Lealdade e patriotismo, irmáns!
Causa arrepío comprobar a actuación dos medios de comunicación -sen excepcións- en relación co nacionalismo galego organizado no BNG. Mesmo nun mes de agosto, que tradicionalmente, por falta de actividade política ordinaria, viña representando un espazo temporal no que non era difícil abrir ocos nos que destapar, cando menos relativamente, as posicións e alternativas do BNG. Iso rematou. Vivimos, estou convencido, os tempos máis hostís no relativo ao comportamento antinacionalista das empresas de comunicación, dependentes -como é obvio- do poder político e económico hexemónico. O seu afán, o seu fin, é cercenar, e máis no actual contexto económico e social, calquera posibilidade de o nacionalismo galego estender as súas capacidades, medrar electoralmente e influír socialmente. Isto é, eliminar calquera obstáculo político e social para impoñer un sistema económico cruel e inhumano co seu correlato político, profundamente antidemocrático. E o inimigo, claro está, é o BNG. O obxectivo máis cercano, evitar a presenza do nacionalismo galego nas Cortes do Estado.
Ao silenciamento brutal das propostas do BNG súmase unha política comunicacional fundamentada na magnificación das diferenzas na fronte nacionalista. O esquema é ben sinxelo: Construír e inculcar socialmente a imaxe dun BNG inserido nunha dialéctica exclusivamente interna e autodestrutiva ao que non lle interesan os gravísimos problemas que padece o pobo galego. A caricatura está feita, e é hoxe a mellor arma para debilitar o instrumento político máis extraordinario do que se ten dotado a nación dende o franquismo.
O inimigo non é parvo, e sabe o que fai. E consegue darlle forma ao retrato deformado do BNG. Tamén con irresponsábel axuda interna, ben é certo. Témolo constatado en innumerábeis ocasións. Con motivo, por exemplo, de reunións mantidas nas últimas semanas co sector pesqueiro e marisqueiro diante das durísimas agresións que está a recibir, pregúntasenos sistematicamente en moitas confrarías a razón pola que non facemos nada diante desta situación, crendo que é debido ao que chaman "liortas internas", ao manifesto dalgúns alcaldes, etc. E aclaramos que non é certo: son centos as iniciativas parlamentares e o traballo social intenso desenvolvido polo nacionalismo na defensa do dereito a traballar e a producir no noso país. Mais iso é xustamente o que non interesa recoller polos medios de comunicación. O BNG ou non sae ou, de saír, aparece completamente desfigurado, dividido, ao borde dunha suposta ruptura, e sen interese polos problemas diarios da sociedade galega.
Neste contexto, e tendo en conta a proximidade das eleccións xerais, tamén nós podemos e debemos actuar. Con patriotismo. E hoxe o patriotismo implica tamén algo tan elemental como a defensa pública, a dignificación e a posta en valor do inmenso valor do BNG. Sen renuncia das posicións dun debate político-ideolóxico que se debe manter en canles exclusivamente internas. Hoxe patriotismo ten a ver con lealdade coa organización. Lealdade lígase a respecto aos milleiros de militantes nacionalistas, teñan ou non cargos institucionais. Lealdade e respecto non son trabas á libre expresión nin mantras a repetir mecanicamente por ningunha casta sacerdotal. Conforman a fidelidade a uns principios e a unha práctica política indispensábel para a construción do futuro libre da nación.
Quen escollan o outro camiño, isto é, o da crítica pública ao BNG, probabelmente disporán de grandes espazos mediáticos e afábeis entrevistas nos xornais do sistema. Pasarán de ser considerados entes abominábeis e crueis a se converteren nun modelo de tolerancia e bondade. O nacionalismo simpático, vaia. Acontece así desde hai tempo. O manual xa o coñecemos. Mais o que nos xogamos non é iso. Facerlle fronte á ofensiva antinacionalista, que a hai, pasa por pechar filas e defender a organización. Non gozaremos do apoio mediático, mais si da gratificación que nos dará a historia se o facemos ben. Daquela, lealdade, irmáns, fidelidade, respecto a compañeiras e compañeiros. Fagámolo por puro patriotismo.