Madrid: a capital da burguesía parasitaria venezuelana
Venezuela debátese no eterno dilema de deixar de ser unha economía de rendas, ao abeiro dos prezos flutuantes do petróleo que non controla, ou ser unha economía/país de libreto, cunha economía diversificada, competitiva e autosuficiente.
A segunda posibilidade é factíbel só nalgunha das súas partes, por exemplo nalgúns aspectos da diversificación, pero non hai máis que achegarse á situación das economías «modélicas» do mundo desenvolto, ou mesmamente de Latinoamérica, para decatarse da inviabilidade de autosuficiencia.
Os ingresos petroleiros venezuelanos, ingresos todos públicos en divisas, crearon unha clase empresarial improdutiva, importadora de bens de consumo e provedora de servizos, que se enriqueceu a conta do Estado e que dirixiu a única compañía petroleira, Pdvsa, e se beneficiou de xeito monopólico do Estado entre 1958 e 1998.
Centos de miles de millóns de divisas ingresadas polas exportacións do Estado marcharon do público ao privado, de Venezuela a Estados Unidos, Portugal, Italia ou ao Estado español; a chamada «burguesía parasitaria» iniciou nunha fuga de capitais continua que encheu de petrodólares venezolanos os bancos estadounidenses e europeos e que, por exemplo, encheu de edificios boa parte da Coruña ou Vigo.
Calcúlanse en 7000 os inmóbeis adquiridos pola burguesía parasitaria venezuelana no madrileño barrio de Salamanca, segundo o xornal El Mundo. Para o xornal español «No les gusta aparecer en los medios para no dar pistas de su capital y para evitar ofrecer una imagen frívola ante sus compatriotas. Muchos eran ya reputados empresarios antes de abandonar el país… La mayoría lleva también años sacando de Venezuela gran parte de su dinero para sortear la inseguridad jurídica del régimen…
Somos un colectivo preparado y sofisticado que queremos demostrar nuestro potencial y nuestra capacidad para generar negocio (afirma un dos venezuelanos investidores no Estado español».
O certo é que estes investidores «sofisticados» levan décadas baleirando o seu país de capital, esquilmándoo, enriquecéndose sen producir nada, apenas comprando e revendendo como Gustavo Cisneros con Galerías Preciados de Felipe González e Miguel Boyer. O seu modelo de negocio vémolo nos 7000 inmóbeis de luxo de Madrid… producir, crear, inventar, facer, non é parte da súa preparación nin da súa sofisticación, senón comprar e revender ao abeiro da especulación.
A banca internacional, estadounidense e europea, ten en depósitos de particulares venezuelanos preto de 550.000 millóns de dólares, dos que máis de 450,000 millóns non poden xustificar a súa orixe. Dun caloroso barril de petróleo extraído do Lago de Maracaibo a un piso de teitos altos no barrio de Salamanca, a viaxe da riqueza venezuelana (e latinoamericana) do sur cara ao norte sen ningún tipo de control polos gobernos e bancos receptores fai que sexan necesarias medidas de control, que chegan con décadas de atraso e coa oposición da chamada clase empresarial que viviu dos ingresos estatais como a rémora da quenlla.