Máis ataques ao que queda de democracia

Máis ataques ao que queda de democracia

As grandes palabras como xustiza, paz, solidariedade, relixión ou, entre moitas outras, democracia foron e son abusivamente repetidas ata chegar á terxiversación e á prostitución da súa carga semántica primixenia. Dende a morte de Franco, España asombrou ao mundo ao se metamorfosear, camaleonicamente, nun seminario de demócratas reconvertidos dunha cruel ditadura, na que, obviamente, endexamais participaran. Agás algún despistado nostálxico, todo o mundo enchía a boca coa palabra democracia, á que, madía leva, servira ininterrompidamente, mesmo que fose desde os máis altos postos do organigrama político daquela "plácida etapa", por empregar a acrobática expresión de Mayor Oreja.

Cincocentos anos antes de Cristo, os habitantes da polis (os políticos) da Ática decidiron gobernarse por medio dunhas asembleas, nas que poderían participar todos os cidadáns libres, sendo excluídos delas os metecos, os nenos e as mulleres. Principiou así a democracia asemblearia, na que uns 40 000 individuos podían participar con dereito a voto, se ben, na práctica, só exercían ese dereito uns 6000 atenienses. Reuníanse semanalmente na ágora, e as votacións efectuábanse a man alzada, agás nos casos de expulsión dun dos cidadáns da comunidade, nos que era preceptivo escribir o seu nome nun anaco de cerámica en forma de cuncha, nun óstrakon, de onde a verba ostracismo, que nada ten que ver, agás no étimo, coa festa que se celebrou en Arcade o pasado fin de semana. Participaba o que tiña dereito a facelo e se achegaba ata a ágora. Proba suprema de convicción democrática deuna Temístocles, cando, a requirimento dun cidadán ágrafo, se prestou a escribir o seu nome, engadindo así un voto máis a favor da súa propia expulsión de Atenas.

Haberá que agardar ata o século XVII para que o pobo, o demos, recuperase a participación activa nos asuntos públicos, principiando a se facer oír en Holanda e Inglaterra con filósofos como Hobbes e Locke, aos que seguirán, na Francia do século seguinte, Voltaire, Rousseau ou Montesquieu. Nace con todos eles un novo xeito de exercer a democracia, nace o parlamentarismo, pois os tempos mudaron e a democracia xa non será, como en Grecia, directa, senón indirecta, representativa ou, se preferimos, parlamentaria. Hai xa moi ben anos que Alfonso Guerra sentenciou que Montesquieu morrera, defunción da que algúns, presenciando o bochornoso espectáculo que está a producir a cotío a interconexión de goberno, parlamento e poder xudicial, non temos dúbida ningunha. Evidentemente, a esencia da democracia, a división de poderes, ten desaparecido de España e os artífices deste ataque frontal á democracia teñen nomes, apelidos e siglas partidarias.

En aras da gobernabilidade, é dicir, de favorecer aos grandes partidos, decidiuse adoptar en España o sistema D'Hondt, o cal, xunto co reparto desigual de escanos por circunscricións, levou a que outro dos presupostos básicos da democracia, aquel que reza un home un voto, perdese o seu valor, pois hai votos, ergo homes, que valen máis que outros, dependendo de onde se poña a urna. Pero isto non lles chega ao PSOE e ao PP e, cheirando xa as vindeiras eleccións municipais, estudan dar tres voltas máis ao tarabelo que estrangula a esencia deste tan loado sistema político.

Primeiro decidiuse que os emigrantes non só mantivesen a cidadanía e, conseguintemente, os dereitos civís e políticos derivados dela, senón que se ampliase esta aos fillos e netos. Exemplo común: un cativiño saíu de Galicia rumbo a América, criouse alí, casou cunha italiana, tivo un fillo que casou cunha polaca, quen o fixo avó dun rapaz que oíu falar máis de Polonia a súa nai e de Italia a súa avoa que de Galicia, á que nunca pensa vir, o mesmo que pasou con seu pai e con seu avó desde que este partiu dela, sendo un picariño. Estas "tres vidas" lembran o sistema foral do noso campo, pero son votos doados a cambio de algo. É tan absurdo isto, que os grandes partidos, que xa andan á usma por América, teñen que recoñecelo; pero, aínda así, propoñen que estes emigrantes de ata a terceira xeración, de momento, como os foros, teñan, cando menos, uns escanos reservados aos seus votos no senado, esa cámara disque de representación territorial. Supoño que isto non terá nada que ver coa constitución federalista da I República, aquela que reservaba espazos parlamentares para os españois de Ultramar. Non pode ser, pois o PP non é federalista e o PSOE deixou de selo, aínda que non o proclame tal como proclamou o seu abandono do marxismo.

Como non lles saíu nada mal a xogada da Lei de Partidos, veña "outra volta á bola que é de millo toda", polo que están decididos a expulsar dos seus postos, en calquera intre, aos cargos electos, se o seu partido for ilegalizado. Motivo de ilegalidade: non condenar un atentado de ETA. Eu, cando chego a unha reunión, antes de dar unha opinión, condeno todo o que haxa que condenar, por se acaso, e logo falo. Sempre pensei que o pensamento podería ser pecado (no ámbito eclesiástico), pero nunca delito, e lembro os tempos nos que, por se acaso, se obrigaba a cantar certo himno coa man arriba ben aberta antes dalgúns actos.

Terceira volta, tan obscena ela que só a cito: corenta votos xuntos valen máis que 60 en dous lotes e xa temos alcalde con maioría absoluta.

Se esta é a democracia, con permiso de Curros Enríquez, "que o demo me leve".