Irmos á folga para defender o país
O modelo económico neoliberal fracasou e a vindeira semana temos a oportunidade de múdalo. Todos e todas nós nas rúas, para frear o recorte de dereitos que estamos a sufrir por mor dunha crise que nós non provocamos. Malia que os medios de comunicación nos tenten confundir con cuestións baleiras de contido, sabemos que este contexto económico tan prexudicial para a clase traballadora foi creado polo capital, por un neoliberalismo antidemocrático que supuxo importantes retrocesos sociais. E que fixo o Goberno central ante esta situación dramática? Castigou o movemento especulativo? Non! Inxectoulles inxentes cantidades de fondos aos bancos, que durante o 2009 rexistraban beneficios namentres milleiros de familias ingresaban nas listas do paro.
O Estado non só premiou parte dos culpábeis da crise, senón que executou medidas lesivas para a clase traballadora. A redución do salario dos funcionarios e funcionarias, a restrición do investimento público e a redución da prestación dos pensionistas forman parte do recorte de dereitos que tanto custou acadar. Ao igual que a inxusta e antisocial reforma do mercado laboral, que precariza as condicións dos traballadores e traballadores e que abarata os despedimentos. O Goberno central dálle ademais vía libre ás axencias privadas de colocación, que farán do desemprego un negocio.
En Galiza, o PP, no canto de defender o país, aplica de xeito selectivo a tan preconizada austeridade, que non existe para gastar 3 millóns de euros para que o Papa visite Compostela oito horas ou para dilapidar 12 millóns de euros para trocar libros de texto en galego por material didáctico en castelán. En cambio, o Goberno de Feijóo preferiu non investir en economía produtiva e reducir a licitación pública (de 68 millóns de euros na lexislatura pasada a menos de 43 millóns na actual).
Desde a chegada do PP a San Caetano, o Executivo encabezado por Feijóo reduciu o gasto público -coa perda de empregos e coa grave deterioración da calidade dos servizos públicos--, incumpriu o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos, silenciou o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, privatizou servizos, negouse a incrementarlles o tramo autonómico do IRPF ás rendas máis altas e facilitou expedientes de extinción de contratos. Non estraña, á vista destes datos, que Galiza lidere as autonomías nas que máis crece o paro e na que máis ocupados desaparecen.
Hai xa meses, o nacionalismo galego avogou por unha folga xeral que frease o recorte de dereitos. Unha folga para transmitirlles aos gobernos que os traballadores e traballadoras non estamos dispostos e dispostas a asumir unha sangría laboral. O nacionalismo negouse a fotografarse coa patronal e coa Xunta na escenificación dun diálogo social que non é máis que unha política de colaboración co poder, un diálogo social que non ofrece alternartivas políticas reais de saídas á crise dende unha perspectiva favorábel á clase traballadora.
Non podemos esquecer que o simple cartón da Seguridade Social que cada un de nós posúe custou loitas, bágoas e sangue. Non podemos permitir retrocesos a uns dereitos sociais que tiñamos conseguido, e non precisamente de balde. Está en xogo o noso futuro. Parémoslles os pés ao Goberno. O 29 de setembro vémonos na rúa.