Machirulismo marca España

Machirulismo marca España

O Partido Popular pechou a súa precampaña o pasado 7 de maio cunha reunión na Moncloa que define, tan só cunha imaxe, a política económica e social posta en marcha pola dereita. Os responsábeis de defender polo mundo a “Marca España” deron, unha vez máis, o seu visto bo á política económica do Partido Popular. Desta vez non acusaron os medios de comunicación, os partidos da oposición, as organizacións nacionalistas, os colectivos e persoas que participamos en protestas, en folgas, en mobilizacións defendendo os nosos dereitos, de contaminar a súa marca, o prestixio e o bo nome do estado español no exterior.

Para os 19 homes engravatados e traxeados (faltaron os presidentes de Mercadona e do Grupo Planeta) que forman parte do Consello Español de Competitividade (CEC), amosar a toda Europa que o poder económico do Estado está en mans dos homes, banqueiros e empresarios que superan con creces o medio século de vida é unha boa promoción no exterior. E para o PP é o arroupe necesario ás súas políticas. Claro!

Machirulos do mundo: unídevos! No fondo, as políticas de igualdade están superadas!. Grazas ao PP as mulleres seguimos recluídas no ámbito do fogar, por mor dos seus recortes e privatización dos servizos públicos, das súas políticas ultraconservadoras que pretenden reforzar o papel tradicional da muller/coidadora! Seguimos soportando un teito de formigón, xa non de cristal! As poucas que non estamos en situación de desemprego temos que afrontar unha precariedade laboral sen precedentes! Traballamos moito máis e cobramos menos! Seguimos a percibir salarios inferiores aos homes (que xa de por si son precarios)!. Somos perseguidas e mesmo despedidas cando decidimos exercer o noso dereito á conciliar traballo e responsabilidades familiares! Desposúennos dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos! Seguimos a ser acosadas sexual e laboralmente! A maior parte da nosa mocidade vese obrigada a emigrar porque aquí non ten saída. Na súa meirande parte son mulleres as desafiuzadas das súas casas, logo de non poder afrontar hipotecas ou alugueiros por carecer de ningún tipo de ingresos. Asasínannos día tras día, polo simple feito de ser mulleres, mais non se invisten cartos públicos en políticas de igualdade que sexan quen de acadar un verdadeiro cambio social, unha sociedade libre de violencia machista. Estas 19 figuras son a causa do problema, son eles quen orixinaron a crise, e son eles quen esixen ao goberno que tome máis medidas contra a clase traballadora, contra as nacións que solicitamos o noso dereito a decidir, que poñan en marcha máis reformas, privatizacións e recortes, que lles permitan ampliar os seus beneficios a conta dos nosos dereitos como clase, e a conta dos dereitos das mulleres.

A foto é unha toma de contacto coa realidade, en pleno século XXI, fainos pensar no machismo máis rancio da transición democrática, cando as mulleres estábamos excluídas totalmente do poder económico e político. Mais a foto fíxose hai uns días. Son a cara das grandes fortunas de España. A cara da corrupción. A da oligarquía financeira que se protexe a si mesma, que se apoia e se retroalimenta, co apoio da monarquía, e de moitos gobernos, non só do PP. Forma parte do mecanismo que emprega o capitalismo heteropatriarcal para espallarse. Conservan o seu estatus grazas a leis fascistas, machistas, misóxinas e patriarcais non só en Galiza, en España, senón tamén en Europa.

De aí que sexa tan importante mudar esta tendencia. Para facerlle fronte a un Estado que nos nega e a unha UE que nos empobrece, é preciso construírmos desde abaixo, cos pés na terra e o corazón á esquerda, acadar unha nación ceibe e popular. Nunha Europa que lexisla sobre todo, que nos da normas con rango legal sobre todos os aspectos da vida, é vital darlle voz ás mulleres, darlle voz aos pobos e nacións, pular por un cambio nas políticas antisociais, antidemocráticas, homófobas e patriarcais que impón a Troika e a dereita.