JMJ 2011. O valor dun gran de area

JMJ 2011. O valor dun gran de area

Quen non ten escoitado, en conversas espontáneas ou formais, que é mester aportar un gran de area para unha determinada causa ou proxecto? Nesta idea, tan gráfica e tan antiga, asenta a campaña de captación de recursos económicos para financiar os actos da visita do Papa a Madrid, nas denominadas Jornadas Mundiales de la Juventud. "Aporta tu granito de arena para que la Jornada Mundial de la Juventud 2011 sea posible. Nos puedes ayudar desde 10€. Anímate!" pode verse nun dos webs do evento.

Eis a cotización mínima dun gran de area: 10 euros. Como o orzamento se sitúa, o declarado, nos 50 millóns de euros, son precisos cinco millóns de grans de area. A duna de Corrubedo!!

Claro que, se repararmos mellor, veremos como os organizadores, coñecedores das técnicas construtivas, saben que para construír unha duna non chegan 5 millóns de grans e quizais por iso, acudindo á tradición xacobea, en vez de dunas prefiren construír milladoiros, pois con pedras é máis fácil. Deste xeito, dos dez euros de partida pásase rapidamente aos trinta, sesenta e cen de donativo, ou aos 2011 euros no caso de se tratar de empresas. E como este evento foi declarado de excepcional interese dentro da Lei de Orzamentos do Estado, as empresas que se anuncian, poñen o logo ou doan diñeiro para este acto poden deducir unha parte dos seus impostos. Non perdan, por favor, a relación de empresas colaboradoras e pensen no austeras que son á hora de ofreceren un posto de traballo aos mozos e ás mozas e no xenerosas que se volveron para subvencionar este evento que lles abre as portas do ceo e desgrava en Facenda!

Quen paga?

Os organizadores insisten en que estas Xornadas nada custan aos contribuíntes e algúns mesmo ousan dicir que grazas a elas haberá menos déficit público este ano porque os ingresos que se van xerar por IVA, por turismo, etc son superiores aos gastos. Mais saben que iso non é verdade e que a sociedade non comprende que nun contexto de crise se produza un dispendio de tal calibre para honrar unha xerarquía eclesiástica que mantén complicidades dubidosas coa xuventude.

A visita do papa custa 50 millóns de euros, sen contar todo o dispositivo de seguranza e o aloxamento dos participantes. A Igrexa recibe do Estado 10.000 millóns de euros ano, unha cantidade equivalente ao valor das reservas de ouro do Banco de España. Isto supón unha media de 200 euros por habitante que, sexa ou non crente, comproba como esta cantidade se extrae dos orzamentos das distintas administracións públicas.

Cada hora que o Papa pase en Madrid supón un gasto mínimo dun millón de euros. E todo isto para que? Se a relixión pertence ao ámbito privado da persoa, é preciso organizar este espectáculo con diñeiro público?

Tan pouco carisma e capacidade de convencemento teñen entre os seus votantes os líderes que proclaman que "España es una gran nación" que precisan dunha estrela mediática que supla as súas carencias?

E aqueloutros que proclaman a baixada de salarios dos traballadores para saír da crise, como explican esta inversión en becerros de ouro?

A que veñen os Papas?

Desde o ano 1982 a hoxe son oito as visitas do Pontífice de Roma a territorio do Estado Español. Oito visitas en 29 anos. E un pregúntase: a que veñen os Papas con tanta frecuencia a España?

Varias poden ser as respostas, mais imos enumerar só tres.

- A primeira porque se senten moi cómodos nestas visitas: todas as institucións do Estado lle renden vasalaxe; a Igrexa logra un paraugas institucional co que tapar todos os escándalos que lle afectan en calquera latitude e ao mesmo tempo, e co mesmo paraugas, as visitas papais serven para ocultar os casos de corrupción no Estado. Simbiose perfecta, a Deus o que é seu e ao César o que é de todos!

- En segundo lugar, estas visitas, realizadas porque "España necesita unha nova evanxelización" como dixo Bieito XVI en Barcelona, serven ao propio estado como desculpa para expandir o ideario centralista e como factor de recuperación do espírito imperial perdido, ou mal visto, despois da desaparición formal, que non real, do franquismo. Lembremos o que dixo Xoán Paulo II en 1982, na primeira das visitas: "La porción más numerosa de la Iglesia de Cristo habla hoy y reza a Dios en español". Aí temos de novo o español como lingua imperial, terrestre e divina. Afirmar isto nun Estado no que o 40 % da poboación vive nun territorio en que o español non é lingua propia, é botar mais leña no lar do conflito lingüístico, é tomar partido claramente por un modelo de Estado. E por se isto non for suficiente, en 1984, en Zaragoza, o mesmo Papa explica a súa visita porque España é a terra que "abrió la comunicación entre Occidente y el continente americano y la que, en gran parte, llevó al mismo la luz de la fe en Cristo". Só lle faltou falar da "alianza de civilizaciones" de Zapatero, mais eis como o Vaticano asume o concepto de madre patria, xustificando en nome da fe o imperialismo e o xenocidio levado a cabo en América.

- En terceiro lugar, as visitas papais serven para perpetuar e enxalzar a ideoloxía do nacionalcatolicismo. No ano 2003 (antes estivera en Santiago, en 1989, con Rouco Varela organizando a IV Jornada Mundial de la Juventud), Xoán Paulo II realiza unha nova visita para canonizar, nun acto non exento de polémica, cinco novos santos, algún deles moi comprometido co levantamento fascista de 1936. E a misa de canonización é na Praza de Colón, xusto onde se alza unha inmensa bandeira de España que mide 290 metros cadrados e pesa 25 quilos, levantada sobre un mástil de 19 toneladas de aceiro a 50 metros de alto. Non podían ter mellor escenario para entrar no santoral, protexidos pola bandeira española, a bandeira celestial.

E agora, de que ven falar Bieito XVI?


Na hora en que este artigo sae á luz restan doce para a chegada do avión que transporta a Bieito XVI a Madrid para unha visita que se prolongará até as 19 horas do domingo 21 de agosto. Catro días nos que está previsto que o Papa pronuncie unha ducia de discursos, saúdas ou homilías, alén de ter encontros con bispos e cardeais, con curas e con reis, con presidentes de goberno e con altas damas, nunha cerimonia de exaltación político-relixiosa que, a tres meses dunhas eleccións xerais, interfire, inevitablemente, no comportamento do electorado. Porque o que se presenta como unha visita pastoral, como unha grande festa da fe, non é outra cousa que unha exhibición de poder e de dominio, ao estilo das festas celebradas en Roma para conmemorar as vitorias imperiais, e en faltando coliseos, ben vale un aeródromo, cun anuncio luminoso que indica que se consegue indulxencia plenaria rezando polo Papa e se perdoan todos os pecados, incluído o de aborto

Na súa mensaxe de convocatoria o Papa dicía que Europa necesita redescubrir as súas raíces cristiás e necesita o testemuño da fe dos mozos: "unha fe chea de entusiasmo fronte aos desafíos da secularización e do laicismo."

Iso quere dicir que ven falar dunha igrexa que non admite as relacións sexuais antes do matrimonio, que considera unha doenza a homosexualidade, que prohibe o uso de preservativos mesmo con fins profilácticos, que nega os valores democráticos, que non denuncia os responsábeis da situación frustrante dunha mocidade sen futuro, cun paro xuvenil de máis do 43%, sen posibilidades de acceder tampouco a unha vivenda, senón que se apoia neles e no seu diñeiro, que adopta a hipocrisía como bandeira, ao máis puro estilo daquel cura de moral dubidosa que dicía aos fregueses. "facede o que eu vos digo e non o que eu fago"

Disto é do que ven falar o Papa e, como é obvio, estas mensaxes encaixan perfectamente no programa electoral de varias forzas políticas que se presentan ás eleccións de novembro e que obteñen desta visita unha importante baza electoral.

Mais non nos debemos deixar enganar. Sabemos que os problemas da Galiza nada teñen a ver co laicismo e a secularización. Mais ben están relacionados coa falta de compromiso co país e coa sociedade de todas esas empresas que aportan o seu diñeiro para figurar na cartelaría de benvida ao Papa, e neses dirixentes políticos que non dubidan en se vestir, se for preciso, coa mantilla española con tal de bicar o anel do Pontífice de Roma, por máis que ese anel estea emporcado por casos de pederastia, por complicidade con ditaduras, por negar os dereitos nacionais de pobos sometidos, por negar os dereitos das mulleres a decidir sobre a súa maternidade. Mesmo o pecado está devaluado. Son as leis do mercado. É o valor dun gran de area.

Mais non hai deus que o entenda !!!