Máis que unha reforma local
As institucións locais son o albo dos grandes poderes económicos, para poderen seguir aplicando o seu programa sen obstáculos, e de habelos, poder removelos con ferramentas xurídicas e económicas eficaces. Non é casual que a vindeira “reforma” de alcance que emprenderá o Goberno central sexa a do réxime local, logo de ter executado xa outras tamén relevantes: laboral, sector financeiro, fiscal, enerxía ou tecido comercial. Tamén que noutros Estados onde a “troika” está a intervir se enuncie dentro do paquete de medidas a aplicar unha fonda reforma do mapa local, tendo un exemplo moi preto de nós, coa pretendida desaparición das “freguesias” en Portugal.
Tampouco nos pode sorprender que nesta reforma, a institución reforzada sexan as deputacións provinciais. Ao deseñar de novo un esquema vertical e centralista, onde a autonomía fica desfigurada e se acentúa o perfil de concellos uniformes e con escasa autonomía para desenvolver alternativas políticas, o lóxico é que as deputacións volvan á súa orixe. É oportuno lembrar que a introdución e creación das deputacións provinciais no século XIX, no momento inicial da construción dun estado liberal moderno, tiña como propósito asegurar unha aplicación homoxénea da acción política do poder central. E a iso volven. Despois de procurar un sitio ao longo de máis de dúas décadas como extensión dos partidos políticos no poder –non hai máis que ver cal era e é a estrutura do PP, onde sempre compatibilizaron e compatibilizan os cargos de máximo dirixente partidario provincial co de Presidente da deputación-, cando as críticas arrecian ante a súa inutilidade, o PP atópalles acubillo, outorgándolles o papel de asegurar, cando entre en vigor o novo réxime local, a uniformidade na acción de todas as institucións públicas locais, con independencia da alternativa que goberne.
A reforma do réxime local ten un claro obxectivo: que os concellos traguen coa mal denominada “política de austeridade”, noutras palabras, que efectúen retallamentos no gasto público, incluso en servizos públicos básicos para a cidadanía. Para iso, refórzase tanto o papel da Administración central, que elaborará estándares de prestación e custes nalgúns servizos; ponse ao servizo desa Administración aos servizos económicos dos concellos, con interventores que darán conta antes ao Ministerio que ao concello que sufraga con cargos aos seus orzamentos o seu salario; e, como colofón, recolócanse ás deputacións provinciais como responsábeis de servizos e competencias no caso dos concellos de menor poboación (que son ampla maioría na Galiza) que incumpran.
Non se trata de racionalizar, sobre todo en gastos burocráticos ou de funcionamento. As medidas relativas aos salarios de Alcaldes e cargos políticos son a carnada para atraer á opinión mediática e pública. Agora o que toca é afogar aínda máis a democracia, deseñando un marco ríxido de actuación aos concellos, que lles impida impulsar ou levar a termo políticas alternativas, se a iso aspira quen foi designado para gobernalas polos veciños e veciñas. Cómpre coutar a quen teña intención de ensaiar propostas alternativas nos concellos, máis aínda se teñen a vontade de pór en práctica iniciativas públicas para intervir na distribución equitativa de recursos públicos tanto a través de reforzar os servizos públicos locais, para que sobre todo teñan acceso a servizos dignos as persoas con menor capacidade económica, como para impulsar desde unha perspectiva pública sen afán mercantilista actividades económicas locais.
Con este panorama, a proposta mesmo non é do agrado de Alcaldes do PP, que reaxen non tanto pola filosofía de minguar recursos públicos dos concellos ou da privatización que se acelerará de servizos públicos locais, senón pola degradación de autoridade que suporá, pois saben ler perfectamente entre liñas que se está a trazar: para alén dunha reasignación de competencias municipais, delinéase un novo rol institucional, onde ficarán como administradores de fincas, con indicación de seguir rigorosamente as ordes e institucións da comunidade propietaria: Goberno central, UE, FMI.
Estamos a ver a reacción de Alcaldes e outros dirixentes locais, sabedores do que se lles vén enriba, de que se asoman as gadoupas do centralismo -no seu papel de executor das ordes de institucións que actúan ao ditado do grande poder financeiro- ás portas dos concellos para que actúen baixo o ditado do Goberno central. Mais ao tempo tamén se enxerga unha pasividade preocupante de dirixentes locais de igual alto rango, quizais pensando que poderá seguir habendo marxes para unha xestión diferenciada no futuro, e que esa xestión sexa apreciada e premiada con respaldo cidadán, cando precisamente iso é o que vai a mudar profundamente: hai unha fonda reforma política en marcha da administración local para rematar coa diversidade e pluralidade, tanto se quer por en práctica modelos políticos alternativos nos concellos como se se avoga por fórmulas diferenciadas de xestión. Non se vai a deixar espazo para o pluralismo, e quen non o vexa, e consecuentemente, non actúe opóndose contundentemente a esta reforma, dándolle para iso relevancia de primeiro orde que ten, aproveitando para trasladar á veciñanza, ao tecido asociativo organizado as consecuencias da mesma, vai sentir como, na secuencia maxistralmente narrada por Bretch que, ao final, tamén viñeron por el.