Lembranzas de Avelino


Nos últimos tempos houbo un momento no que nos gardamos de pedirlle a Avelino que nos acompañara mesmo que soubera da celebración dalgunha actividade a prol da lingua, da memoria ou simplemente patriótica porque sabíamos que querería asistir e, consciente dos seus problemas de saúde e do pouco conveniente para esta do activismo continuo ao que nos tiñan empuxado os actuais gobernos da Xunta e do Estado, non tiñamos azos para enlealo máis.

Mais botabámolo de menos. Era ostentoso o oco que deixaba o 17 de agosto lembrando a Bóveda e en tantas outras citas ás que sabíamos que el non fallaría fronte a quen só acudía cando llo impuña o guión ou nin sequera así. Temos escrito aquí do contraste do seu lonxevo activismo a pesares dos desgustos e decepcións, fronte a outros efémeros militantes que se escudan nalgunha remota liorta interna por mor dunhas listas ou por outras miserias para non volver aparecer polas trincheiras na defensa da lingua e do país.
Mais agora, que sabemos do irreversíbel da súa ausencia, semella máis presente en cada un destes actos e sabemos que non o esqueceremos en todas as loitas que aínda hai por diante. Non poderemos evitar que nos veña á mente cando máis unha vez agridan a nosa lingua, desprecen a Castelao ou a Bóveda. Mais tamén nos pequenos detalles, o seu monolingüismo enxebre e popular, o seu humor retranqueiro e o seu xenio e carraxe fronte ao españolismo (os calificativos cos que despachaba aos xerifaltes do PP, no caso de Aznar chegou a atopar máis de 100 sinónimos de imbécil). E sobre todo, nas súas teimas: a casa de Castelao, a usurpación das siglas do seu glorioso Partido Galeguista (hoxe en mans de arribistas sen nada que ver co que representaba para el) e, fundamentalmente, a rehabilitación da figura de Anxel Casal.

Cómpre lembrar que foi el, xunto con David Otero e Xoán Xosé Abella (os tres mosqueteiros como dicía ironicamente) quen atoparon e sinalaron o lugar onde fora atopado paseado o alcalde galeguista de Compostela.,Casal marcou fondamente a Avelino. Dalgún xeito compartiu con el a incomprensión esquerdista. Para el o galeguismo era un pensamento substancial, non precisaba máis aditivos, unha ideoloxía que tiña no seu ventre o desexo dun país libre e desenvolvido, a democracia e a xustiza social, un programa que tería como consecuencia lograr o benestar de galegos e galegas e a eclosión da nosa cultura. Para iso vía no agro a base material sobre a que asentar ese proxecto en base a un modelo cooperativista, e a iso dedicou esforzos teóricos e prácticos desde que na súa mocidade colaborara coas sociedades agrarias barcalesas até que recentemente o movemento cooperativo galego o recoñecese polo seu intenso labor (Compre lembrar o seu libro do ano 1971 “¿Valen ou non as cooperativas de explotación comunitaria pra o campo galego?”, unha obra teórica pero tamén unha ferramenta práctica no seu momento).

Avelino lembraba a malleira que sufriu dos membros da mocidades socialistas unificadas (PSOE e PCE) naquela campaña a prol do Estatuto do 36, mocidades nas que estaba o seu amigo Isaac Díaz Pardo, cando se enfrontou a eles porque no canto de pintar a favor do referendo poñían outras consignas como “Viva Rusia!”. Díaz Pardo referíase a aqueles tempos nos que miraban cara os galeguistas, o seu pai ou Casal, como politicamente mornos e non se imaxinaban que puideran ir por eles con tanta saña. Os esquerdistas españois consideraban que no conflito de clases os galeguistas non pintaban nada, mais o inimigo sabía ben a por quen ían (“prefiero una España roja a una España rota”).

A loita de clases, cando se eleva á abstracción, é doada de ser desactivada e asimilada polo poder. O galeguismo nunca negou a existencia das clases sociais a diferencia da actitude dos comunistas, socialistas e anarquistas a respecto de Galiza que si a borraban do mapa continuamente. O que quixeran os galeguistas é que a esquerda e a clase obreira puxeran os pés na Terra, que exerceran de galegos sen abandonar a súa ideoloxía (moitas páxinas escribiu Castelao ao respecto). Nestes días que se volve outra vez a enarborar a escusa da clase social universal para renegar da patria de cada quen, reproducindo e reforzando a globalización que din combater, tamén nos vén á memoria unha conversa con Avelino sobre o congreso de refundación do Partido Galeguista e sobre o fracaso electoral e social do partido na transición. Preguntado polo papel de Ramón Piñeiro nesas xornadas de Poio recordou como lle fixo poñer enfermo escoitar as súas palabras en contra da autoorganización e a súa defensa da necesidade de incorporarse a proxectos españois para adobialos de galeguismo coa súa presenza. O caso é que iso de “poñer enfermo” non era unha metáfora. Lembraba o médico que o atendera, Alfonso Varela Durán, quen ao seu xuízo lle salvou a vida pois a cousa fora bastante grave. Esta anécdota reflectía a súa personalidade e a fusión psicosomática que encarnaba entre Terra e Lingua, economía e cultura, nación e organización. Para el o galeguismo non era un adobío, un adxectivo, un accesorio co que facer presentábeis outras cousas, tal como acontece hoxe. El viña dunha xeración na que ser galeguista era ser todo (ética, política, estética e mesmo metafisicamente). Por iso debeu ser terríbel vivir o grao a que rebaixaron ese termo en boca de toda caste de “recastados” (como el dicía) até que ao fin ser galeguista é non ser nada.

Avelino amaba esta nación e fixo todo que puido polo seu ben. Afortunadamente a bioloxía doulle anos dabondo para corrixir as incomprensións e desencontros xeracionais que houbo froito da fenda que supuxo o 36 e a represión franquista. Ao final tivo ocasión de asistir á cos mais novos as mesmas loitas que el tivera na súa mocidade das que son continuidade as que hoxe se libran, participando nelas da man de Queremos Galego! e A Mesa ou o movemento memorialístico e cultural. Tamén asistindo cada 10 de Marzo a unha cita inédita para os do seu tempo, ao xantar da CIG con motivo do premio do día da Clase Obreira Galega. El – que sempre lembraba o moito que avanzara a conciencia nacional desde á república – penso que estaba satisfeito de ser testemuña da realización dun feito que os galeguistas de verdade vían como un soño: a existencia dun sindicato nacionalista consolidado organizativamente e maioritario na sociedade.

,Avelino aprendeunos a valorar o que tiñamos nós e do que eles careceran. Ensinounos de onde viñamos. Amosounos as nosas orixes. E todo iso sen pretender dar leccións. Desde o seu xeito particular de pensar que seguramente non cadraba co dun nalgunhas cousas, mais que non era motivo para que tentara de facérnolo mudar si se confluía no fundamental: Galiza. Limitábase a predicar co exemplo e a tentar, humildemente, honrar a aquel home que o 10 de maio de 1931 lle descubrira un país descoñecido para el a pesar de ser o seu. Un país ausente dos libros de texto e das palabras baleiras dos oradores parlamentares. Un país invisíbel que desde aquela data na que se lle fará patente tentará evitar que o volvan a facer desaparecer. En definitiva, dedicou a súa vida a honrar a Castelao. Labor que non só serve para dar a coñecer a esta persoa, senón, sobre todo, verdadeiramente útil para coñecerse a un mesmo e ao país que o pariu. Por iso nas virtudes morais de Avelino apreciamos a longa influencia da personalidade do autor do “Sempre en Galiza”. Non se trata de ser parciais e caer nos eloxios de costume diante do falecemento de alguén. Neste caso é difícil manter as distancias e quizais non sexa este un texto obxectivo, é unha visión persoal, o significado que ten para un e que pode non coincidir co que teña para outros. En definitiva, simplemente é o recoñecemento agradecido de que foi un privilexio para a nosa xeración poder contactar con alguén coma el, que nos deu a oportunidade de apreciar a rebeldía e vitalidade dun ideario, o galeguista, que ao final resultou ser o noso e non ese que recibindo ese mesmo nome serve para cubrir a retirada dos que desertan da patria. Por iso, Avelino, seremos moitos os que nunca te esqueceremos.