Manipulación informativa: o escándalo do “caso BNG”

Nunca tanto se falou do BNG na TVG e na Radio Galega. Segundo dados oficiais, a XIII Asemblea Nacional (desenvolvemento previo, plenario e proceso posterior), consumiu nada menos que 6 horas e 39 minutos nos servizos informativos da TVG. Unha auténtica marca. Mágoa que non fora para informar da súa actividade, simultánea e escandalosamente ocultada e censurada, senón para deformar e desgastar deliberadamente a imaxe desta formación nacionalista. Na Radio Galega non oferecen dados. Só sabemos que no espazo de tertulias “A Crónica”, mereceu máis tempo de debate a situación interna do BNG de Gondomar (sen dúbida de interese mundial) que a reforma laboral do PP e a convocatoria de folga xeral para o 29 de marzo. O tratamento informativo sufrido polo BNG durante todo ese proceso debera figurar na antoloxía da manipulación. Dá, como mínimo, para unha tese doutoral.
Pois o combate que o Partido Popular practica contra a pura existencia da nación galega, contra os seus símbolos e identidade, contra a súa base económica e material, ten tamén o seu correlato lóxico nos ataques á expresión política autoorganizada dese mesmo pobo: o Bloque Nacionalista Galego.
A censura e a ocultación sistemática da actividade, iniciativas políticas, mobilizacións ou alternativas defendidas polo BNG, contrasta vivamente coa hipertrofia da “información”, coa manipulación vasta, coa caricatura interesada sobre a organización nacionalista. Cúmprelle ao PP (mais tamén aos intereses que representa) a eliminación do BNG, isto é, do instrumento político de autodefensa do pobo galego. É evidente que a aniquilación do nacionalismo na Galiza permitiría abrir o país e as súas capas populares á súa plena depredación por parte de poderes economicamente insaciábeis. Interesa, e moito, a destrución do BNG. Máis aínda no contexto económico e social crítico que padece o país.
Esta é a única motivación que pode xustificar tal nivel de deformación informativa de todo o que ten a ver co BNG, promovendo esa imaxe, tan funcional para o PP, de forza política rompida e dividida, carente de iniciativa, eternamente sumida nun debate interno autodestrutivo. O Partido Popular, efectivamente, pode facer e actuar como quixer, mais o que resulta intolerábel é a descarada instrumentalización dos medios de comunicación públicos do noso país, TVG e Radio galega, que pagamos todas e todos, ao servizo da estratexia político-electoral do PP. Por certo, en chave máis ideolóxica, o partido político grego “Amencer Dourado” é presentado nos informativos da TVG como “nacionalista”. Repárese na calculada aberración. Non se cualifica, como sería lóxico, como organización fascista, de ultradereita ou estrema dereita (lembraría esta caracterización, acaso, ao propio PP?), senón como “nacionalista”, a fin de o asociar ao BNG. Todo vale.
Algún exemplo máis actual. Telexornal Serán, 11 de maio. Emítese a noticia –aparentemente en positivo- da presentación pública da nova e mellorada páxina web do BNG, con imaxes de Carme Adán. Mais a voz en off que cubre a nova “informa”, literalmente, do seguinte:
“Dende o BNG desvinculan os cambios, da última enquisa do CIS, unha enquisa que reflectía para a formación unha perda do 50% dos apoios, e que o 82% dos enquisados non coñecía o seu candidato. Din que levan meses traballando nesa ferramenta informática.”
Realmente espectacular. “A arte da guerra está baseada no engano”, afirmaba hai 2.500 anos, con razón, o xeneral chinés Sun Tzu. E nesta guerra que hoxe libra o poder contra o nacionalismo galego, o engano, a falsidade e a mentira ocupan postos sobranceiros. A dirección da TVG é perfeitamente consciente de que o dado de coñecemento de Francisco Jorquera extráese do total de habitantes do Estado español (47 millóns), e non do da Galiza (2’7 millóns). Cambia o conto, non si? Ou da irrelevante cantidade de persoas enquisadas na Galiza que fan que a mostra non sexa representativa nin, daquela, rigorosa. E ademais, da indecencia moral que supón dar conta dunha acción do BNG minorando e desvirtuando o seu efecto positivo con mentiras procedentes dunha enquisa convenientemente manipulada.
Outro caso: a Convención Nacional do BNG. Telexornal do 13 de maio, o mesmo día. Quen estivemos nesa cita nacionalista sabemos do seu absoluto suceso. Aquí a TVG non puido ocultar os milleiros de asistentes nin a fortaleza demostrada, mais novamente unha voz en off “informa” de que:
“É o primeiro acto que os nacionalistas convocan tras o proceso interno vivido pola formación tras a asemblea de xaneiro que derivou na maior escisión da súa historia, coa saída de dirixentes fundadores como Xosé Manuel Beiras.”
Conmovedor. Mais observemos: “primeiro acto que os nacionalistas convocan”. O primeiro acto? Houbo centos deles, iso si, silenciados, en toda a nación: conflito das preferentes, reforma laboral, defensa da lingua, sector naval, e un longo etcétera. E, por suposto, a desvirtuación da Convención coa imprescindíbel mensaxe da división... case catro meses despois da Asemblea de Amio!
Tanto ten. O importante para o PP e os seus instrumentos de manipulación é trasladar á sociedade galega esa caricatura. Horas e horas de telexornais e boletíns informativos, de tertulias televisivas e radiofónicas, de opinións de “expertos” ou “benególogos” creados e formados na canteira de eliminación da discrepancia na que se teñen convertido TVG e Radio Galega.
O segundo obxectivo consiste en ocultar como sexa o proceso de degradación e empobrecemento da sociedade galega como consecuencia da política económica, social, laboral, cultural e lingüística que se está a impoñer dende os propios gobernos do PP, antes do PSOE coa conivencia do PP. O evidente desgaste social e electoral do PP debe ser necesariamente inserido, a xuízo destes estrategos da comunicación, nun contexto informativo que constrúa a falsa idea da falta de alternativa política real a fin de provocar resignación, individualismo, desesperanza e, finalmente, a asunción acrítica dunhas medidas agresivas, crueis e sen escrúpulos, que castigan ao pobo galego, e que se presentan como irremediábeis.
O manual está ben estudado. O poder da televisión, e en concreto dos informativos, á hora de conformar un estado de opinión pública favorábel aos intereses gobernamentais, está perfectamente analisado, entre outros, por Vilches (Universidade de Barcelona):
“(...) pausa e movemento do VTR, conxelación da imaxe, ráfagas sintéticas e anagramas dixitais, chromakey e presentadores que miran aos ollos mentres presentan.”
Por iso resulta especialmente meritorio que na Galiza, cun espazo de comunicación galego ben fráxil, e con medios públicos e privados implicados no linchamento do nacionalismo, haxa un importante sector da poboación que se mantén firme, en termos de fidelidade co BNG. Probabelmente maior do que nos imaxinemos. O que significa que hai vontade e potencialidade. Non nos derrotaron, e vannos ter que roer.