Luísa Viqueira: exemplo de activismo antifascista, democrático e cultural

Luísa Viqueira: exemplo de activismo antifascista, democrático e cultural

Luísa Viqueira Landa naceu na cidade da Coruña en 1918, vivindo a nenez entre a cidade herculina e a Quinta de San Vitorio de Vixoi (Bergondo). O seu pai era o ilustre filósofo e nacionalista galego Joán Vicente Viqueira, profesor do instituto coruñés Eusebio da Guarda e presidente das Irmandades da Fala da Coruña, e a súa nai Jacinta Landa, pedagoga estremeña, irmá da famosa mártir antifranquista Matilde Landa, que inspirou un poema de Miguel Hernández e unha canción do grupo Barricada.

Foi a única dos tres fillos do matrimonio que naceu na Galiza. Aínda lembra o caderno-libro que elaborou o seu pai, con debuxos e textos, para lle ensinar a lingua galega, e os paseos que daba con el pola horta da Quinta, para aprender o nome das plantas e dos animais. Desde cativa o seu pai inculcoulle un profundo sentimento galeguista, lembrando sempre a frase paterna: "Queremos converter Galiza dun arrabaldo nun centro, facer que teña vida propia, grande, inmensa, que chegue a ser unha lumarada espiritual acesa alumeando o mundo enteiro."

Ao morrer o pai de xeito prematuro en 1924, a familia trasladouse a Madrid, cidade que nunca lle gustou e na que comezou a sentir morriña pola Terra. Asistiu, como fixeron antes os seus proxenitores, á Institución Libre de Enseñanza. Aos catorce anos quedou impresionada por un bo amigo da familia, Santiago Ramón y Cajal, decidindo estudar bioloxía, carreira que comezou en 1935 na Universidade de Madrid. Pasou os veráns coa familia en Vixoi ou nas praias próximas á parroquia de Ouces, á beira de Sada, profundizando o seu coñecemento do Galego e da Galiza.

No verán de 1936 sorprendeulle á familia a sublevación fascista na casa de Ouces e decidiron refuxiarse en Vixoi. Trataron de pasar desapercibidos e, co apoio e solidariedade dos veciños, permaneceron agochados nove meses. En 1937, coa axuda dos cuáqueros, conseguiron ser rescatados por un destrutor inglés que arribou ao porto da Coruña. Foron trasladados a Franza, desde onde se dirixiron á zona republicana, concretamente a Barcelona. Jacinta Landa e a súa irmá Matilde Landa involucráronse a fondo no apoio a feridos e nenos. Luísa levará unha das colonias-escolas creadas polo goberno da República para alonxar aos nenos da fronte de guerra. Ofreceuse voluntaria en 1938 para acompañar aos nenos que viaxarían á URSS. Nunha aldea da rexión rusa de Kaluga axudaría a crear un internado escolar.

Cando se perdeu a guerra, enterados de que México abría as súas portas para todos os republicanos, a familia decidiu dirixirse alí. Logo de pasar por Suecia e Inglaterra, chega a Nova Iorque, e en autobús viaxa cara a México, cruzando a fronteira pola localidade de Nuevo Laredo. Xa no país azteca, Luísa denunciará por medio de mitins e panfletos o terror implantado na Galiza e no resto do Estado español e recolectará recursos para o apoio aos presos políticos e as súas familias. En 1949 o seu marido, Rafael Rodríguez, militante comunista manchego, aparecerá morto nas aforas da Cidade de México cun tiro na cabeza, quedando viúva e con tres fillos: Rafael, Luís e Manuel. Grande coñecedora e intérprete de varias linguas, gañarase a vida como secretaria do embaixador de Polonia en México, un antigo brigadista polaco co que coincidira durante a guerra civil.

Cóntase dela a curiosa anécdota, na que se ve reflectida a súa intensa sensibilidade galega, de que cando chovía na Cidade de México se puña a gabardina, collía un paraugas e dicía aos fillos que ía dar un paseo polo parque, para se sentir na Galiza.

Nos anos cincuenta colaborou cos galegos Lois Soto, Carlos Velo e Francisco Comesaña, participando na creación do Padroado da Cultura Galega de México. Foi a muller de confianza e man dereita do primeiro. Exerceu como locutora do programa de radio en galego Hora de Galicia, de temática antifascista e de difusión da cultura e dos problemas galegos. Traballou activamente no chamado grupo galego do PCE con Lois Soto, que en 1964 participaría na fundación da UPG, xunto co grupo Brais Pinto. Alí en México Lois Soto e a súa axudante editaron os primeiros números do órgano de expresión da UPG Terra e Tempo. Luísa Viqueira xa anteriormente deixara o PCE, implicándose na edición da revista Vieiros, da que foi secretaria de redacción. Tamén representou a Galiza no congreso Nais pola Paz celebrado en Viena.

Voltou á Galiza por primeira e única vez en 1979. Despois de seis meses de estadía, regresou ao exilio mexicano porque, segundo as súas palabras, "non podo voltar onde a miña vida foi truncada". No México DF, unha activista cultural e política galega de 92 anos disque espera morrer pensando na súa Galiza.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña concedeulle a merecida distinción de Republicana de Honra do 2010 a Luísa Viqueira, loitadora exemplar a prol da democracia, da emancipación social do noso pobo e da cultura da Galiza.