Irracionalismo, análises e esperanza

Irracionalismo, análises e esperanza

A globalización neoliberal colapsou, mais, e de forma paradoxal, o irracionalismo que a enxendrou está no seu apoxeo, así que nestes momentos dá toda a impresión de que ter a razón é o de menos. É evidente que o capitalismo está en crise e que ou saímos do seu marco ou viveremos en estado de crise permanente. É evidente que Galiza como nación non ten saída no actual deseño autonómico. E é evidente tamén que en Galiza o soberanismo non se pode conxugar máis que en claves de esquerda porque os sectores obxectivamente interesados na consecución da soberanía son aqueles que sofren as consecuencias do proceso globalizador do que esta é a antítese.

Todas esas evidencias serven de pouco se non vencemos o irracionalismo e os seus poderosísimos instrumentos de propaganda, se non substituímos as consignas carentes de verdade por argumentos carregados de razóns, se non viramos os cegos dogmas en proposicións que deben ser submetidas a un proceso de verificación racional, val dicer, á súa experimentación científica. Por exemplo, a que resultados conducen as políticas deflacionarias e monetaristas do Banco Central Europeu? Xa tivemos tempo de abondo para medir os seus efeitos. Cando reduces a masa monetaria en circulación de forma drástica nun escenario recesivo o único que consegues é prolongar e agudizar o estancamento da economía. Iso xa o sabemos desde os anos 30 do pasado século. Se iso é así, por que se practican esas políticas? Non desde logo porque sexan razoábeis en abstracto, senón porque serven a determinados intereses concretos. Porque en economía política non hai boas ou más políticas, senón que hai políticas que interesan a uns e políticas que interesan a outros. E as que aquí se están a practicar só interesan a unha minoría cada vez máis exigua, a mesma que non ten o menor escrúpulo en que se patentice que a democracia formal nin formal é.

AS NACIÓNS ANTE O NEOCENTRALISMO


Irracional é o sistema capitalista (atenta contra a razón pensar na sustentabilidade sen límites dun modo de produción baseado na depredación intensiva de recursos e na explotación do traballo alleo). Irracionalista é o pensamento neoliberal, xa refutado pola experiencia empírica e que só se mantén en pé pola covardía política dunha socialdemocracia que en plena ofensiva conservadora (a orixe está nos anos 80, a acción combinada de Reagan e Thatcher) decidiu desfacerse de John Maynard Keynes sen tanto escándalo pero coa mesma eficacia coa que décadas antes (congreso do SPD Bad Godesberg) se desfixera tamén de Karl Marx. E irracional é tamén a forma concreta que o dominio neoliberal adopta no Estado español, através da hexemonía política dun bipartidismo que no plano económico ten como único programa o que diga dona Angela Merkel e que no plano territorial esvara sen complexos pola aba do neocentralismo. Irracional porque a realidade material é teimuda e porque, pese aos deseños de laboratorio de Rajoy ou Rubalcaba, as nacións no Estado existen e, nun proceso non isento de ziguezagues e de refluxos, tenden cara á súa afirmación e a satisfacción dos seus obxectivos políticos.

O poder non ten necesidade de demostrar racionalmente nada. Simplesmente é poder e exprésase coa arrogancia omnicomprensiva dun monarca absoluto. Non argumenta: irradia consignas. Pode hoxe alegar "A" e mañá aducir "B". É lábil por natureza. Non ten máis moral que a da eficacia, a da obtención dos seus obxectivos. Nin razona nin ten por que razonar: limítase a impor a súa forza.

Vexamos como o poder e as súas terminais propagandísticas actúan en Galiza a respeito do nacionalismo galego. Logo das municipais de Maio, a consigna era: "O BNG desaparece. O BNG non vai manter a súa representación no Congreso". Por que? Xa vos podedes imaxinar os argumentos: porque o BNG está esclerotizado, burocratizado, non ten conexión coa sociedade, etc, etc. Os profetas da desaparición -especialmente activos nas redes sociais, mais tamén con presenza abastada no Partido Tertuliano- enunciaban con clareza a sentenza de morte do BNG. Levan 3 décadas entoando a mesma cantiga, mais desta volta entoábana con máis convicción. Desta volta vai, frotábanse as mans.

Pois non. Non foi. Contra os prognósticos e algunha enquisa tan relevante como a do CIS (que no verán estimaba un voto BNG no conxunto do Estado do 0,5 por cento), o sector social que vota nacionalista mantivo o seu apoio no BNG, mentres o sector social que vota PP fixo o propio e o que vota PSOE desertou en masa.

POÑAMOS O FOCO AÍNDA MÁIS NO BNG


Iso foi o que aconteceu na realidade. O poder cambiou entón a consigna. Cambiou mesmo o argumento. Non cambiou o obxectivo. O obxectivo continúa a ser o mesmo, a liquidación do nacionalismo galego. A nova consigna é: equiparemos a debacle do PSOE en Galiza coa suposta debacle do BNG. É máis: poñamos os focos aínda máis no BNG (que mantén o seu voto) do que no PSOE (que perde o 40 por cento do seu eleitorado). O Partido Tertuliano non perdeu a oportunidade de sumarse entusiasta á nova razzia. O asunto mantra era o de perguntarse por que o BNG non conseguira apañar votos do eleitorado do PSOE, dando por suposto que tal transferencia se debía producir necesariamente. É curiosa esta forma de razonar dos profetas da desaparición. Se tal transferencia se tiña que producir necesariamente, se iso era o normal e o que cabía agardar, e se era evidente aos ollos de todo o mundo desde hai meses que o PSOE ía perder centos de miles de votos, por que antes das eleccións eses mesmos profetas da desaparición prognosticaban a caída do BNG?

A transferencia non se produciu por dúas razóns básicas. Primeiro, porque o BNG aínda non restaurou completamente a súa imaxe diante da sociedade galega. É moi doado perder a confianza (estivemos no Goberno galego e desde el fomos derrotados), é moito máis difícil recuperala. O BNG non estaba aínda preparado a esta altura para avanzar eleitoralmente. Porén, o resultado demostra a progresión positiva do nacionalismo galego desde a Asemblea Nacional de 2009: estas xerais son as primeiras eleccións desde entón en que o BNG non retrocede en percentaxe de voto. E lembremos que nas eleccións galegas de Marzo de 2009 non só non houbo ningunha transferencia de voto do PSdeG-PSOE ao BNG, senón que o BNG retrocedeu máis en voto que o Partido Socialista!

Portanto, o 20-N o BNG parou a súa queda e puxo as bases para voltar a medrar.

COMPOSICIÓN DO ELEITORADO DO PSOE


A segunda razón sobre a non transferencia de voto en magnitudes considerábeis do PSOE ao BNG ten a ver coa composición do eleitorado do Partido Socialista (digo en magnitudes considerábeis porque claro que hai ex votantes PSOE que votaron BNG porque sempre hai transferencias entre todos os partidos, tamén co PP, embora sexan cuantitativamente desprecíbeis). A maior parte do voto que o PSOE cede non vai cara á esquerda, senón cara á dereita (PP), cara a súa escisión pola dereita (UPyD) e cara á abstención. O voto que recolle IU é voto prestado que volta a casa (aínda que en muito menor proporción que na época de Julio Anguita). A chave está máis ben nas e nos abstencionistas do PSOE. Aquí paréceme evidente que o seu comportamento é estritamente político: non atoparon razóns para mobilizarse contra a vitoria do PP, isto é, tolerárona. Por que? Porque o seu partido de referencia, o PSOE, divulgou ad nauseam a tese de que a súa política económica, de dereita, era a única posíbel contra a crise. O PSOE contribuíu a dereitizar á súa propia base eleitoral, a instilar nela a idea de que non existía ningunha alternativa á esquerda. Desa forma, unha parte da súa base eleitoral transferiuse directamente ao PP. Outra ficou na casa, dando por bon o trunfo dos conservadores. Dificilmente esa base eleitoral á que lle resultaba indiferente a vitoria da dereita (pois non se mobilizou para impedila) podía ter como opción de voto o Bloque Nacionalista Galego, que fixo unha campaña de defensa dunha alternativa galega e de esquerdas.

OS INTERESES DOS PROFETAS DA DESAPARICIÓN


O poder sabe quen é a súa contraparte. No caso de Galiza, o BNG, como expresión política dun sector social que se opón con clareza ao proxecto neoliberal e neocentralista do bipartidismo español. Daí que o poder persiga a liquidación do BNG ou, cando menos, a súa xibarización. En campaña, Feijóo, surfeando sobre a onda dalgunhas enquisas, dedicou os seus dardos máis velenosos ao BNG. Queríanos pór fóra do Congreso. Non querían testemuñas incómodas na Carrera de San Jerónimo. Foron a polos nacionalistas galegos e fracasaron. Fracasaron porque o sector social que vota nacionalista votou nacionalista. Fracasaron porque nin el nin os profetas da desaparición lograron o desestimento da base social do nacionalismo (e aquí impórtame remarcar que algúns dos profetas da desaparición militaron no BNG até hai ben pouco e agora extramuros traballan para seica levantar un novo referente político, as súas profecías son interesadas e nada científicas).

O irracionalismo foi derrotado no pasado e necesariamente terá que voltar a ser derrotado no presente. Claro que hai alternativa e claro que hai esperanza, porque aquí hai moito máis pobo organizado e consciente do que a algúns lles gostaría. O BNG está aquí para ficar. O BNG está de pé. Ten a cara magoada porque levou un mangado de golpes, nada ao que non estea afeito desde que viu a luz en Riazor, no 82, pero está de pé e disposto agora a pasar ao contraataque. É unha obra aberta e inacabada. Está aquí porque o pobo o quere. Hai que fortalecelo e agrandalo. O 20-N derrotou os prognósticos e deu a Galiza dous valiosísimos escanos no Congreso dos Deputados. Unha deputada e un deputado -Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera- a favor da Democracia, a Soberanía e o Traballo. En poucos meses, cando se volten a abrir as urnas, o BNG voltará a traballar para que a razón democrática, soberana e galega se abra paso e arruine a festa aos irracionalistas. E, como dirían Os Diplomáticos de Monte Alto, que rabeen os repunantes.