Liberdade, igualdade, fraternidade... (e hipocrisía)

Liberdade, igualdade, fraternidade... (e hipocrisía)

O ataque a Charlie Hebdo, desatou unha empatía e solidariedade internacional sen precedentes desde os atentados do 11M e 11S. Foron moitas as persoas que fixeron a súa homenaxe particular ou mesmo participaron en actos públicos polas vítimas e a prol da liberdade de expresión. Nada teño que reprocharlle a moitas delas, que alertaron publicamente co poder da palabra e do humor, do risco que supón atacar un dereito esencial para poder vivir realmente en liberdade. Moitas delas foron vítimas da censura franquista ou mesmo seguen a selo na actualidade, nesta democracia disfrazada na que estamos a vivir.

Mais se por un anaco somos quen de deixar á marxe a traxedia derivada da perda de numerosas vidas, inxustificábel e repudiábel, coido que tampouco debemos obviar e mesmo poñer en cuestionamento o carácter supostamente transgresor dunha revista que, en moitas ocasións, deixaba a un lado o humor ou a ironía, para caer na mofa, unha mofa opresora, estereotipada, machista e xenófoba. Así que, aínda sendo consciente do politicamente incorrecto que pode ser criticar a Charlie Hebdo nestes días, coido que non debemos caer no erro de etiquetalos como símbolo da liberdade de expresión, cando o que espallaron, durante moito tempo, foi a súa islamofobia.

Porque non só as imaxes dos disparos meten medo. Dade unha volta virtual polas redes sociais. Visualizade comentarios das novas que conteñen ligazóns co suceso. A meirande parte desas persoas fan arengas xenofóbicas contra o todo o que teña relación co mundo musulmán. Critican o fascismo islamista desde outro tipo de posicionamentos, pero igual de fascistas.

Escoitade os chamamentos á unidade nacional por parte dos políticos e políticas europeas, como empregan o termo “nós” para englobar á Europa “laica” (que me digan onde a atopan), na súa defensa da liberdade de expresión, da democracia; como se refiren a “eles” (que non elas) para incluír o que non é libre nin civilizado... Agora acusan ao integrismo relixioso, como se o resto das relixións –non islamistas- que controlan ou inflúen no poder político europeo estivesen libre de sangue.

O neoliberalismo sempre soubo sacar rendemento do terrorismo, sexa este da índole que sexa. Sérvelle para xustificar violencia de estado, para invadir países, iniciar guerras co absurdo propósito de rematar co terror. Neste caso non é Bush ou Obama, é Europa, a mesma Europa que reprime manifestacións a golpe de porra, pelotas de goma, multas e penas de cárcere. A cal pecha medios de comunicación incómodos, e subvenciona con cartos públicos aos que son afíns e espallan a súa propaganda. Esa Europa que agora enche espazos e faladoiros defendo a liberdade de expresión. A Europa represora e opresora que defende a liberdade pero fomenta o odio. Ou é que antes do ataque Europa vivía nunha democracia exemplar que garantise a liberdade de prensa?

En Galiza somos centos as persoas que vivimos nas nosas carnes a criminalización e represión sistemática por participar en protestas contra as políticas de goberno do Partido Popular. Esa mesma liberdade de expresión que defenden para as e os franceses convértese eiquí en delito. Os órganos gobernativos e policiais que deben defender á cidadanía encárganse de represaliar e castigar a todas aquelas persoas que amosemos publicamente na rúa a nosa loita polo dereito a decidir sobre os nosos corpos, por reclamarmos soberanía, por protestar contra os desafiuzamentos, contra a estafa das preferentes, contra o desemprego, contra a emigración xuvenil, por amosar o noso rexeitamento á monarquía, a unha lei de educación retrógrada e segregadora, por participar nun piquete nunha folga xeral, por portar simboloxía galega en eventos deportivos, por participar nunha mobilización contra a troika.

Sabemos que estamos “fichadas” pola nosa militancia feminista, nacionalista, polo noso activismo sindical, social e político. A nosa acción é invisibilizada na meirande parte dos medios de comunicación. Manipulan as cifras de asistencia ás mobilizacións. Invisibilizan as convocatorias. Censuran as nosas verbas. Porque forma parte da ditadura do silencio deste estado “democrático” para frear a indignación e a carraxe que a sociedade ten ante as políticas antiobreiras, antisociais, patriarcais e neoliberais do PP.

As mesmas persoas que convocan minutos de silencio polo ataque á revista francesa e proclaman o dereito á liberdade de expresión nese país, en Galiza e no estado español criminalizan o dereito á manifestación, sancionando economicamente con moreas de multas a quen participamos en mobilizacións, aprobando e executando cargas policiais desmedidas, e mesmo manipulando atestados policiais, co obxecto de vulnerar o exercizo de dereitos fundamentais. Son quen convoca roldas de prensa sen admitir preguntas, quen comparece a través dun plasma, quen prepara vídeos elaborados polo aparato para que sexan emitidos polas canles públicas, dirixidas por persoas da mesma organización política, quen en período preeleitoral presionan aos medios e ameazan coa retirada de publicidade e axudas. Nun exercizo de hipocrisía de libro, quen aprobou a Lei mordaza prohibindo que xornalistas graven a actuación das forzas e corpos de seguridade, defende agora a liberdade de prensa como un dereito dunha sociedade democrática. Quen retirou edicións de revistas e pechou xornais, érguese agora como gran defensor ou defensora da democracia.

Non lles doen igual outras vítimas. Non reaccionan cando secuestran miles de nenas para vendelas como escravas sexuais. Quen agora se racha as vestiduras non fixo nada para deter o xenocidio de hai poucos meses en Gaza. Cando os atentados teñen como vítimas a persoas que son palestinas, iraquís, sirias, kurdas, etc. non convocan minutos de silencio institucionais. Non participan en manifestacións multitudinarias amosando unidade internacional contra a barbarie cando os ataques son contra os pobos que non acatan a súa lexislación ou non son colaboradores do seu dominio imperialista.

Coidadiño, pois coa xenofobia e a hipocrisía existente nesa Europa na que nos obrigan a vivir. Moito ollo cos partidos políticos nacional católicos, neonazis e da dereita. Mais tamén con aqueles que aínda se chaman de esquerda, pero non dubidan en enraizar relacións co imperialismo militarista ianqui. Porque non dan puntada sen fío. Pode que o atentado sexa produto de terroristas islamistas, pero quen vai aproveitar a coxuntura para espallar a súa proclama xenófoba e para propoñer penas de morte, valado de fronteiras e mesmo intervencións militares van ser os partidos políticos “demócratas europeos”, e nós xa sabemos quen goberna Europa.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.