Lei Xeral de Telecomunicacións: Ao servizo das operadoras

Lei Xeral de Telecomunicacións: Ao servizo das operadoras

Coñecidos son os problemas xerados pola alarma social provocada pola instalación de antenas de telefonía móbil. Alarma social racional as veces e irracional outras, pero que é obriga da administración atender e satisfacer en ambos casos. Até o de agora as competencias municipais na concesión de licencias permitían racionalizar a instalación de acordo coas inquedanzas veciñais. Con esta Lei a capacidade dun concello queda moi limitada, máis non así a súa responsabilidade diante da xente que acudirá ao seu municipio en busca de solucións entenda ou non a nova situación. A Administración Local, a máis próxima a todas e todos, terá que seguir apandando coa problemática, máis agora desprovista das ferramentas precisas.

Por outra banda vivimos un desenrolo das tecnoloxías da información e comunicación imparable no que resulta obrigado propiciar un desenvolvemento das redes organizado e axeitado aos tempos. Non se nega pois a necesidade de lexislar sobre este tema para asegurar a correcta cobertura duns servizos que se están a volver imprescindíbeis na época na que vivimos, pero o que non se pode facer é sucumbir as presións das operadoras e fixar as normas unicamente no seu beneficio e para favorecer a súa conta de resultados. Para colmo e seguindo a costume do que está a lexislar o PP, lembremos a nefasta Lei de Reforma Local que trae de cabeza a alcaldes e alcaldesas, secretarias/interventoras e secretarios/interventores dos concellos, o desenvolvemento desta Lei queda pendente de normativa por publicar, descoñecéndose onde e cando sairá publicada. En concreto que afecten aos municipios quedan pendentes nada menos que oito reais decretos e dúas ordes. Este feito supón unha quebra de cabeza tremenda para a administración local que non sabe moi ben en que quedan as súas competencias e até onde poden chegar coas súas ordenanzas reguladoras.

Repasando o contido atopámonos no artigo 29, titulado dereito de ocupación da propiedade privada, no que se di que as operadoras terán dereito á ocupación da propiedade privada cando resulte estritamente necesaria para a instalación da rede. Como única garantía esta ocupación levarase a cabo tras a instrución e resolución do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Importante puntualizar que no artigo 45 (infraestruturas comúns e redes de comunicacións electrónicas nos edificios) recoñecese o dereito dos operadores a instalar os tramos finais das redes fixas NGA dentro dos edificios e no punto 45.4 fálase de que cando non sexa posible polos procedementos técnicos habituais poderá realizarse usando as fachadas dos edificios e mesmo as azoteas sen o permiso das propietarias e propietarios, onde poderán poñer as antenas que precisen.

O artigo 30 fala do dereito de ocupación do dominio público e establécese igualmente que os operadores terán dereito á ocupación deste na medida en que elo sexa necesario para o establecemento da rede pública de comunicacións electrónicas de que se trate.

Unha facultade que tiñan os concellos anteriormente como era a de obrigar á ubicación e uso compartido de estruturas na propiedade pública e privada queda reducido no artigo 32.2 a que isto solo será así por razóns de medio ambiente, saúde pública, seguridade pública u ordenación urbana e territorial motivadas ao Ministerio que será quen regule a imposición de ubicación compartida.

No artigo 34 de colaboración entre administracións públicas no despregamento das redes públicas de comunicacións electrónicas outorgase a estas o carácter de determinacións estruturantes polo que a súa instalación e despregamento constitúen obras de interese xeral. Así a administración queda obrigada a facer real unha oferta suficiente de lugares e espazos físicos nos que as operadoras “decidan” ubicar as súas infraestruturas, non podendo así mesmo impoñer solucións tecnolóxicas concretas, itinerarios ou ubicacións concretas. No 34.4 facúltase ás operadoras para facer despregamentos aéreos e por fachadas de cables e equipamento que constitúan redes públicas de comunicacións electrónicas e os seus recursos asociados, sempre, iso si, que non existan canalizacións ou non sexa posible o seu uso por razóns técnicas ou económicas. Felizmente exclúense deste proceso edificacións do patrimonio histórico-artístico ou que podan afectar á seguridade pública.

Establecese no artigo 34.6 que para o despregamento de redes radioeléctricas en dominio privado as que se refire a disposición adicional terceira da Lei 12/2012, substitúense as licencias por unha declaración responsable e para o resto de actuacións en dominio privado pódense substituír igualmente as licencias por esta declaración naqueles casos nos que o operador teña presentado un plan de despregamento e que este fora aprobado. Cando se realicen actuacións de innovación tecnolóxica ou adaptación técnica que supoñan a incorporación de novo equipamento ou a realización de emisións radioeléctricas en novas bandas de frecuencias ou con outras tecnoloxías non se requirirá ningún tipo de concesión, autorización ou licencia nova ou modificación da existente ou declaración responsable ou comunicación previa á administración competente por razón de ordenación do territorio, urbanismo ou mediambiente.

Non quedan aquí os cambios lexislativos, mais queremos insistir no novo caos normativo que se introduce coa indefinición pendente de reais decretos e ordes por saír, insistir tamén na interferencia do Estado en competencias tanto municipais como galegas e por último salientar que estamos de novo diante dunha Lei nin falada nin acordada cos axentes implicados e moi coñecedores da problemática e estado do sector. É preciso facilitar o despregamento das redes, si, máis hai que facelo con sentidiño e coñecemento da realidade, non servindo aos intereses dun poderoso lobbie e os seus beneficios económicos, tense que poñer sempre por diante a saúde e a vida.