Labregos e labregas, o último que peche a porta

Labregos e labregas, o último que peche a porta

Sería inxenuo pensar que a contra reforma do capitalismo depredador non lle fora afectar aos que viven do agro.

Todo o contrario. A Reforma da Política Agraria Común (PAC) que se aplica dende primeiros de século vai nesa dirección:

-Eliminación dos aranceis.
-Liberalización dos mercados.
-Supresión dos sistemas de protección das explotacións agrarias (prezos de garantía ou de referencia, almacenamento de excedentes...).
-Redución do apoio as rendas agrarias.
-Estandarización e homologación de variedades comerciais destruíndo a biodiversidade.
-Instalación de grandes unidades produtivas ( super-granxas e super-explotacións) atendidas en moitos casos por man de obra en réxime de escravitude.
-Aumento dos costos de produción e intensificación da man de obra e da produción. Traballar o duplo, producir o cuádruplo e gañar a metade de fai uns anos.
-Anulación da intervención pública e dos estados deixando en mans de potentes monopolios as relacións laborais e comerciais.
- Prácticas de dumping desfacendo economías mais débiles -caso do leite en Galiza- ou especulando co almacenamento de produtos de primeira necesidade -caso do arroz- fai poucos anos, que causou fame, miseria e moitas mortes en países do terceiro mundo.

Pero o peor de todo isto foi como lle fixeron interiorizar estas políticas ate os propios labregos dende tódalas instancias da Unión Europea: " Compre ser competitivos, eficientes e modernos. Os bos profesionais quedaredes e seredes ricos, os outros desaparecerán". En Galiza estas receitas están matando aos que gozaban de mais saúde.

Este discurso criou ademais complexo de culpabilidade: "O resto da sociedade non pode estar subvencionando a falla de rendibilidade e profesionalidade dos labregos. Non podemos protexer aos labregos europeos porque estamos prexudicando a competitividade dos produtos do terceiro mundo"...¡ Xa fai falla ser cínicos; querernos convencer de que se fan probes aos labregos da Galiza ou da Bretaña van a quitar da miseria aos de Colombia ou do Paraguai!

Moitos e moitas non se enteraron aínda de que a "globalización" non está a globalizar a riqueza senón a miseria. Do mesmo xeito que o esperado euro non nos trouxo mais valor para os nosos petos senón mais carestía e perda de poder adquisitivo. A maioría das mensaxes políticas que nos lanzan con insistencia dende os medios de comunicación son moi doadas de entender. A verdade é moi frecuente que sexa o contrario do que nos din; e cando nos poñen ante unha disxuntiva son mentira as dúas; por exemplo agora que nos queren facer escoller entre os calabozos do PP ou a prisión do PSOE.

A ninguén se lle oculta que aquel contiño que nos contaron estes anos de que aos labregos europeos se lles ía pagar por coidar o rural para recreo dos "urbanitas" non era certo. E si ademais a política de desenvolvemento rural a fan os que puxemos a gobernar en Galiza ultimamente; nin rural, nin desenvolvemento, nin bosques, nin turismo rural, nin can que lle ladre....

A enfermidade política e psicolóxica que temos hoxe no rural galego e a mesma que teñen o resto dos europeos: A "enfermidade do botafumeiro"; O mesmo que os peregrinos na catedral de Compostela, estamos cansados, amoreados en rabaño, rodeados de bacterias e de pestilencias, sen saber porque porta saír, pero cheira a incenso e soan músicas celestiais que non nos deixan percibir se estamos na agonía ou no outro mundo...

Non queda mais remedio para sobrevivir que reaccionar fronte a esta pandemia, posto que chegarán irremisiblemente, en breve prazo outros dous andazos que para pasalos compre estar vacinados, e non encargarlle as vacinas aos que fixeron as da famosa "gripe A". Que mira ti por onde ao final afectounos a todos e a todas, a tódolos petos e a tódalas familias.

Aí temos xa a reforma laboral e das prestacións sociais que vai afectar mais do que pensamos no rural.

E en pouco tempo finalizará o actual Plan de Desenvolvemento Rural, e a partires do 2013 aproveitaran os depredadores para eliminar boa parte das axudas que hoxe reciben as explotacións agrarias galegas. A nación ou rexión que queira axudar aos seus poderá aplicar aquel método que xa hoxe está definido como a nacionalización da PAC, que consiste en que os estados poñan os fondos que antes poñía a U.E. Xa podedes decatarvos da sorte dos apátridas. Como moito financiarán a herba das corridas de touros.

No noso rural existen moitas unidades familiares e económicas nas que conviven ingresos e axudas procedentes da produción agraria, do traballo asalariado, axudas públicas, e incluso, e non menos importante, apoio laboral e financeiro dos xubilados. Este complexo sistema de resistencia estase vindo abaixo; e a reforma antisocial que os tiraboleiros do sistema van intentar aplicar vai acelerar o proceso. A finalización do Plan de Desenvolvemento Rural no ano 2013 podería deixarnos sen a maioría das axudas estruturais (concentracións parcelarias, camiños, plans de mellora....) e das axudas as explotacións (vacas nutrices, areas desfavorecidas...). De feito a Consellería actual xa deixou de aplicar algunhas.

Non se pode concluír diante destas evidencias que a solución é poñer a feder aos políticos ( que é o que fan os mais devotos do Mariano) nin ameazar con deixar o agro, porque non hai moito para onde ir.

Neste intre no que en España están tan preocupados pola "fiesta nacional" dos matadores a nos vainos ser mellor imitar aos veciños portugueses e traballar como os "forçados" collendo o touro polos cornos e tratar de parar a súa furia.

Os labregos e labregas teñen tamén que saír a rúa o próximo dia 29 e deixar ver que o rural galego tamén existe. E non existe só para os que atenden vacas, viñas ou porcos, senón para beneficio de moita outra xente. ¿ Que sería neste intre da nosa saúde mental se entre "caso e caso" do " telerrible-xornal" non puxeran algunha festiña gastronómica? ¿Habería algún estómago que o soportara?