Iniciativa nacionalista en tempos de confusión
Galiza está nunha situación moi delicada. O nacionalismo galego tamén, en canto é unha expresión xenuína do seu estado de saúde, unha manifestación da súa conciencia sobre si propia. Calquera dos aspectos da nosa realidade nacional está atinxido por unha crise que remite a unhas causas con orixe no avance do proceso de globalización. Dentro do espazo rexional desta globalización, que a Unión Europea representa, Galiza está sometida a unha dupla dependencia aniquiladora: a do Estado español directamente, e a da Unión Europea, indirectamente a través de aquel. Digámolo con descaro limpo e pelado: aquí o deseño global provoca unha españolización rampante que nos afasta da apreciación da nosa realidade nacional. Ou noutras verbas, que elimina da conciencia Galiza como referencia do pensamento e da acción políticas da maioría, orientada por un compás alleo, externo, en nome da unidade, da globalidade, dos dereitos das persoas, dos individuos, da xente, como tanto gustan de dicir todos á dereita e esquerda. Elimínase así calquera molesta e inoportuna existencia do pobo galego, mentres, cando menos de forma implícita e pola forza da imposición dos feitos consumados como naturais, se sacraliza un marco político fundamentado nun un e indivisíbel pobo español. Só del dimanan dereitos e a posibilidade de decidir ou abrir procesos constituíntes. O pobo español, unha abstracción que se identifica co Estado, é o único admitido a efectos de lexitimidade política, mesmo por unha grande parte dos que din estar pola mudanza de réxime e mesmo de sistema.
No medio deste vendaval arrebolado do paroxismo das aparencias, mentres se desatende a realidade próxima e circundante, a súa análise, e as propostas concretas para mudala para mellor, Galiza desaparece como punto de referencia. Desaparece asolagada por tantas frases ocas e valeiras, sempre próximas a poderen ser interpretadas polos destinatarios ao seu antollo, lendo ou ouvindo e vendo o que queren ler, ouvir e ver, non aquilo que realmente indican ou a onde conducen. É por iso que estamos sumidos no caos, pois esperamos do aparente e a distancia, grazas aos efectos do poder mediático, con fe inxenua, a redención para tantos males como nos aqueixan . Mesmo coidamos aproximarnos ao ideal perfecto da política, case da Humanidade. É por iso que nunca se desprezou tanto a política real á vez que algúns poden facela desde púlpitos mediáticos e a distancia cunha arrogancia puritana que daría para sospeitar se a cidadanía, palabra que tanto gusta tamén hoxe, tiver con esas novas formas de facer política a mesma suspicacia que se gasta para analizar as condutas e actitudes do veciño, mesmo após comprobar durante anos que é ben intencionado e solícito a prestar a axuda que se lle require. Éis a sublime nova forma de facer política, a que vai substituír a tradicional noxenta e pervertida, sen excepcións que vallan: lanzamento a través dunha plataforma televisiva do persoeiro carismático, sempre mozo, profesor universitario e mellor se é agraciado fisicamente conforme algúns dos canóns imperantes; mensaxes moralistas sobre a realidade que dan a entender que o problema non está no sistema senón no carácter intrinsecamente corrupto dos políticos que o xestionan; amagar con referencias críticas ao realmente existente, ao marco político e económico imperante, sen nunca definirse con medidas concretas e deseños alternativos sobre a súa mudanza ou substitución con claridade prístina; recorrer á trécola, no caso de temáticas conflitivas, para posibilitar a indefinición, do ser o pobo o que decidirá no momento oportuno; agocharse no peor dos tacticismos oportunistas, admitindo e apoiando perante interlocutores ou maiorías concienciadas dun determinado lugar alternativas ou propostas, para se congraciar con elas, que en absoluto se asumen como principios de validez para casos similares. Por exemplo, o dereito a decidir de cataláns, mesmo de vascos, pode ser; dos galegos, non falemos sequera. Deste xeito, é posíbel facer as beiras ao nacionalismo, mentres se ataca, corroe e dinamita os seus cimentos basilares na práctica: onde se pode facer directamente, e como sinuosa ideoloxía universalista, que enmascara o españolismo lóxico do sistema, sempre.
Chegamos así ao triste espectáculo que pode aproximar a nova forma de facer política aos enunciados de Galicia bilingüe en relación aos dereitos do noso idioma, o galego, confinado a unha obxección de conciencia, no mellor dos casos, perante a imposición natural do castellano. Non se necesita xa nin o seu uso demagóxico: estamos no intre de poder pasar de contrabando o imposto e coercitivo durante séculos, como libre e desexado. O dominio secular podemos e debemos obvialo sen complexos, porque nada ten a ver o idioma coa sociedade nin coa colectividade, nin coas relacións de opresión e de subordinación, como lembraba Miguel Carnota recentemente no Terra e Tempo comentando a posición verbo do noso idioma de Podemos-As Mariñas. O seu uso é un produto da libérrima decisión individual. O malo é que, queiramos ou non, esta actitude vén reflectir, de forma inequívoca, o que se pensa da realidade global do país no que un vive. Simplemente non existe, está sumida noutra maior que o engloba facéndoa desaparecer na súa especificidade. A natural e indiscutíbel é a de España, a do pobo español, a cidadanía, a xente, que, claro está, fala español, única lingua con dereitos, vista pola súa natureza indiscutíbel como un deber para todos, mesmo os que non a teñen como propia desde o punto de vista persoal, colectivo e social. E andando andando, aínda hai máis treito que se percorre: a negación da existencia dun marco social e político galegos, a do pobo galego como definido, con aspiracións a gobernarnos por nós, mesmo para pactar máis tarde con outros en pé de igualdade. É a negación da decisión propia e colectiva definida en e desde Galiza, que, para enunciarse e poder ser defendida como proposta política, necesita da autoorganización. Velaí o que se nega, anula e combate. Nunca así o pobo galego poderá decidir nada nin ser suxeito constituínte dunha mudanza política. Está abocado ao silencio, á subordinación e á dependencia, a asolagarse nunha globalidade que o dilúe e asimila por absorción destrutiva, un deseño opresivo do que nada positivo pode xurdir.
Vexamos outro aspecto fulcral da nova forma de facer política. Contra o que puidese parecer, non é esta unha forma de construír desde abaixo; é a de irradiar desde arriba para que, desde abaixo, se constrúa xustamente conforme a un modelo global, español e ilusoriamente democrático e plural. Así poderase ser laxos, en moitas cuestións, de forma que, se entre a proclama do líder carismático superior e a base hai incoherencias, distorsións ou desacordos, feitos que negan as palabras, se vexan como naturais e lóxicos en nome da liberdade e do pluralismo, porque o esencial fica a salvo: o deseño españolizador, o progresismo simplista, a reactivación do consumo electoral, a despolitización politizada….Certo que non haberá maneira de fuxir de estar sometido ao contraste e á comprobación de cómo se actúa por abaixo e de aquí se tirarán conclusións con consecuencias, pero tardarán en materializarse, sen librarnos do caos, a desorientación e a confusión, mesmo de maior despolitización politizada, a peor forma de facer política…Porén, centrémonos máis nesta cuestión, facer política desde arriba. Toca a frauta un Hamelín desde a altura, a onde alguén con poder o elevou, imaxino que non gratuitamente, e o rabaño acode sen pór chata algunha para se organizar libremente, nada de manipulacións. Aparecen uns dirixentes que ninguén designou democraticamente encabezando localmente coa súa voz e rostro o enunciado da boa nova, do novo evanxeo da salvación da maldade dos políticos. Tanto ten que se albisquen as prácticas máis perversas e os vicios máis cínicos da política tradicional: o emprego do estudo do mercado electoral, a inacción, o silencio, a non aparición nos conflito. Mellor estar calados, non aparecer en nada conflitivo, estamos para gañar eleccións. A peor forma de electoralismo. E escoitamos sobre as grandes virtudes de votar por internet unha lista pechada, con centro de escrutinio en Madrid, e masiva participación virtual, porque iso de dar a cara e entrar en contacto físico, coñecer aos outros e saber das súas posicións e actitudes reais, está xa fóra da lóxica social. Acreditemos no que non vemos, comodamente desde a casa. A min paréceme unha broma de mal gusto para calquera que se tome a serio a política como proceso de construción de abaixo arriba. Todo conduce á centralidade madrileña, xa se sabe o epítome de España. Polo menos, na organización onde milito hai que dar a cara e saber de que vai cada quen, o que defende e o que propón, en debates directos e con procesos asemblearios que duran máis que os que dura a estruturación centralizada destas novas formas de facer política. Sábese a súa orixe, coñécese a súa práctica, ten unha existencia contrastada no tempo e non é difícil saber quen son os seus inimigos máis declarados, desde logo entre eles están os propietarios dos medios de comunicación….Hoxe é todo un bo síntoma… Con todo, e por enriba do devandito, hai unha explicación racional para o éxito electoral da alternativa a distancia, promovida desde unha plataforma televisiva e repenicada por internet, alén das calidades intrínsecas do líder carismático: o fastío perante as políticas hexemónicas do PP e do PSOE, o desagrado perante a actual crise económica e os escándalos de corrupción. É unha arma arrebolada contra a política tradicional, desde a xeneralización de que toda política é perversa, e a crenza na existencia dos políticos como clase. Nesta crenza vai a idea de seren a causa de todos os males habidos e por haber, un chibo expiatorio que, paradoxalmente, vale para desviar a atención dos poderes e as causas reais dos padecementos das maiorías sociais e, en particular, as do pobo galego: paro, emigración, retroceso demográfico, destrución das súas potencialidades produtivas, abandono da súa lingua, hostilidade contra a súa cultura….Con todos os respectos non podo acreditar en que a solución estea nun consumo electoral que privilexia o aparente, a admiración a distancia, a falta de contraste coa realidade, e facelo cunha desintegración tan absoluta do individuo verbo da realidade máis próxima, no caso galego, a da propia realidade nacional e a súa dialéctica política propia. Somos conscientes de que os máis proclives a esta forma de concibir a política foron sectores con certa cultura e estudos, consumidores de programas televisivos de debates “políticos” madrileños, habituados a navegaren por internet, normalmente con traballo. Habería moito que falar e preocuparse dunha parte substantiva e máis heteróclita, de grande potencial para unha mudanza real, que non vota, que se queda na casa, da que ninguén fala, e que nos debería preocupar. E que por certo, dará as claves en próximas eleccións de se estamos perante un declive imparábel da lexitimidade do réxime por pasividade e abulia maioritarias ou se iniciamos un proceso de contestación do mesmo tamén nas urnas, que tarde ou cedo esixirá, se o debate se dá en parámetros democráticos, claridade e valentía nas propostas sobre a estrutura do Estado español – a soberanía de quen-, a pertenza á UE e o modelo económico e social correlativo a esas diferentes propostas.
Sexa como for, o que non debemos dubidar é da necesidade imperiosa de que Galiza conte cun movemento nacionalista clarificado, con capacidade de iniciativa e de representación dun sector importante da sociedade; iso vai ser definitorio do noso futuro. Por iso, no medio do actual caos e confusión, cabe non ficar quieto e preso da parálise. Todo cabe, menos desmantelar o movemento nacionalista, a súa organización, a autoorganización do pobo galego, a súa presenza institucional e a súa capacidade de mobilización popular ao servizo do país. De forma inmediata, haberá que saber que un caos propiciado e inevitábel, non vai ser superado con máis caos e confusión, menos aínda a que deviría dun concepto de unidade que nos aniquilaría, por absorción, nos minimizaría aínda máis como forza institucional, e nos debilitaría para enfrontar o futuro que se aveciña. A nosa unidade ten que pivotar sobre a existencia de Galiza como punto de referencia política, ten que articularse para ilusionar o pobo galego, a unha parte significativa, cunha alternativa de seu, e para termos un instrumento que nos permita como pobo autoorganizado e con obxectivos políticos propios sentarnos a falar con calquera en defensa dos nosos intereses, de forma que constitúamos por nos mesmos unha entidade constituínte capaz de pactar cos demais sen sermos por eles absorbidos ou anulados. Está o nacionalismo galego en condicións para esta batalla? Coido que si ten a potencialidade para dala, malia todos os riscos que corremos, acorde co actual contexto e aprendendo da experiencia e tomando nota, para usalas na xusta medida, tamén de todas as modificacións que son necesarias nunha época de aparencias, sen reducirnos a unha alternativa aparencial, entre outras cousas porque sería inútil e a nada conduciría. Fagamos todas as mudanzas, primeiro as de calado real, as que atinxen ao noso traballo na sociedade, asumamos as máis superficiais tamén para combater en terra de lobos, sen a mentira nin o engano, para nós imposíbeis, sen desnaturalización que a nada conduce. E saibamos que a autoestima é un valor esencial para camiñarmos. Aprendamos dos propios erros e das propias experiencias positivas, valoremos as moitas cousas boas feitas, non interioricemos que somos - ás veces amolados pola nosa impotencia- os causantes da opresión e da destrución que asolagan Galiza, rebelémonos con claridade contra quen a causa, e en todo caso rectifiquemos o que pode e debe ser rectificado. Sen ser incautos, non lle teñamos medo a mesturarnos co pobo, por máis que a súa conciencia estea ás veces distante da nosa. Por máis que os demagogos da globalización en todas as súas facianas partan dunha posición vantaxosa para engaiolalo, a dura realidade seguirá indicando a necesidade de outros camiños. Hai potencialidade e capacidade. Probemos a partir delas o que somos capaces de mudar para ben, sen sectarismos nin derrotismos, sen rutina nin electoralismo frustrante, sabedores de que estamos en momentos difíceis e críticos. Son tempos de moito activismo, de moito contacto social, de explorar con afán todas as nosas capacidades, de defender e impulsar a unidade do pobo galego, isto é, a que ten Galiza como referencia. Fagámolo tamén con serenidade e con firmeza, sobre todo nos principios e obxectivos aos que servimos.