dos tempos e como reacción ao arrepío cósmico, o terror ante a natureza, como apuntaba Pascal.
Pronto alguén caeu na conta da produtividade do medo, so había que saber administralo. E desde o comezo da historia o medo foi controlado por persoas ou grupos: adiviños, magos, sacerdotes, exércitos, reis, emperadores, sempre para favorecer o seu interese, a súa supervivencia ou estatus fronte o resto das persoas. Partindo do medo ao descoñecido que habita en todo ser humano, manipulouse sen dúbida o medo ante a experiencia da morte, e así as institucións relixiosas convertéronse nas maiores administradoras da porta do alén, como ben sinalou o teólogo Hans Küng ao falar da chantaxe da vida eterna. Pero estes administradores actúan tamén por medo, e o control do medo do outro provoca seguridade e así nacen as ansias de poder, de riqueza, dominio... defendense do seu medo creando medo.
As mesmas estratexias podemos observalas en distintos comportamentos de relación da vida diaria, e por desgraza tremendamente presentes na violencia machista, e nos abusos a indefensos. O medo do maltratador a perder, a non controlar, a non poseer...enxendra o pánico e tantas veces o silencio nas vitimas.
Pero quería eu baixar a realidade do acontecer político e social que vivimos, e deixar o anterior discurso para os especialistas e estudosos da mente humana. De cara a unha transformación social haberá que ter en conta todo isto, non é banal nun país como o noso onde adiviños, feiticeiros e santuarios milagreiros gañan adeptos cada ano. Hai que contar ademais con que a maior parte dos medios de comunicación son grandes espalladores de medos, ao servizo do poder, e cunha capacidade tecnolóxica abraiante. É certo que internet creou espazos de liberdade inusitada, e os resultados están a vista no norte de África. Non hai que esquecer que os xornais naceron como voceiros contra os abusos do poder, sobre todo defendendo aos obreiros na revolución industrial, ata que foron comprados e dominados polos patróns e hoxe polas grandes corporacións multinacionais. Que sucederá coa rede? Non estarán xa formulando o seu dominio?
Poño so algúns exemplos do que teño observado nos últimos tempos e de cómo funcionou a estratexia do medo. O primeiro é o da chamada gripe aviar. Dous anos antes de que a maior parte dos estados occidentais gastaran millóns de euros nas vacinas fabricadas polas empresas norteamericanas que todos coñecemos, os medios de comunicación comezaron a alertar ao mundo, primeiro con pequenos artigos, despois con reportaxes, estudos científicos...logo viñeron os cálculos: millóns de mortos en todo o globo. Ante os primeiros casos, non sabemos si provocados ou non, comeza o acaparamento de medicamentos, tanto que moitos países sen recursos quedan desabastecidos. Pasa o perigo, destrúense as vacinas e dos xornais desaparece calquera alusión á peste. Os poucos que erguen a voz e protestan son acalados por solemnes declaracións dos organismos mundiais da saúde.
A crise económica mundial empregou as mesmas estratexias: avisos nos xornais, logo nas televisións, alarmismo en pequenas doses que vai paralizando ao persoal. E así impóñense políticas e reformas que favorecen aos amos de sempre a costa do sacrificio e empobrecemento dos traballadores. De onde ven esta falta de indignación ante as medidas anti-crise? A resignación ante a suba inxustificada dos carburantes e enerxía eléctrica? Ante a xubilación e pensións, recortes do paro...? Unha vez máis a estratexia do medo impón o seu xogo, e gaña.
Como vencer ao medo? Teño claro que o camiño é o do saber, o do coñecer e o de aprender. Unha persoa ben formada é unha persoa máis libre e con menos medo. Non é de estrañar que as políticas culturais e educativas sexan sempre as últimas, non interesan. Velaí o reto que desde unha aposta polo país temos diante. Sabemos que non contamos cos medios nin cos cartos, pero haberá que chegar a cada recuncho, e a cada home e muller deste país, esquecendo un pouco o aparato da política burguesa, dos grandes partidos que son outra peza da estratexia do medo no servizo ao poder. A gravidade que supón a perda de medios propios como A NOSA TERRA, VIEIROS...non pode deixarnos indiferentes e non deixa de ser unha chamada á creatividade no canto da resignación. Volve o medo ao emprego da nosa lingua provocado desde unha sucia campaña gobernamental con toda a potencia que lle conceden os grandes media galegos. Ben é certo que fomos quen de responder e demostrar a forza dun pobo nas manifestacións do pasado ano. O traballo de A Mesa e iniciativas como QUEREMOS GALEGO marcan un camiño de resistencia e de éxito.
Contamos coa rede, de momento, pero non esquezamos que non é a panacea e que moita xente do país non está conectada. Campañas de información e contestación como a realizada encol da lei augas, tiveron unha gran acollida en poboación que non ten aceso a internet. Cando se instala a resignación, incluso entre nós mesmos, compre de novo saír as rúas e achegarse aos lugares, con charlas, conversas nos bares, teatro, música...é tempo de dinamizar!
Vencer o medo tamén a nós mesmos, a que non podemos, a que nunca o lograremos...chegan mensaxes salvadoras, discursos fáciles nos correos electrónicos que desacreditan o traballo político e sindical. Prenden na xente e case non nos damos de conta.
Cantábamos hai anos aquilo de "nós non temos medo... hoxe". Haberá que cantar de novo e con forza, ou crerán que si, que temos medo e calamos. De momento, podemos indignarnos contra os que gañan millóns a conta da crise, como Repsol, Endesa, Gasnatural(Fenosa)...non agardarán os parados, os pensionistas, que alguén lles faga perder o medo ante recibos de 200 euros ao mes pola electricidade ou os 120 euros e máis dos carburantes?
Mentres venza o medo, non haberá democracia, sobrevirá o poder fronte a autoridade do pobo(autoridade de augere, axudar,facer medrar).
Nós non temos medo, velaí Terra e Tempo dixital, un ano quitando medos, parabéns!