Lexítimo dereito á discrepancia ou boicot á organización?

Lexítimo dereito á discrepancia ou boicot á organización?

Debemos partir da tese de que a pluralidade ideolóxica -desde coordenadas de defensa da Soberanía Nacional de Galiza e das súas maiorías sociais- e o debate permanente forman parte do ADN do nacionalismo galego. Pluralidade e debate inherentes a un modelo organizativo -fronte de unidade nacionalista- tan xenuíno como útil para a defensa das e dos noso compatriotas e para a defensa da Nación mesma. Unión na diversidade e permanente diálogo, eis as pedras angulares que permitiron facer avanzar ao BNG dende a súa fundación no coruñés Frontón de Riazor até os nosos días.

Neste corpo organizado que é o BNG, plural por esencia, existiu sempre a discrepancia e, xa que logo, o dereito a discrepar, téndose garantido sempre canles para exercitar tal diverxencia de opinións, pois a mesma favorece e arriquece os debates. Porén, é preocupante ver cómo nos últimos tempos afortálase unha tendencia a exercitar e veiculizar as diferenzas non no seo da organización -o que favorecería o debate e o contraste de ideas- senón a través dos medios de comunicación -medios que non cumpren un papel neutral e que, ao contrario, actúan ao servizo do españolismo e das elites económicas- e de fenómenos da rede como os blogues.

Vemos así compañeiras e compañeiros do BNG criticando publicamente políticas adoptadas lexitimamente polos organismos de dirección da Fronte, sen ofrecer a posibilidade de debater estas cuestións internamente entre todos e todas. Vemos cargos institucionais do BNG que fan públicas as súas decisións en comparecencias á prensa antes de o saber os organismos dos que eles mesmos fan parte. Ollamos tamén dirixentes que exercen consciente e voluntariamente o absentismo á hora de acudiren ás reunións mais que logo critican ante a prensa as decisións adoptadas democraticamente neses mesmos organismos.

Pois ben, onde está o límite? Onde remata o lexítimo dereito a discrepancia para entrar no camiño da autodestrución e do liquidacionismo? É favorecedor para o conxunto da organización que se trasladen ao exterior os debates internos como se os Consellos Nacionais, Comarcais ou Locais fosen retransmitidos ao vivo pola CRTVG? É positivo para a saúde do BNG que a prensa coñeza e publique antes de o saber a dirección política determinadas decisións de enorme transcendencia política adoptadas por cargos institucionais do Bloque? É positivo para o futuro do BNG que membros da súa Dirección convoquen aos medios para afirmar que o nacionalismo é unha nave á deriva, sen ninguén que atenda ao leme?

Cando a lexítima discrepancia -froito dunha organización política plural radicalmente democrática e asemblearia- se converte en boicot ás decisións democraticamente adoptadas, córrese o risco de dinamitar o proxecto e de inocular tanto na militancia como no conxunto da sociedade o virus do desánimo, da frustración e da crenza de que o nacionalismo non é alternativa.

Nesta encrucillada atopámonos no momento actual: sermos diversos -incluso radicalmente diversos- na unidade do nacionalismo, camiñando todas e todos na mesma dirección ou boicotear o vieiro da unidade, abrindo servidumes de paso de incerto final.