Mamá quero ver a televisión
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/18/20220718115612043335.jpg)
Os nenos e as nenas de entre 4 e 12 anos son grandes consumidores/as de televisión. Un estudo recente conclúe que, fronte ás 960 horas que os nenos e nenas pasan na escola, 990 horas bótanas diante do televisor. Estas 990 horas non inclúen o consumo que corresponde aos videoxogos e ao computador.
A televisión, que moitos xa a teñen en chamar a "aia electrónica", polo seu labor de entreter os pequenos, diante da falta de tempo de pais e nais, poucas veces ofrece programación de calidade e menos aínda adaptada ás idades dos pequenos. Fronte á televisión en aberto, moitos/as recorren ás canles temáticas de pago, cunha programación continua, adaptada a cada tramo de idade. A estas canles accede aínda unha porcentaxe pequena da poboación galega mais, como veremos, o galego queda en todos os casos excluído.
A aparición da TDT podía ter suposto unha oportunidade para o galego, permitindo aumentar a programación de calidade, así como a programación infantil na nosa lingua. Lonxe disto, o novo sistema de televisión converteuse nunha nova ferramenta de españolización, sobre todo da infancia.
Cando en 1984 unha lei do Parlamento galego creaba a CRTVG, unha das misións que se lle encomendaban como servizo público era a da promoción, difusión e impulso da lingua galega.
A TVG ofrece moitísimas menos horas de programación infantil hoxe que fai 20 anos, mais agora a oferta en español multiplicouse por 15.
A TDT permite que a cada forgar galego cheguen unhas 25 canles en aberto, das que 2 son canles infantís. Á oferta para nenos e nenas hai que lle engadir a programación das canles xeneralistas como TVE, Antena 3, Tele 5, etc.
Se analizamos a programación de calquera dos días da fin de semana, que é cando os rapaces ven máis televisión, atopámonos con que só TVE, Antena 3 ou Tele 5 ofrecen 5 horas de programación infantil, cada unha por 2 horas de TVG 2. Á oferta en español teríamos que lle engadir outras canles que tamén teñen programación infantil, como FDF, A3 Neox, ademais das canles infantís Clan TV e Disney Channel.
Ante o evidente desleixo da CRTVG na súa función de ofrecer unha programación de calidade e atractiva para cativos e cativas, temos que lle engadir, o esperpento da súa web. Mentres que outras canles públicas, como TVE ou TVC, teñen espazos nas súas webs dedicados aos máis pequenos, con xogos educativos ou o acceso da televisión á carta, na web da CRTVG, no seu espazo de televisión á carta, non existe a programción infantil.
A canle pública española posúe unha gran variedade de programación infantil á carta, a través da web da súa canle temática Clan TV. Esta permite visualizar as series de moda entre os/as nenos/as en calquera momento ou ofrecer recursos didácticos, protagonizados polas personaxes das series. O mesmo lle ocorre coa edición web da canle temática da televisión catalana Super3.
Neste momento, por tanto, podemos desbotar para o galego a TDT e a televisión á carta a través da internet.
Se reparamos na oferta que existe á venda, en formato DVD, dos 44 títulos existentes en galego, máis do 50% son títulos das series Doraemon e Shin Chan.
Mais a contundente realidade dinos que, aos nenos e nenas galegos/as dalles igual a vía de comunicación ou o formato, eles e elas o que queren ver é a Pocoyo, Bob Esponxa, A Casa de Mickey Mouse, Little Einstein ou os Gormiti. Unha xeración de crianzas que viven maioritariamente en contornos urbanos e castelán-falantes que, cun pouco de sorte, terán contacto co noso idioma unicamente na escola.
Diante disto, só nos queda reclamarlle aos responsábeis da CRTVG, respecto á nosa infancia, que son o futuro deste país, ofrecendo a través da TVG unha programación en galego, mais tamén de calidade.
Mais, como do PP só se poden esperar retrocesos con respecto ao noso idioma e dada a situación tan complicada para o galego, cómpre do esforzo persoal de pais e nais a hora de lles ofrecer aos nenos e nenas recursos en galego.
Se por unha vez podemos beneficiarnos da uniformización da globalización é neste caso. Todas as series de moda, que enchen os quioscos e ilustran desde cromos a larpeiradas, están dobradas ao portugués.
A maioría dos DVD de A Casa de Mickey Mouse, Little Einstein ou Gormiti permiten escoller o idioma portugués. Só temos que reparar na letra pequena cando os merquemos. Outras series para os/as nenos/as máis pequenos como Pocoyo, Noddy, Bob o constructor ou Caillou, moi populares na lusofonía, son de moi fácil acceso se contades con conexión á internet.
Ademais, moitas produtoras contan con películas dobradas ao galego, que xa foron emitidas pola TVG mais non foron comercializadas coa dobraxe en galego. Desde os concellos, pódense organizar ciclos de cinema infantil en galego con este tipo de filmes. Non son dunha gran calidade artística en moitos casos mais si permiten ter unha programación estable en galego por pouco custo. 14 pelis para os peques, vai camiño da súa terceira edición, con grande éxito de público.
Tamén a Axencia Audiovisual Galega ofrece, a través do Cinema Dixital, propostas interesantes para público infantil, composto maioritariamente por curtas de moitísima calidade, que poden ser proxectadas por calquera asociación que estea interesada, sen problema ningún.
Debemos aproveitar todos os recursos posíbeis. As novas tecnoloxías facilítannos a relación coa lusofonía e así poderlles ofrecer unha proposta audiovisual variada e de calidade ás crianzas.