Irei á folga o día 19 por coherencia

O cartaz que ilustra este artigo resume perfectamente as razóns polas que vou participar na Folga Xeral o 19 de xuño.
Porque levamos anos de reformas laborais que precarizan e empobrecen á clase traballadora, de xeito que cada vez nos achegamos máis ás duras condicións de traballo e á falla de dereitos do inicio da revolución industrial.
Porque as mulleres, que sempre estiveron discriminadas, neste momento ven aumentada a fenda salarial, teñen maiores índices de desemprego e cando nas familias hai necesidade de coidar a persoas maiores ou nen@s son quen deben sacrificar o seu futuro.
Porque traballo no ensino e son usuario da sanidade pública, servizos públicos básicos en proceso de desmantelamento e privatización.
Porque a corrupción é algo propio do réxime do 1978 que non rachou coa ditadura franquista, e cada día comprobamos como moitos dos apelidos que ocupaban postos de poder na ditadura seguen ocupándoos hoxe.
Porque xa ben entrado o século XXI non podemos permitir que se poña en perigo o sistema público de pensións, o que debemos é tomar medidas para melloralo.
Porque as distintas modificacións lexislativas teñen convertido as relacións laborais nunhas relacións nas que impera a lei da selva, con constantes abusos por parte da patronal.
Porque Galiza está a sufrir a terceira vaga de emigración da idade contemporánea, e hoxe son milleiros os mozos e mozas que, en vez de aportar a súa forza e coñecementos na construción da Galiza do futuro, marchan a outros países seguindo en moitos casos o mesmo camiño que anteriores xeracións das súas propias familias.
Porque a todo o anterior se suma un retroceso nas liberdades que non desmerece en nada á ditadura franquista.
Porque son profesor e loito por un ensino público, galego, laico e de calidade, e pola recuperación dos dereitos que se nos arrebataron coa escusa da crise.
Porque como profesor tento que os meus alumnos e alumnas adquiran un espírito crítico, e o actual sistema educativo só busca que saían das aulas seres estandarizados e non persoas comprometidas e conscientes de que o futuro constrúese loitando.
Porque como profesor son parte da clase traballadora, e a historia ensinoume que só se avanza cando se loita. Os dereitos non son agasallos, son conquistas froito da loita e do sacrificio de homes e mulleres que non calaron diante das inxustizas.
Esas son as miñas razóns, e fronte a elas non valen as escusas que estamos escoitando estes días. Os avances sociais non se conseguen cun “click” nin con dez millóns de “click” nunha rede social, nin con petar máis forte que os demais na mesa do bar, nin agardando pola tan manida “unidade”.
Sería moi bonito erguerse da cama un día e que todo o mundo se puxera ao noso carón, nesa unidade, pero na historia da humanidade iso nunca pasou.
Cando algunhas mulleres se levantaron esixindo os mesmos dereitos que os homes eran unhas pobres tolas que non sabían o que facían. Non eran maioría e non había unidade pero conseguírono.
Cando algunhas persoas de outras razas se enfrontaron aos colonizadores brancos eran unhas desagradecidas que non valoraban todo o que lles dera o amo. Non eran maioría e non había unidade pero conseguiron rematar coa escravitude e co colonialismo.
Cando algúns profesores e profesoras empezaron a dar aulas en galego e a falar da historia de Galiza non eran tomados en serio. Non eran maioría e non había unidade pero conseguiron introducir o noso idioma e a nosa historia no sistema educativo.
Canta máis xente participe na folga xeral do 19 de xuño moito mellor, e para iso debemos popularizala no noso contorno. Pero non perdamos un minuto en atender a quen só buscan desmobilizar, uns porque non hai unidade coas outras forzas sindicais maioritarias e outros porque segundo eles non se dan as condicións subxectivas. Uns e outros teñen o mesmo problema, a falla de confianza en Galiza e na súa clase traballadora.
Como dixo hai uns días o Secretario xeral da CIG Paulo Carril “as folgas que fracasan, son as que non se convocan e a mobilización social que non dá resultado é aquela que se perde en debates internos infinitos e que é incapaz de dar unha resposta real á demanda social que existe nos centros de traballo”.