Internacionalismo: Nacionalistas no Sahara, nacionalistas na Galiza
Nun brillante artigo neste mesmo medio de Felipe Senén facía unha breve caracterización do pobo galego onde deixaba dito unha demoledora frase: "sempre aberto a batallas que non son as nosas".
E certamente pecamos de xenerosidade. Quizais unha historia de precariedade fixo de nós que estiveramos especialmente sensíbeis á dor, con intensa empatía con todos os que sofren, desde a consciencia de que por moi mala que sexa a nosa situación sempre se pode estar peor (dito desde a experiencia de quen así estivo).
Si, pode que sexamos un pobo xeneroso demais, cunha entrega explotada e manipulada habilmente por quen desde a meseta nos vén a convidar a participar dun grande proxecto solidario fronte aos que só miran polo seu (cataláns e vascos).
Laiábase Castelao que grandes homes de Galiza como o Conde de Gondomar e Monterrei "serviron lealmente a quen non merecía ser servido por ningún galego". Pois é certo que a metrópole sempre preferiu premiar (comprar) aos díscolos que agasallar aos que xa voluntariamente se adherían. Aínda que cando esa vontade non existía, tamén constatamos como se empregaron a fondo para facernos solidarios á forza: As levas de galegos para as diferentes aventuras imperialistas é desproporcionada a respecto doutras zonas da península. Ainda que as veces o tiro lle saíu pola culata: no caso de Cuba, como ten analizado Xosé Neira Vilas, moitos dos nosos connacionais se pasaron aos patriotas cubanos liderando a súa loita emancipadora. Tradición dos galegos naquel país que chegou até a revolución de Fidel.
Gustavo Luca de Tena ten analizado o grande número de galegos usados de carne de canón na guerra de Marrocos en contraste con outras nacións e rexións do Estado. Mais nese caso ninguén dubida que foron arrincados violentamente das súas casas para levalos ao matadoiro. Facendo a salvidade dun Franco e Millán Astray quen temos a desgraza de dicir que naceron aquí e si se serviron desa guerra para catapultar a súa carreira militar grazas ao número de cabezas de rifeños que ensartaban nas baionetas. Para eles esa foi unha oportunidade para pasar por diante dos compañeiros da súa promoción que tiveran mellor expediente pero que padecían do "inconveniente" de ter escrúpulos. Mais Franco fuxiu sempre da súa orixe, non só por ter un pai borracho e vividor, senón porque lle recordaban que era galego só cando querían descalificalo.
Lembremos como Castelao analizaba as consecuencias do racismo compartido contra os galegos por ambos os dous bandos na Guerra Civil. Sería moi longo citar aquí toda a súa intelixente e condensada crítica e recomendo vivamente a lectura deste apartado do "Sempre en Galiza". Nel lembra os efectos das inxurias dos republicanos contra os alcumados "Mariscos": "Los enemigos, como buenos galaicos, en cuanto oyen un tiro se dejan caer monte abajo". Mentres, os fascistas, manipulaban habilmente os sentimentos aldraxados: O Corpo do Exército de Galicia de Aranda introducía a gaita e impoñía como lema: "Ei carballeira! A quen me dea un pau, doulle un peso!". Si moi galeguistas este exército franquista como trataba de soster un Silva Ferreiro no seu tristemente celebre: "Galicia y el Movimiento Nacional". Pero que sacou Galiza do trunfo Franquista? Emigración, marxinación nas infraestruturas, exclusión da industrialización, negación da súa cultura e lingua, persecución dos seus intelectuais, conculcación dos seus dereitos, etc.
Cantes veces se usou a proclama do duque de Wellington para dar conta da valentía dos galegos: "Españois: Dedicádevos a imitar aos inimitábeis galegos, distinguidos sexan ata o fin dos séculos por chegar súa audacia ata onde nunca ninguén chegou". E así, efectivamente contribuímos a botar aos franceses do Estado Español. Mais que pago recibimos polas Cortes de Cádiz onde a piques estivo o noso país de afastarse do Estado pois segundo din eramos moi "conservadores" fronte a eles tan liberais.
Diante deste panorama é lóxico que nos preguntemos se debemos corrixir este defecto conxénito de ser tan solidario. De apuntarnos a empresas alleas para maior gloria dos outros. A cousa é complexa. Cando no primeiro cuarto do século os nosos emigrantes querían darse a valer en América reivindicando a quen a descubrira como orixinario da Ría de Pontevedra, Roberto Blanco Torres saía publicamente contra Colón dicindo que se ocultara e rexeitara a súa Terra non tiña sentido reclamalo. Por unha banda considerábase que a autoestima dos galegos gañaría de saberse que un dos seus fillos promovera semellante fazaña, mais que clase de "proxenie" estamos exaltando como paradigma se esta prole renega da nai que os pariu?
Quizais Cristóbal Colón, Franco, Fraga e outros vultos que chegaron a algo no Estado grazas a desertar da defensa do propio país non sexan o modelo seguir. Mais compre dicir que non animaba a ningún destes o seu altruísmo senón exclusivamente a ambición persoal, por moito que -como no último caso- nos poida despistar o feito de que remataran refuxiándose na Terra unha vez que fracasaron na capital.
Iso non é ser solidario. A iso en calquera nación só lle cabería un cualificativo: traidor. E non debe confundirnos os casos dos que usan retoricamente a chamada á solidariedade para ocultar a súa dimisión de galegos co feito de que somos un pobo excesivamente volcado cos demais. Mais iso non é un defecto. Iso si, debera figurar efectivamente no haber da nosa autoestima. Falábamos do traballo de Xosé Neira Vilas sobre os galegos na guerra de independencia cubana ou as referencias de Castelao á Milicia Galega e como estaban fartos de que 15.000 dos nosos paisanos combatentes nas filas republicanas foran despachados coa xeneralización de "mineros asturianos". Eses e outros comportamentos "voluntarios" si que responden a nosa mellor idiosincrasia nacional.
Pode trasladarse iso mecanicamente á socioloxía electoral? Ao tratamento dun Mariano Raxoi por "El País" como "político provinciano", a comparación inevitábel con vascos e cataláns cada vez que hai votacións, ao descaro da esquerda española apelando aos valores progresistas para roubar botos nacionalistas cando eles foron cómplices co seu "Si crítico" do modelo neoliberal e especulativo triunfante na Europa.... De como ese substrato solidario se expresa libremente ou se manipula interesadamente habería moito que falar. Mais é evidente a súa existencia.
Este sábado pasado púidose constatar isto nun xantar de apoio ao pobo saharauí que tivo lugar na parroquia estradense de Couso. Toda a veciñanza colaborando como cociñeiros e camareiros, os comerciantes e empresarios doando gratuitamente os medios necesarios para a celebración do acto (carpas, pratos, carne, etc.), unha asistencia de 300 persoas e un ambiente no que nenos e vellos do lugar compartían a loita dun pobo pola súa Terra e Liberdade.
Nesta semana, ademais de eleccións no Estado Español, tamén as houbo en Marrocos. Disque onde empezou a "primavera árabe" segundo Chomsky. Se aquí a democracia cada vez está máis devaluada ao pintar cada paso menos os gobernos e parlamentos nas decisións económicas fundamentais, que dicir dun territorio que está baixo mandato da ONU e no cal se violan sistematicamente os dereitos humanos sen que ninguén abra a boca no Consello de Seguridade. Para cando o referendo que se ía celebrar en 8 meses e xa van alá 20 anos?
Non é un consolo comprobar que hai quen está peor e tampouco é unha evasión da propia situación, ao contrario, é o espello para entender o mundo no que vivimos e mirar a nosa propia situación levada ás últimas consecuencias.
Compre lembrar como o nacionalismo foi sempre modelo de solidariedade no Estado coas loitas pola autodeterminación dos pobos do mundo. Mesmo aquel que os progres teñen por "conservador" e "racista" pois mentres os seus devanceiros ideolóxicos daban tamén o seu "si crítico" as guerras do imperio, un Sabino Arana se aliñaba cos patriotas cubanos e un Francesc Macià promovía con vascos e galegos unha trilateral na que trataba de integrar aos patriotas marroquís nunha causa común contra a mesma potencia colonial inimiga.
O certo é que o nacionalismo é substancialmente solidario no seu ideario ao contrapoñer a unha humanidade sometida baixo un mesmo xugo a defensa do respecto a irmandade das nacións en pé de igualdade. O que é nacionalista a respecto do seu país tamén o é a respecto dos outros. O que non é nacionalista cos seus, tampouco o é cos demais. Cando un renega da identidade nacional é para someter a algunha nación ou para desertar da defensa da propia. Mais é a nación e o nacionalismo, que defende o dereito de cada pobo a gobernar a súa terra, que serve de base para a auténtica solidariedade, todas as demais excusas antinacionalistas non son máis que camuflaxes do imperialismo.
Así pois temos un pobo fondamente solidario e defendemos unha ideoloxía que tamén o é. Só fica o traballo de que pobo e ideario se fundan naquilo que teñen en común fronte aos intrusos que tratan de deturpar este feito presentando como incompatíbeis o que é esencialmente o mesmo: nacionalismo e internacionalismo.