Liberdade? Si, mais non así…
Non hai dúbida de que vivimos en tempos moi convulsos por moitas razóns e a moitos níveis, tanto no material como no conceptual ou ideolóxico: non só o espectro dun virus que ronda o planeta todo, mais tamén un contaxio conceptual que pouco a pouco vai distorcendo a percepción da realidade de cada vez máis persoas.
Esta nosa época da pós-verdade está marcada polo Zeitgeist da ‘liberdade’ –sempre entendido como individualista–, onde cada quen se arroga o direito de construír a súa propia narrativa da realidade a partir dun sortimento de factos, pseudofactos, factoides e embustes de todo tipo que proliferan na placa de Petri da rede e que reconfortan e confirman as ideas preconcibidas. Certamente, cada quen é libre de crer o que quixer, mais tamén debe asumir a responsabilidade colectiva de se abster de propagar alburgadas perigosas.
Un bo exemplo disto témolo na Galiza cando os meios de desinformación sistémicos españolistas se encarregaron descaradamente de propagar até a saciedade o mito da ‘imposición do galego’ até que calase no imaxinario público, preparando así o camiño para a verdadeira imposición do español no ensino obrigatorio mediante o Decretazo, tamén recorrendo ao argumento da ‘liberdade’ de as nais e os pais poderen escoller privar as súas crianzas dunha educación na lingua do País. As consecuencias nefastas xa están à vista.
Segundo esta versión da ‘liberdade de opinión’, sempre debería pesar o mesmo calquer opinión desatinada e desinformada que o consenso d@s especialistas co suposto fin de manter un ‘equilibro’. Negarlle unha plataforma pública lexitimadora a calquer idea por aberrante que for será cualificado de censura que obedece aos intereses dos grandes lobbies, moi especialmente a conspiración farmasónica nos tempos que corren.
Calquer que alzar a voz en contra dos pretensos ‘dogmas’ do establishment (léase o consenso científico de milleiros de persoas en todo o mundo traballando de xeito independente e segundo criterios rigorosos e transparentes) fica automaticamente canonizado como o paladino’do pobo, o heroi da maioría silenciada, o condotiero dos marxinados que ousan oporse ao poder estabelecido, un David contra o Golías dunha maquiavélica cábala onde conflúen Microsoft, os Illuminati, a psiquiatría e a medicina baseada na evidencia, sen esquecer os satánicos pedófilos canibais que denuncian QAnon e os reptilianos… todos traballando ao unísono no seu complot para controlar o mundo. Como se non o controlase xa unha minoría que manexa o grande capital das transnacionais...
Esta perversión do direito da liberdade desligado do deber da responsabilidade colectiva ten un atractivo populista innegábel, permitindo à direita máis reaccionaria arar a seara da consciencia popular para que abrollen a confusión e o medo dos cais se nutre. Desde Trump até Ayuso, non dubidan en axitar a bandeira da ‘liberdade’ con claros fins políticos, manipulando a realidade de tal xeito que chegan a facer crer no paradoxo de que son el@s quen se están a defrontar un sistema que eles propios encarnan máis que ninguén.
Supostamente, a liberade é o pilar fundamental da democracia liberal occidental, sustento do que algúns teiman en chamar aínda o ‘mundo libre’. Alcanza o seu apoxeo ideolóxico no libertarismo que se escuda no antiautoritarismo esquerdista para pregoar un mundo distópico en que cada quen tería que loitar para sobreviver ante a reino supremo da total ‘liberdade’ do mercado. Liberdade para quen, logo? Pois para quen deteña o poder. Liberdade para quen, en termos marxianos elementares, controle os meios de produción. Desde logo, non para as amplas masas sociais conformadas polas clases populares –labregos, mariñeiros e obreiros– obrigadas a venderen a súa forza de traballo.
Por duro que resulte, a verdade non é democrática, nen se moldea de acordo às nosas crenzas: por moito que os terraplanistas proclamen o contrario, a terra non deixa de ser redonda. Mais, para alén de se tratar de simples sandeces sen importancia, pouco a pouco a insidiosa mentalidade da pós-verdade individualista vai collendo forzas até chegar a ser unha avalancha que esmaga o raciocinio ao seu paso. Lévanos a situacións dramáticas como a actual emerxencia climática de proporcións apolíticas que se puido ter tentado evitar moito antes se non fose por colocar en pé de igualdade quen opinaba –e segue a opinar– que a mudanza climática non existía, por un lado, e o consenso científico, polo outro.
Negarse a dar a falacias unha plataforma como se de argumentos lexítimos merecentes de respeito se tratasen non é censura: é un exercicio de responsabilidade para o ben de todas e de todos. Quen comeza por crer nalgún dos disparates do amplo leque que ofrece o conspiracionismo corre rapidamente o risco de se ver engulid@ no labiríntico buraco negro dos algoritmos da internet, e paseniñamente acaba crendo que as atenas 5G propagan a COVID-19, que a vacina antixarampón, parotidite e rubéola (VASPR) causa autismo ou mesmo termina por acreditar no negacionismo do VIH/SIDA...
Canta razón tiña Presidente Mao cando sentenciou que “sen investigación non hai direito à palabra”, máis aínda se se ten en conta que dar unha rápida ollada aos primeiros resultados que regurxita o motor de busca non conta como ‘investigación’. Sobre a base dunha disposición a corrixirse e non enrocarse en posturas ideolóxicas prefixadas e inmutábeis, a liberdade de expresión sempre se ha de exercer con responsabilidade e tras contrastar os feitos con fontes fidedignas. Eis o método científico.
Polo outro lado, a sacrosanta liberdade de imprensa da cal se xactan os poderes fácticos do ‘mundo libre’ tamén non é máis que unha quimera teórica onde a esmagadora maioría dos meios privados fica nas mans dunha minoría de magnates e grupos mediáticos cun poder económico descomunal e onde os públicos están claramente ao servizo da orde política imperante.
Ora ben, nada disto quer dicer que estexamos en contra da liberade. Todo o contrario, estamos en contra dunha versión deturpada e interesadamente manipulada. Defendemos unha verdadeira liberdade baseada à vez na verdade e na responsabilidade social e colectiva –respeitando os dereitos e as liberdades de quen convive connosco–, así como no coñecemento e a formación científicos, verdadeiros motores do progreso da humanidade. Non esquezamos que a verdade nos libertará