Institucións xustas


"A vida gratificante sempre se vive con e para outros en institucións xustas"(P. Ricoeur). Hai institucións antigas a perduraren; hainas novas.

Unha delas é a familia, de longa historia, na que apareceu o "paterfamilias" con poder impositivo. Os antropólogos ten constatado a existencia de familias de poderes horizontais, de tribos horizontais en diversos territorios. A familia actual ensaia diversas formas e, parece, que as máis inxustas están a desapareceren.

En territorios de organización supratribal apareceron institucións múltiples. Unha, a constitutiva do colectivo territorial. A pólis ateniense (bisbarra cun centro urbano) foi un criadeiro de institucións e, desde elas, surxíu a "democracia demótica"; unha creación orixinal na distribución do poder.

Tal democracia e a República Romana substituíron á tiranos, á reis, deron o poder ás asembleas de cidadáns. Substituían sistemas verticais por outro horizontal. A ágora e o foro reunían aos cidadáns-demos nun caso, patricios noutro. Nin os escravos, nin os metecos, na pólis ateniense, nin a plebe en Roma, estaban nese horizontalismo. A plebe romana conseguíu intervir no poder co "tribuno" defensor. Era un horizontalismo restrinxido. Se observamos as melloras económicas, sociais e culturais logradas, sentimos admiración.

A Revolución Francesa inspirouse na República Romana. Intentou, cos xacobinos, unha democracia masculina, pero o golpe de estado Termidor da burguesía xirondina e o sucesivo Brumario retrasaron, en case todo o século XIX, a consolidación da república en Francia.

Éme gratificante a "bremanza" destes períodos históricos. Naquelas incipientes democracias floreceron institucións un tanto xustas. Tempos efémoros? Nas construcións políticas dos tempos históricos predominan as institucións inxustas: aquelas nas que está vixente un poder opresivo.

Vivimos, na maior parte do planeta, nun sistema económico e político de verticalismo con poder impositivo desenfreado. O poder económico imponse ao político. As autodeclaradas democracias non son tales; sérvense de formas aparentemente horizontais para exercer a tiranía duns poucos enriquecidos sobre as multitudes de desposuídos... O que visibilizan as institucións estatais e as supraestatais transmítese ás institucións menores tanto políticas como culturais e relixiosas. É abraiante o veticalismo en clubes, bancos, caixas, conventos e confrarías.

Milleiros de humanos está a decatarse da necesidade inmediata dun cambio sistémico: do autoritarismo verticalista a un horizontalismo de participación. Non hai posibilidade dunha vida gratificante en institucións inxustas; non hai posibilidade dunha sociedade de paz e de humanismo no actual sistema mundial neoliberal, opresivo e devorador da vida dos empobrecidos.

O "kairós" que vivimos, grita. A. Ginsberg con "Houl" e centos de persoas que nos avisan da situación de pranto de milleiros de humanos oprimidos: con fame, sen vivenda, sen seren respectados. Países enteiros destruídos polo poder inmenso do imperio económico. Basta.

No cosmos somos os humanos, parece, quen acada máis intelixencia, consecuentemente máis responsabilidade. A vida é un valor máximo; unha vida digna que respecte e sexa respectada; desde o vexetal ao humanos. Se o ser humano é libre, pero é incapaz de respectarse mutuamente, tería como meta a catástrofe. Somos capaces de respectarnos se nos unimos e vivimos en institucións xustas: esas horizontais que pactan, alentan, aman, entenden que todo verticalismo é antihumano e leva á ruína da humanidade.