Malditos políticos, bendita corrupción

Malditos políticos, bendita corrupción

Son tantas as barbaridades políticas interesadas e as fantochadas que se din nos últimos tempos sobre o comportamento dos e das que teñen responsabilidades políticas que é imposíbel na historia da literatura política dos derradeiros séculos percibir algo semellante.

1º- A clase política non existe, existen as clases sociais, e por certo, con unha pirámide moi marcada, e moi estirada nos últimos tempos.

2º- A corrupción política non existe, existe a corrupción propia e consubstancial ao sistema capitalista que se manifesta en todas as relacións de intercambio, polo tanto tamén nas políticas, que por certo, son as únicas nas que as veces por descoido do sistema o cidadán " do común" pode intervir algo, si está minimamente organizado.

3º- A inxente campaña de desprestixio da acción dos partidos políticos, e de paso dos sindicatos, ábrelle paso a formas de goberno ditatoriais e deixa na impunidade total a todos os poderes fácticos. Querendo facernos ver que loitan contra a corrupción conságrana.

4º- Non existen super-heroes nin super-xuíces que loiten contra a inxustiza ou contra a corrupción, estes males só se atacan de xeito colectivo. Os "salvadores" non son mais que entretemento de masas, e teñen tan ben montado o circo que até os xefes dos grandes sindicatos españois lle fan de titiriteiros.

Houbo dúas mensaxes omnipresentes no debate político durante estes anos de monarquía parlamentaria que trataron de reforzar continuamente, bipartidismo e a búsqueda da maioría absoluta de calqueira dos dous partidos chamados a consolidar o soberano Reino Español e burgués: Quen é máis español e quen é menos corrupto. Ou presentadas co correspondente morbo mediático moderno, "quen ataca máis ao nacionalismo (coa escusa do terrorismo) ou quen se fornece de máis diñeiro público ou privado para a noxenta actividade da política."

Non sabemos si esta perversa dialéctica se rachará algún día e si se contará con forzas sociais organizadas capaces de facelo. Pero polo momento vailles bastante ben. A por de meternos medo e asco téñennos inmobilizados, e inmobilizan con mais facilidade aos chamados de esquerdas ou a moita xente de boa fe que deixa de razoar sobre do acontecer político porque "todos son iguais".

Para poder resolver os múltiples problemas que temos no Estado, ou na nación galega, sexan máis superestructurais ou de carácter mais doméstico, o primeiro que precisaríamos sería tomar concencia de que é cousa nosa, de que podemos ter mecanismos de intervención política e coñecer as causas e os causantes destes problemas ; xusto o camiño contrario de aquel polo que nos están levando. " A política é toda unha merda, só é boa para os políticos". Podería dicirse que este é o lema político máis repetido na Galiza. Mais non vaiamos a pensar que esta mensaxe afecta do mesmo xeito a todo o que a "mediática" chama "clase política". Comentábame hoxe mesmo un traballador veterano da Consellería do Medio Rural: " Se rouban os de esquerdas son uns chourizos e uns delincuentes, si rouban os de dereitas é para facer negocios"....

O vello e sabio dito galego: " Cando se emborracha un probe todos din borrachón, cando se emborracha un rico que gracioso é o Señor", está totalmente vixente nas concepcións políticas actuais. Aínda peor ; é corrupción todo aquelo que os poderes fácticos din que é corrupción, por exemplo, retratarse nun iate. Aínda máis, moitas actividades de cargos públicos, que se decida nun intre investigar ou perseguir e que rematarán considerándose irregularidades ou delitos, realizadas por outros cidadáns serán respectadas como lícitas ou aínda sabendo que son ilícitas existirá un consenso dentro de todos os poderes fácticos e democráticos de non tocarlles. Sabe alguén dalgún paraíso fiscal no Estado que fose investigado en serio? Parouse algún premio nobel de economía a estudar as consecuencias que tería para o gran casino que hoxe é a Bolsa que pecharan un casino que funciona dentro doutro casino? Quedarían moitas fotos glamurosas no grande supermercado do corazón si unha mañá decidisen facer unha redada e levar presos a todos os depositarios dos paraísos fiscais?

E sendo máis positivos: Como estarían as finanzas do Estado se todos os grandes negocios cotizaran en base aos ingresos reais?

Porqué se deixou de falar da colonización e da apropiación de recursos e de materias primas baratas por parte de monopolios transnacionais que manteñen na miseria a miles de millóns de persoas? Son simplesmente negocios lícitos? Será que os que se apropian desas materias primas son tamén os propietarios da voz, da pluma e dos teclados dos que están a todas as horas falando da corrupción política? Por que tanto escándalo cos salarios dos parlamentarios e nunca soubemos canto pode levar acumulado algún presentador de populares programas na TVG, cargo que ostenta de xeito vitalicio? Habería algún xuíz heroico que se atrevera a investigar a procedencia e destino dos orzamentos de clubes que superan en moito os orzamentos de concellos e deputacións relevantes? Ou ao mellor tamén hai fiscais heroicos; e clubes que manexen millonadas hai moitos, a parte dos do fútbol.....

Estanse esborrallando conquistas históricas da clase traballadora, está o Ensino, con maiúscula, feito un farrapo, e todo isto e moitas máis angueiras por culpa dos políticos corruptos, e só dos políticos corruptos, porque segundo a teoría ao uso eles son os amos de todo o que existe e os que deciden todo. Outra das conclusións as que chega a xente embaucada pola propaganda do corrupto sistema capitalista, nesta fase inhumana e depredadora, é que compre man dura e poñer orde. Só nos dan a elixir entre un salvador ou un dictador, ou as dúas cousas a un tempo.

Poderíamos seguir facéndonos moitísimas preguntas deste tipo, pero xa sei que están contestadas de antemán polos investigadores da corrupción política. Todo iso xa se investiga e faise o que se pode. Ou sexa, faise o que permiten os poderes fácticos. É dicir, que os corruptos non van investigarse a fondo uns a outros.

Iso de investigar a corrupción política é a mellor bendición que lle puido caer aos grandes corruptos deste país monárquico-democrático-burgués. Namentres anuncian, denuncian, tramitan e renuncian por mor dalgunha corrupción política o resto dos corruptos navegan as súas anchas, incluídos os da corrupción política. Porque renunciar a un cargo público podendo gardar nun paraíso fiscal moitos millóns de euros non semella un negocio ruinoso....

O peor na política, polo visto, non é ser corrupto senón encadearse aos ferros dunha fiestra na Subdelegación de Goberno en Lugo para protestar polas taxas universitarias. Por iso pídenlle a tres estudantes varios anos de cadea.....

Polo que se ve a xente do común xa non cre na política, vai deixar de crer na xustiza, e o que é peor, vai crer un día unha cousa e ao seguinte outra distinta, en función do que se lle antoxe comunicarlle aos corruptos de quenda ao traveso deses medios de comunicación democráticos, transparentes e neutrais que tan felices nos fan.

Corruptos de todo o Mundo unídevos e gozade que os políticos ben poden con todo!...