Interdición da arbitrariedade
A resolución da Mesa do Congreso dos Deputados pola que se lle nega a Amaiur grupo parlamentar é totalmente arbitraria e, por isto, o órgano reitor do poder lexislativo fica xa deslexitimado desde o comezo desta lexislatura
O artigo 9.3 da Constitución española proclama como principio do ordenamento xurídico a interdición da arbitrariedade. Significa que os poderes públicos non poden tomar decisións que supoñan unha infracción do principio de igualdade de trato dos administrados perante a aplicación da lei e das regras obxectivamente determinadas. Vén isto a colación de terlle impedido a Mesa do Congreso á coalición electoral Amaiur a constitución de grupo parlamentar a que legalmente ten dereito.
Ten dereito porque así o recoñece o artigo 23.1 do Regulamento do Congreso: Os deputados, en número non inferior a quince, poderán constituírse en grupo parlamentar. Poderán tamén constituírse en grupo parlamentar os deputados dunha ou varias formacións políticas que, aínda sen reunir o devandito mínimo, obtivesen un número de escanos non inferior a cinco e, polo menos, o 15% dos votos correspondentes ás circunscricións en que presentasen candidatura... A Mesa do Congreso interpreta a frase "o 15% dos votos correspondentes ás circunscricións en que presentasen candidatura" dunha forma absolutamente restritiva ao considerar que a porcentaxe dos votos debe referirse a cada unha das circunscricións e non ao conxunto das mesmas.
Unha das primeiras leccións que todo estudante de Dereito aprende nas facultades consiste na interpretación das normas xurídicas, regulada no artigo 3 do Código civil. Ademais da literal, da que non se pode concluír que Amaiur non teña dereito a grupo parlamentar, recoñece ese mesmo artigo que existen outros tipos de interpretacións das normas como son a sistemática, a histórica, a social e a teleolóxica. Delas, segundo os xuristas, a máis rigorosa é a sistemática, isto é, aquela que se realiza confrontando o suposto de feito cuestionábel con outros similares recollidos no mesmo texto legal ou noutros do conxunto do ordenamento xurídico que regulen situacións análogas. Se os lexisladores do Regulamento do Congreso quixesen impor como requisito para constituír grupo parlamentar a esixencia de que se acadase o 15% dos votos correspondentes a cada unha das circunscricións en que se presentase candidatura teríano expresado introducindo o determinante distributivo "cada" como sucede, por exemplo, na Constitución cando se refire aos requisitos da iniciativa de acceso autonómico pola vía do artigo 151 "...a maioría do censo electoral de cada unha delas [provincias] e a devandita iniciativa sexa ratificada mediante referendo polo voto afirmativo da maioría absoluta dos electores de cada provincia..." Tanto a interpretación literal como a sistemática avalan, pois, que Amaiur constitúa grupo parlamentar.
,Mais, continuando coa referencia a outra lección que se aprende no primeiro curso universitario, e mesmo antes que a da interpretación das normas xurídicas, sitúase o estudo das fontes do dereito, que son a lei, o costume e os principios xerais do dereito. Isto é, en ausencia de lei ou de que esta non clarifique o presuposto de feito, procede recorrer ao costume como norma aplicábel. Tamén aquí, neste caso, a Amaiur lle corresponde a formación de grupo parlamentar. En varias lexislaturas se aceptou a constitución de grupos parlamentares en situacións semellantes. Así, en 1986, a Mesa do Congreso contabilizou globalmente os votos que o PNV obtivera nas tres provincias vascas e en Navarra, cando nesta última circunscrición non pasara do 2%. É máis, en contra da literalidade do Regulamento do Congreso, en 2004, a Esquerra Republicana só se lle computaron os votos obtidos naquelas provincias nas que logrou representación, pero non os obtidos en Valencia.
Un dos principios xerais do dereito, formulado no brocardo latino favorabilia amplianda odiosa restringenda, consiste en que, á hora de interpretar unha norma, o que é favorábel débese ampliar e o que resulta prexudicial debe ser restrinxido. En cambio, no caso de Amaiur, perante o informe dos servizos xurídicos do Congreso no que se afirma que o 15% "pode entenderse referido a cada unha das circunscricións en que esta coalición electoral presentou candidaturas", este principio xeral foi interpretado en sentido contrario ao serlle aplicado o prexudicial e non o favorábel.
Finalmente, e esta podería ser a terceira lección de Dereito que reciben os estudantes recén chegados á Facultade, falta por analizar o que di a xurisprudencia como complemento do ordenamento xurídico coa doutrina consolidada, neste caso polo Tribunal Constitucional, verbo do dereito fundamental á igualdade perante a lei e á súa aplicación, proclamado no artigo 14 da CE.
Sobre o dereito á igualdade na aplicación da lei, o TC vén recalcando reiteradamente que existe vulneración deste dereito se se cumpren os seguintes requisitos: Que se dea identidade do órgano, que se acredite a existencia dun tertium comparationis, isto é, que o xuízo de igualdade se realice entre a resolución recorrida e as precedentes decisións do mesmo órgano que, en casos substancialmente iguais, resolvesen de forma contraditoria e, finalmente, que haxa ausencia de toda motivación que xustifique en termos xeneralizábeis o cambio de criterio. Na resolución da Mesa do Congreso cúmprense todos os requisitos sinalados pola xurisprudencia do TC para considerar que esta resolución viola o dereito á igualdade: Existen terceiros casos cos que estabelecer comparación, é o mesmo órgano o que resolveu de forma diferente perante supostos de feito idénticos e na resolución non existe ningunha motivación que xustifique o cambio de criterio operado.
Estamos, xa que logo, perante una decisión totalmente arbitraria e ad hominem e non perante unha resolución axustada a dereito, executada nin máis nin menos que pola Mesa do Congreso, o órgano reitor do poder lexislativo, que fica por isto xa deslexitimado ab initio nesta andaina da súa décima lexislatura.