Malia a Constitución, existen varias nacións

Malia a Constitución, existen varias nacións

O Estado español recorre, con máis que excesiva frecuencia, ao embuste ilusionista, mesturado coa arrogancia e a agresividade imperial. Posibelmente non existe un Estado plurinacional onde esta mestura se estea a facer, a cada paso, máis irrespirábel, confusionista e caótica, alén de intoxicadora. A opinión pública móvese entre a insatisfacción, o desagrado, a histeria, a irracionalidade ou a desafección progresiva nunha ou outra dirección, porque o embuste ilusionista convence cada vez menos, a non ser que vaia acompañado da ameaza e a represión, contentando entón aos partidarios da España única nación, indisolúbel, patria común, quéirase ou non. Efectivamente, por enriba de toda cerimonia de distracción, de toda boa palabra, de todo aceno compensatorio, vaise impondo unha política que non deixa lugar a dúbidas de que vivimos nun Estado xerarquizado, coas debidas subordinacións, canto á súa estrutura institucional, ás linguas que se falan, canto á capacidade de decidiren das nacións que, en realidade, o sustentan. Esta xerarquización implica unha desconsideración sen miramentos polo que non se ateña á idea dunha nación única, indivisíbel, a española, e excita, de forma agresiva e intolerante a quen con ela se identifica.

Con semellante concepción, lexitimida pola Constitución de 1978, por moitos requilorios que a adornen, os límites para encaixar distintas realidades nacionais son máis ben cativos; en termos de integración das súas vontades políticas, máis ben asfixiantes. Nestas circunstancias, falar dun estado politicamente descentralizado é un chiste de mal gusto. Dicir que está entre os doce máis descentralizados do mundo é unha proba de que a petulancia e a arrogancia española, para consumo interno, non ten cancelas. Para a confusión social é moi rendíbel, tanto no caso dos que son e se senten españois como no dos outros nacionais non recoñecidos, malia sexa con efectos distintos. Por exemplo, na Galiza tranquiliza e confunde coa idea de que a Xunta goberna con verdadeira autonomía algo substancial, polo que a súa dialéctica, eficacia e función depende exclusivamente da ideoloxía política do partido que a controla. Tendo en conta que case sempre foi gobernada pola dereita e, en moita menor medida, pola esquerda española, cun pequeno interregno con participación nacionalista, a tendencia a encaixala e valorala nesta dialéctica ideolóxica foi total. Nin sequera se fixo nidia a súa función, a maior parte do tempo, de apéndice do Goberno español de quenda. Non digamos os seus límites competenciais en relacións aos problemas que debe enfrontar a sociedade galega nin o asfixiante sistema de financiamento con que conta, que fai máis inviábel aínda nada que pretenda chamarse autogoberno. Deixando á parte os anos da transición e os primeiros do actual réxime, até 1990, máis ou menos, onde a crítica ao marco autonómico estivo na primeira liña do combate ideolóxico e político nacionalista, a incidencia táctica deste criterio foi pequena na nosa acción política; volveu selo, desde hai catro anos, de forma clara, pero cunha incidencia social escasa.

As denuncias da subordinación e dependencia política como consubstanciais ao marco autonómico e a necesidade da súa superación, como algo vital para Galiza, non forman parte do ideario dos partidos españois. Naturalmente eles non están para defender Galiza nin o pobo galego como unha realidade prioritaria. Quen estiver convencido de a Galiza ser o seu centro prioritario de atención e actuación, non tería máis remedio que asumir a necesidade de superar o deseño autonómico, colocando nun primeiro plano esta necesidade, como aconteceu en Catalunya. CIU chegou á convicción práctica de que tiña que asumir este reto para Catalunya ter futuro, non desaparecer asimilada polo Estado español unitario e centralista, o da nación única, patria común e indivisíbel, o que vai a misa. Había que romper con el, apostar por o pobo catalán decidir libremente o seu futuro, após demostrarse inviábel pactar un deseño claramente descentralizado politicamente, o intento que o Estatut representou, previos moitos anos de experiencia negociadora a tope para intentar optimizar as competencias estatutarias, o que nunca aconteceu na Galiza. Da experiencia sempre se aprende. Comprobar como un Tribunal, por moi Constitucional que sexa, parte do aparato burocrático da administración de xustiza centralista, en nome dunha interpretación dun texto que se toma como sagrado, ao servizo da idea da España unha, e dos poderes de todo tipo que dela se benefician, está por enriba do Parlament, da vontade do pobo catalán expresada nas urnas en referendo, mesmo da propia soberanía nacional que din representar as Cortes Xerais, é a constatación da fraude democrática do actual réxime político, do seu embuste ilusionista. Enrubesce que se tome como pretexto a interpretación xurídica dun texto constitucional para xustificar semellante agresión á vontade e á lexitimidade democráticas, previas e por enriba de calquera sacralización, allea a principios democráticos elementais. Certamente a letra da Constitución é ríxida, non ambivalente ou ambigua á hora de admitir que a configuración do poder ten que ser resultado dun pacto entre iguais. Isto non vén demostrar máis que é inadecuada para un Estado plurinacional, que o seu cerne foi, xa cando se redactou, e agora moito máis, un revival da España unha, grande e libre, moito máis obsoleta e ridícula en plena globalización, pois só serve para meter medo aos de dentro.

Ter que escoitar a catedráticos de Dereito Constitucional da Universidade galega, en debates televisivos, que o Estado español é como un Estado federal ou dos máis descentralizados do mundo, debería provocar estupor. Porén habitúa a vivir no ilusionismo, no embuste, con naturalidade. A experiencia política indica o contrario. Hai que ter moito valor para negar o que está á vista e pode comprobarse a cotío. Mais podemos recorrer á opinión de alguén nada sospeitoso, e que demostra ser un grande coñecedor do texto constitucional e das sentencias acumulativas de anos do Tribunal Constitucional, o avogado do Estado que se personou, en representación do Goberno, no recurso contra o Estatut catalán, recollidas nos fundamentos de dereito da sentencia. Afirmou que o Estado español “non é un Estado federal en sentido xenuíno”. Por que? Velaquí a súa argumentación sintetizada: 1) non existe garantía de coparticipación nas decisións entre o Estado e as Autonomías, 2) as Autonomías non son Estados, son entes administrativos de xestión; 3) as Autonomías non son soberanas en ningún aspecto, porque precisamente a autonomía non é soberanía, senón descentralización administrativa; 4) o constituínte unitario non recoñece o dereito de autodeterminación; 5) as Autonomías teñen facultade de iniciativa pero controlada (artigo 166 Constitución española en relación co 87.2), 6) non ten nada a ver a Constitución española coas federais ou confederais nas que, malia haber primacía da federación ou confederación, non existe a idea de subordinación ou xerarquía en relación cos Estados federais ou confederados; 7) a subordinación xerárquica á Constitución española e á interpretación deste texto polo Tribunal Constitucional é total, no caso español. Fica, pois, claro que non se pode pór en dúbida “a indisolúbel unidade da nación española” (artigo 2 CE); o pobo español é o único titular da soberanía (artigo 1.2 CE). Deste xeito, a única nación con sentido e consecuencias xurídico-institucionais é a española, única cidadanía posíbel, porque dela dimanan dereitos e deberes que a Constitución española contempla. A soberanía española fornece os poderes institucionais lexitimados para exercela. Vivimos nun puro ilusionismo, nun confusionismo premeditado. As institucións de suposto autogoberno non poden xustificarse en nome dun pobo como o catalán ou o galego. Simplemente porque non existen a efectos xurídico-institucionais ou políticos. Só se poden xustificar como un dereito de iniciativa limitada que teñen os cidadáns españois das provincias que constitúen as Comunidades autónomas de Catalunya e Galiza. O resultado son institucións xerarquicamente subordinadas ás estatais, as únicas que a Constitución Española recoñece como representativas da única fonte de soberanía, a nación única española, o pobo español. Todo o máis, de non quedar outro remedio, a confusión compensatoria non vén mal de cando en vez, pode tolerarse, quedando claro que non ten consecuencias políticas prácticas, que se empregue o adxectivo nacional, mesmo o substantivo nación, nun preámbulo estatutario, tal e como sentenciou o Tribunal Constitucional. É a esfera da nostalxia. Tampouco acepta o Tribunal Constitucional ningunha consecuencia práctica derivada da historia como fonte de lexitimidade. Naturalmente para el só existe a historia mítica, o embuste ilusorio, que xustifica a unidade de España, irreversíbel, para sempre.

É o Estado español o exemplo de Estado composto, plural, ideal e harmónico, mesmo no terreo das ideas e as constatacións, malia non o for na práctica? Observemos e contrastemos. É difícil atopar casos de Estados ou contextos plurinacionais, onde esta realidade non se aluda polo seu nome. Así foi no caso da ex Iugoslavia. Alí ninguén negaba que existisen croatas, serbios, montenegrinos, albaneses… con vontade política propia. Na maioría dos casos con diferenzas culturais, lingüísticas ou socio-económicas non maiores que as existentes entre as distintas nacións do Estado español. A hostilidade contra o independentismo escocés do Goberno británico non se traduce na negación de Escocia existir como nación. Recentemente o presidente ruso, Putin, , en nome dunha potencia cun dilatado substrato imperial, nos seu discurso para xustificar a independencia de Crimeia respecto de Ucraína e a aceptación da mesma na Federación Rusa, recorreu a unha defensa da autodeterminación dos pobos, do dereito internacional por enriba do nacional ou estatal no caso de avalar a lexitimidade da vontade popular democrática por enriba da subordinación ou do dominio, lembrou a desintegración da URSS e o respecto pola vontade nacional das ex repúblicas soviéticas, a necesidade de asumir a diferenza lingüística en termos de igualdade real e o pacto como vía para a convivencia federal ou confederal… Comparar o substrato ideolóxico deste discurso coa posición dos partidos españois, o Goberno de España, ou os medios de comunicación verbo de Catalunya pode valer para decatármonos do ilusionismo, do embuste, da arrogancia e da intolerancia que sustenta a España imperial, tan chula e ameazante cos de dentro como acomplexada e inerme cos de fóra. Hai que ter valor para firmar que o pobo catalán non existe. Vale!. Moito menos, o galego. Viva! O dereito de autodeterminación tampouco existe. En todo caso, é de todos os españois, única fonte de soberanía. O problema é que, neste caso, quen o quere exercer é o pobo catalán, que existe. Nada de referendo nin de consulta. Como se pode negar que as urnas falen, que o pobo opine! Como non fai efecto a súa podre e caduca españolidade de opereta, recorren ao espantallo da UE: seredes expulsados. Ninguén no mundo mundial vos recoñecerá, como apestados. Será a UE todo o mundo? Non é unha identificación algo abusiva? Cantos Estados novos xurdiron no mundo nos últimos trinta anos? É un caso tan extraordinario e fóra de explicación? É unha atmosfera intelectual delirante, irracional, para negar que o pobo catalán existe e ten dereitos, previos e á marxe de calquera Constitución española, modificábel só a gusto do imperio.

Un sistema discursivo de razoamento incapaz de aceitar mesmo que o natural é que, en Catalunya, os nenos vaian a un sistema educativo que teña o catalán como lingua vehicular, tropeza coa lóxica e a igualdade. Il será antinatural e despropositado que en Santander, Madrid ou Cádiz os nenos e nenas teñan un sistema educativo co castelán como lingua vehicular, que é á súa vez normal na sociedade? Cometen algún delito os cataláns, resulta imposíbel comprender que teñen dereito a que a súa lingua sexa tamén de uso normal na súa sociedade? Que podemos dicir nós, os galegos e galegas, que fomos sometidos ao ilusionismo esperpéntico, ese de que o castelán estaba sendo eliminado do sistema educativo, nunha inversión total da realidade, só posíbel cando o embuste acada proporcións tan irracionais, só explicábeis como orxía do poder xerarquizado que subordina e maltrata até o exterminio? Así estamos. Aquí non hai nin descentralización política, nin tendencias federalistas, nin proclividade ao pacto político democrático. No delirio, non hai nin nacións nin pobos. Porén, hainos, por moito que a Constitución española se negue a admitilo.