Istoarranxamoloconsoberania.GZ

Istoarranxamoloconsoberania.GZ

Ao longo da historia, sempre os períodos de crise foron escenarios propicios para a demagoxia populista e reaccionaria, e este non ía ser unha excepción. Comezou orientando un discurso xenófobo face á inmigración e insistindo na necesidade dun goberno forte (léase autoritario) para saírmos da crise, continuou coa desvalorización e desprestixio do público e serve agora aos propósitos re-centralizadores da dereita profundamente españolista que, cada vez máis, se encarna sen reservas no Partido Popular. Se esta corrente aínda é pouco representativa numericamente, tamén non convén infravalorala, pois ten a ver co rearme ideolóxico da dereita máis recalcitrante, coas ofensivas da 'Brunete mediática' contra as linguas nacionais ou o estatuto catalán, , coa saída a campo aberto do españolismo militante mesmo no noso País (Galicia Bilingüe...) e por suposto, co labor de desconstrución nacional da Galiza no que está empeñado o goberno de Feijoo.

Primeiro chegou a receita máxica da confianza: estosololoarreglamosentretodos.org , a campaña dos empresarios, nada sutil, que pretende convencernos de que é preciso socializar a responsabilidade da crise e por tanto tamén das súas consecuencias. Quérese dicir, socializar as perdas, mais non os lucros. Óptimo para que os banqueiros poidan seguir a presentar contas de resultados avultadas e bonus voluminosos en tanto aos traballadores nos rebaixan os salarios. Mais, como temos de asumir a nosa parte alícuota, non é cousa de protestar!

No ronsel desta campaña ben habilidosa, está a chegar outra igual de letal e reaccionaria: estosololoarreglamossinlasautonomias.org. Trátase de aproveitar o caldo de cultivo da crise para lanzar un ataque brutal ás aspiracións de autogoberno das nacións do estado e reforzar o vello discurso, xa retomado abertamente polo PP desde a etapa de goberno de Aznar, da "indisoluble unidad de la patria"."'Chegou a hora de afirmar sen titubeos que o Estado das Autonomías é o inmenso erro que nos está conducindo á ruína, á división dos españois e á desintegración da unidade da patria". Así comeza, sen titubeos.

Sempre en época de tribulacións, en que as persoas precisan de certezas ás que se agarrar, é máis fácil facer pasar ideas prexuizosas, por moi falsas ou desatinadas que sexan, na medida en que sempre hai sectores -menos formados ou máis predispostos ideoloxicamente- propensos a crelas. Velaí senón a alta porcentaxe de poboación que, segundo as sondaxes, manifesta a súa satisfacción coa medida de rebaixa do salario dos empregados públicos. Unha aquiescencia que asenta nos preconceptos, periodicamente alimentados desde o poder político e económico, sobre a ineficacia do público e o enorme custo que supón para a cidadanía. Unha conformidade que, aliás, non toma de conta que esta medida supón abrir a espita nunha dinámica xa iniciada que visa a perda de dereitos e salarios para o conxunto dos traballadores.

Tamén a campaña españolista se asenta en preconceptos e mentiras que usan, en primeira instancia, a argumentación de índole práctica, mais sen ocultar en absoluto o transfondo ideolóxico. O argumento básico para propor a eliminación das autonomías é o económico, partindo da afirmación de que o estado das autonomías e o seu altísimo e inxustificado custo é 'o problema nuclear da actual crise e a razón fundamental do noso déficit público'. Claro que a seguir, explicítanse as verdadeiras razóns, que teñen a ver coa "perversión" do sistema autonómico que leva "á ruptura da unidade do mercado e, o que é peor, á ruptura do modelo de Estado baseado na indisoluble unidade de España". O esquema é ben simplista, pero xustamente por iso pode resultar eficaz nos ambientes ao que vai dirixido. Aliás, ten a dobre virtude de desviar a atención das verdadeiras causas e responsábeis da crise e fornecer novos (falsos) argumentos para orientar a opinión pública contra o nacionalismo.

Porque se a solución fose tan simple como 'enmagrecer' a administración pública, podemos contrapor receitas ben sinxelas que tamén está a defender o BNG como necesarias mais, por suposto, non suficientes: suprimir os ministerios con competencias transferidas ás comunidades autónomas (Sanidade, Educación, Cultura, Vivenda...), eliminar de vez as deputacións provinciais, retirar as tropas de Afganistán e reducir o gasto militar, diminuír a atribución á casa real ou mesmo camiñar cara a un único corpo policial, no noso caso a Policía Galega.

Non nos corresponde a nós, nacionalistas, defender un sistema autonómico no que nunca cremos. Mais si o dereito do noso pobo a se gobernar libremente. E, na realidade é diso do que se trata. Porque é evidente que á dereita (ou á esquerda) españolista non lle preocupa a autonomía de Estremadura ou de Murcia, senón a crecente consciencia nas nacións do Estado da ligazón directa entre autogoberno e benestar, entre nacionalismo e a posibilidade de alternativas reais á crise.

Hai alternativas, claro. O nacionalismo galego está a defendelas baixo a premisa de que unha saída xusta á crise é posíbel. E estamos certos de que moitas delas serían aplicadas con decisión e eficacia polo BNG desde o goberno galego de termos a oportunidade de facelo. Porén, temos tamén a certeza de que todas as que ultrapasen as competencias actuais da autonomía, mesmo aquelas que poidan encaixar perfectamente no marco xurídico-político actual, non serán aceptadas. Simplemente porque onde non encaixan é nas previsións e intereses da ortodoxia neo-liberal, que apunta precisamente na dirección contraria.

Así as cousas, só o pleno autogoberno nos garante a posibilidade verdadeira de adoptar as medidas que se precisan para mudar radicalmente a situación. Porque, sempre o dixemos, sen soberanía política non pode haber capacidade real de decisión no ámbito económico. Por iso é necesario seguirmos a traballar para dotármonos como País de máis competencias e para termos o nacionalismo a ocasión de exercelas. Mais, ao tempo, por necesidade e pedagoxía política -como o mellor antídoto contra as veleidades españolistas-, cómpre reafirmar, tamén sen titubeos e sen complexos, que isto só podemos comezar a arranxalo de verdade sen dependencia, sen interferencias e imposicións do Estado. Ou o que é o mesmo: isto só o podemos arranxar con soberanía.

Para podermos promover unha economía produtiva e impulsarmos sectores económicos estratéxicos para crear emprego. Para podermos aproveitar en beneficio propio os nosos recursos naturais e sermos capaces de desenvolver todas as nosa potencialidades produtivas. Para que as empresas que operan en Galiza tributen no noso País en troca de facelo en Madrid. Para podermos normalizar a nosa lingua e desenvolver plenamente a nosa cultura, para convertela non só nun elemento de cohesión social e nacional, mais tamén nun factor de desenvolvemento social e económico. Soberanía, en definitiva, para podermos construír libremente o noso futuro.