Leis de punto e final. Un percorrido até a "Amnistía total"

Leis de punto e final. Un percorrido até a "Amnistía total"

As últimas sacudidas do Partido Popular á ordenación do solo e do noso territorio, están a rebentar os cimentos do traballo que realizaron os nosos ancestros durante séculos. O máis fermoso deste país, os seus asentamentos tradicionais misturados coa natureza en estado puro, xurdiron e mantiveronse no tempo sen grandes arquitectos, sen grandes inspectores urbanísticos, e sen grandes directores xerais. Foi a forza e a vontade das mans dos galegos e galegas, a necesidade de ter catro paredes, un teito, unha lareira e unha cuadra, o que fixo esta gran obra de arte.

A semana pasada, o partido da dereita, o PP, co apoio do PSOE, aprobou a modificación da Lei do solo, as bases para dinamitar o noso patrimonio. Non foi casualidade que coincidira cas datas de San Xosé, patrón das fallas de Valencia, pois xa levan un ano traballando arreo. Todo estaba preparado, a pólvora a puxeron os infractores e os especuladores, os mistos o presidente da FEGAMP, e acendeu a mascletá o Presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feixóo. E desta foi, xa que no ano 2004 o especulador maior da festa xa o intentara, mais a pólvora mollouse ao ano seguinte. O espectáculo comezou, e máis dun ficou abraido ante tan inmenso e marabilloso panorama.

O "iter" normativo do solo galego foi meditado a conciencia. A primeira lei galega sae no ano 1985, reforma no 1990, nova lei no 1997, logo vén a de 2002, modificación no 2004, logo decreto paralizador no 2007, e agora de novo outra modificación da última lei, sen contar as pequenas modificacións dos artigos que se aprobaban no parlamento todos os anos. Este cronograma amósanos o grado de incompetencia dos que dirixiron e lexislaron nesta materia no noso país "a grosso modo". De todos é sabido que as leis intentan permanecer vixentes o máximo tempo posíbel, e non cabe dúbida que moitas delas tardan anos en saír do paritorio, polo que é de agardar non ser derrogadas a primeiras de cambio. Tamén é sabido que a lei que logra o maior consenso na cámara, é a que ten menos papeis para morrer no intento, de aí que poidamos afirmar que os bos políticos son aqueles que logran grandes consensos, non os que fan grandes obras, de feito en épocas pasadas, as leis que gozaban dese recoñecemento acababan por bautizarse co nome do seu mentor, mais temos que lamentar que non se dera o caso na Galiza.

As distintas leis do solo galegas non correron esa sorte, e foron aprobadas co rolo parlamentario da dereita capitalista, dos vasalos da patronal do ladrillo. E cando estes perderon a maioría na cámara, ninguén non foi quen de aproveitar a ocasión para mostrar unha alternativa críbel e convincente ao pobo galego, tan só se adoptaron boas medidas provisionais, que demoraban a espera dos que aman esta terra. E volvendo ao rolo, temos que lembrar a finura dos populares cando xustifican as razóns que os levaban a modificar ou crear a normativa urbanística, facendo auténticos panexíricos da nosa terra ou copias falsas dos discursos máis nacionalistas, cabe lembrar uns días atrás como Feixóo fixo súas as verbas do "Alba de groria" de Castelao sen ruborizarse. Lembremos varios exemplos extraídos das exposicións de motivos da lei do solo do ano 2002 e da súa modificación no 2004, dicían así:

"Galiza conta no momento actual cunha arquitectura rural de excepción e cun territorio de incalculábel valor paisaxístico, cunhas terras eminentemente fértiles e con vocación agrícola, gandeira e forestal, e cun litoral de extraordinario valor económico, ambiental, histórico e cultural. Sen embargo, a anarquía de construcións e usos que está proliferando nos últimos anos, o deterioro das edificacións, a falla de conclusión de moitas delas e a degradación da paisaxe, provocada polos moitos movementos de terra inadecuados e o desenvolvemento tecnolóxico aplicado, moitas veces, de forma incontrolada ao medio rural, xustifican a presente Lei que trata de harmonizar o desenvolvemento e benestar do mundo rural coa preservación e revitalización dos bens culturais e naturais tan preciados e fonte de recursos e patrimonio a conservar para legalos ás xeneracións futuras deste país."

Dicía tamén a exposición de motivos da lei do 2002 que "Poténciase o uso do turismo rural mediante rehabilitación de edificacións existentes e permítense novas construcións con este fin, inclusive no solo especialmente protexido sempre que se adecuen ao entorno e cumpran coas condicións especificadas nesta Lei, relativas a tipoloxía, altura, materiais a empregar (pedra, tella, etc.) e non atenten contra os valores protexidos. Polo contrario, prohíbese toda construción de naves industriais e terciarias neste tipo de solo, debendo estas ubicarse nos solos urbanos e urbanizábeis adecuados para estes usos."

E a primeiro parágrafo da modificación da lei, no 2004, comeza así:

"A finalidade esencial da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, é mellorar sustancialmente a calidade da ordenación urbanística en orde a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sostíbel do territorio, contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación, protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural e garantizar o dereito constitucional a disfrutar dunha vivienda digna nun entorno de calidade.... En definitiva, esta modificación legal encontra a súa principal xustificación na pretensión de perfeccionar a Lei 9/2002, para impulsar a consecución dos seus obxectivos, previamente ao seu desenvolvemento reglamentario, aproveitando para iso a rica experiencia acumulada na aplicación da lexislación vixente e do planeamento urbanístico aprobado baixo anteriores marcos legais."

Un verdadeiro paradigma da hipocresía política do Partido Popular, e agora tamén do PSOE. O "ti vai facendo" non se acabará xamáis, volverán en moi poucos anos a remendar leis e a tragar cuspes. Aproveitaron a rica experiencia acumulada en Barreiros onde dignificaron a vivenda e na Costa da Morte, onde plantaron naves industriais en vez de eucaliptos, de aí que os piñeiros de Pondal aínda sigan queixándose, e suspenderon, mais a Visa de papá, o capital, fixo que o profe inflara a nota até un dez. Sobran máis palabras.