Medir e interpretar a realidade

Medir e interpretar a realidade

A tese que o Partido Popular puxo en circulación é a de culpar os anteriores gobernos da herdanza recibida, tentando convencer á xente de que, grazas ao seu labor, estamos no comezo da saída da crise. Grandes altofalantes colaboran para crear ese estado de opinión, acelerados estas semanas ante a próxima convocatoria eleitoral. Mais como a realidade non se adapta a ese desexo que de xeito hipnótico tentar impoñer á sociedade, daquela abusan das estatísticas.

Na base de calquera toma de decisións, das actitudes vitais e do xeito de enfrontar as circunstancias nas que nos movemos está a percepción que teñamos da realidade, subxectiva si, mais tomada a partir duns dados que consideramos certos de partida. As nosas experiencias, as opinións daqueles que reputamos como dignos de creto son fontes primarias para conformar esa nosa realidade. Os medios de comunicación sistémicos gozan, malia certo descrédito, con boa sona e grande parte das súas mensaxes son asimiladas por sectores amplos da poboación. Porén, o deterioramento da realidade social e económica, que calquera pode constatar abrindo un pouco os ollos e tendo un mínimo de memoria e sentido crítico, obriga estes medios a esforzarse máis a cada volta. Daquela recorren á estatística, sabido que os números gozan de aínda maiores doses de credibilidade, xa que un número, na súa exactitude matemática, é a verdade absoluta e está fóra de calquera sospeita. Mais non todo é así, nin moito menos.

Hai millenta de exemplos de utilización retorta das estatísticas para confundir, mentir e levar a conclusións xusto contrarias da realidade da que parten. Os telexornais da TVG son burdos e de manual neste senso. Día tras día nun bombardeo seguido despregan todas as malas prácticas que se poden facer cos números para convencer o pobo da tese inicial referida. Vexamos:

- Descontextualízanse os dados estatísticos
- Non se comparan cos dados de partida, mesturando valores absolutos e porcentuais á mantenta
- Danse cifras de ítems irrelevantes como se fosen os básicos (abrindo os titulares dun telexornal, por exemplo)
- Escóllese o terreo de xogo en función do que interesa, ocultando ou parcializando a información (se baixa o desemprego no Estado Español pero sobe en Galiza a nova será a primeira e nunca a segunda; e viceversa)
- Xógase coa terminoloxía segundo conveña, facendo inintelixíbeis os dados negativos e salientando os positivos (“baixa o paro”; pero “increméntase o desemprego”)
- Evítase tratar os dados como series longas, facendo comparativas interesadas moi concretas, eliminando a visión tendencial das variábeis
- Contraprográmase a existencia dunha nova negativa con varias positivas fabricadas ad hoc
- Omítese a orixe dos dados, isto é, ocúltase á sociedade quen son os fornecedores dos mesmos e polo tanto a súa fiabilidade
- Confúndese correlación con causalidade, isto é, dúas variábeis poden evolucionar conxuntamente no mesmo senso, sen que por iso se poida inferir que unha é consecuencia da outra
- Satúrase a información con centos de dados, normalmente mesturados entre eles, até provocar que se desista de tentar interpretalos e se dea por bo que o goberno ou algún estamento da súa corda espalle a tese de “todo vai ben”
- Ocúltase a parte da información que non interesa -
- Utilízanse os métodos “Milton Friedman” (mentir e modificar a conciencia os números até facelos coincidir co que queremos demostrar) e “Joseph Goebbels” (repetir unha información ducias de veces até que se asuma como se non fose mentira)

Poderiamos poñer miles de exemplos de todos estes subterfuxios no pasado, pero simplemente con facer un seguimento crítico e atento ás informacións das vindeiras semanas xa teremos de abondo. Se todo o anterior o adubamos con suxestivas imaxes de enormes tiras de billetes de moitos euros a imprimirse industrialmente nalgún banco central, entón si que tamén nós poderemos concordar con que o índice de confianza dos consumidores no primeiro trimestre aumentou un 0,0328 % respecto do mesmo período de hai nonseicantos anos.

Utilízanse a cotío todas estas “técnicas” coa finalidade de impedir que o telespectador pasivo poida formarse unha opinión informada da realidade, dificuldando a interpretación dos dados estatísticos. Será certo entón que Galiza vai ben, e vivimos no mellor dos mundos posíbeis como tratan de nos transmitir? A percepción que calquera pode ter ollando a realidade que o circunda para alén dos medios de propaganda, indica que non. E os propios dados estatísticos indican tamén outra cousa. Sen entrar en cuestións xerais como o estancamento e avellentamento da poboación galega, a perda de poder adquisitivo, as condicións de precariedade laboral, os recortes de gasto público en todas as esferas coas consecuencias que isto trae, o número de persoas en situación de pobreza e mesmo pobreza severa, a débeda pública de Galiza, a emigración sobre todo de mocidade con non pouca formación, alén de todo iso, hai dados económicos xenéricos moi significativos. Para obtermos unha visión xeral da situación económica galega abonda con sinalar unhas poucas cifras, recollidas do propio Instituto Galego de Estatística que se refiren á actualidade e a cinco anos atrás, data do comezo do primeiro goberno Feixoo.



,
Cada vez somos menos os galegos e galegas (-1,34% menos os maiores de 16 anos no último lustro); somos menos os que estamos en disposición de traballar (-3.35%) e máis son os que non (inactivos: +1,11%); diminúen as persoas con emprego (-17,85%) e máis que dóbranse as desempregadas en só cinco anos (+132,50%). As persoas con traballo son cada vez menos en relación co total, e se hai cinco anos case a metade dos maiores de 16 anos estaban ocupados (48,6%) e outros tantos non, agora só 4 de cada dez teñen traballo, ou dito doutra maneira 4 persoas traballan xerando riqueza mentres outras 6 non o fan. O número de desempregados/as máis ca duplicouse en cinco anos.

Eu disto tiro a conclusión de que a situación social é insostíbel e provoca que sexamos unha sociedade sen viabilidade nin posibilidades de desenvolvernos nin individual nin colectivamente no futuro. A maioría dos medios e do goberno tentan convencernos do contrario. Vós diredes.