Integrismo e hipocrisía
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/18/20220718121214043851.jpg)
Imaxinémonos que non vivimos imbuídos do máis puro e soberbio eurocentrismo. Abstraiámonos só por un momento da enorme presión ideolóxica que padecemos, negadora da nación e da nosa lingua e cultura, exaltecedora do foráneo (nomeadamente de todo o español), e propagadora dos máis resesos valores capitalistas, clericais, militaristas, machistas, catolicistas e racistas. E fagamos un exercicio de recreación libre de prexuízos e preconceitos a respecto de, poño por caso, o chamado e caricaturizado "mundo islámico". Vaiamos a Irán, un dos núcleos duros do "Eixo do Mal" (terminoloxía oficial OTAN/USA, non é brincadeira!), e comecemos coa nosa fantasía.
"Foi noticia recente a visita a Teherán do sheik chipriota Mohamed Nazim Ao-Haqami, durante apenas oito horas, nas que oficiou liturxia e departiu co líder musulmán supremo Alí Jamenei e co Presidente Mahmud Ahmadineyad. A terrorífica ditadura islámica do país persa non foi quen de provocar adesión popular neste acto de afirmación antioccidental. Baixo un desproporcionado control policial que mesmo fixo fuxir unha parte da poboación da capital iraniana, o líder integrista repetiu as tradicionais consignas que condean e anulan o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo, defendeu a actualidade dos preceitos do Corán, e até criticou supostas desviacións laicas dun estado que, como o iraniano, dedica 6.000 millóns de euros/ano a subsidiar o credo de Mahoma, reclamando a memoria do Ayatollah Jomeini.
Foi precisamente o aspecto económico un dos argumentos utilizados pola oposición democrática para criticar a visita do líder fundamentalista. Segundo fontes da réxime totalitario de Ahmadineyed, a recepción foi sufragada con 2'5 millóns de euros procedentes do erario público (e non, como sería lóxico, da administración relixiosa), nun momento de profunda crise económica, de incremento do desemprego e da miseria no pobo iraniano. Opinión externas ao réxime aumentan considerabelmente o fastuoso gasto deste evento integrista.
Cumpre lembrar tamén o acontecido en relación co secuestro dunha coñecida revista de sátira política, crítica coa visita do líder musulmán. Comezan a se ouviren voces da comunidade internacional reclamando o Premio Nóbel da Paz para o Director desta publicación, que manifestou a súa heroica intención de editala, sen medo ás represalias dun estado medieval como o iraniano. Ao tempo, os medios de comunicación dese país, dependentes economicamente da administración, censuraron e eliminaron as opinións discrepantes.
Outro aspecto de crítica estivo vinculada ao desprezo do líder chipriota pola realidade cultural e lingüística iraniana. Apenas utilizou a lingua persa, propia do país, nunha única frase da súa alocución relixiosa, que non tivo ademais relación coa realidade que está a atravesar esta sofrida sociedade.
A visita de Ao-Haqami retratou a evidente submisión do poder civil ao poder relixioso. O Presidente Ahmadineyad, mais tamén o alcalde de Teherán, Delegado do Goberno e varios ministros iranianos rendíronlle pleitesía ao Islam, certificando coa súa actitude a adhesión incondicional do réxime e, daquela, a súa profunda hostilidade a todo o non-musulmán e, nomeadamente, ao mundo occidental. Convén non esquecer os atentados do 11-S en Nova Iorque, mais tamén as masacres de Madrid (2004) e Londres (2005), como exemplos dunha crueldade islámica que non merece máis comentarios. O terrorismo internacional que practica Irán, con numerosas armas de destrución masiva, merece unha resposta da comunidade internacional, a fin de defender a democracia, como felizmente foi posíbel implantar no Iraque ou en Afganistán, e de evitar ameazas sobre países aliados de longa tradición democrática e tolerante como Israel."
Cumpre agora realizar as oportunas substitucións de topónimos, antropónimos, xentilicios e de terminoloxía relixiosa. E toparémonos co espello. Cadaquén que tire as súas conclusións.