Infraestrutura verde de Galiza: de verdade é verde?
O Instituto de Estudos do Territorio da Consellaría do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a elaborar a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galiza. Dende unha óptica teórica, trataríase de levar adiante unha ordenación integral do territorio, mais na practica ven sendo unha cousa ben distinta.
Para a elaboración de esta estratexia, a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, está mantendo reunións territoriais con axentes sectoriais. Son reunións convocadas mais que por convición, son para cumprir cos preceitos participativos da Unión Europea. De feito son reunións pouco traballadas, no senso de acadar que participe a maioría das organiza cións do tecido social.
Nestas reunións territoriais propónselle aos/ás participantes que cubran unha enquisa. Sen entrar a valorar o oportuno ou non das preguntas da enquisa, no meu entender, presentan tres eivas moi considerábeis. As preguntas da enquisa teñen a súa importancia xa que condicionan os resultados. Non están postas por casualidade.
A primeira eiva é o feito de que todas as preguntas relacionadas con temas medioambientais, entenden a este como algo illado, estanco, departamental. Semella que se temos un territorio onde haxa unha ou dúas figuras de protección medioambiental, aínda que o resto do territorio este ocupado por cultivos enerxéticos, por monocultivo de eucaliptus ou/e explotacións megamineiras, xa podemos durmir coa conciencia tranquila .
Este considerar a función medioambiental como algo illado, estanco, departamental, xa o puxeron en practica os poderes económicos na cuestión dos selos de certificación forestal(todos de carácter privado). No seu momento o selo de certificación forestal FSC era adecuado social e medioambientalmente. Até que os empresarios forestais e da madeira entraron nos seus órganos de dirección e modificaron os criterios de xestión. De tal xeito que a dia de hoxe un propietario forestal que teña todo o seu monte con eucaliptus globulus e con eucaliptus nittens, mais que teña catro carballos nas beiras dun regato, xa pode certificar o seu monte forestalmente. Independentemente de que hai que potenciar figuras de protección medioambiental, a función medioambiental debe estar presente en todos e cada un dos usos do territorio .
A segunda eiva que ten a enquisa é o feito de que non fai ningunha pregunta sobre a xestión do territorio. Xestión do territorio significa presenza humana no mesmo. Xestión do territorio significa implicación das poboacións na posta en valor do mesmo. Existencia de poboación e implicación das mesmas na posta en valor do territorio son ferramentas eficaces, como .por exemplo, para loitar contra os lumes forestais
Neste senso, chama a atención que na enquisa non se faga ningunha pregunta sobre os montes veciñais en man común. Cando estas terras comunitarias, no rural, ocupan mais do 70% do territorio e xa que logo , as súas superficies están incluídas en figuras de protección medioambiental, cando están xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira e cando a súa posta en valor ten que ser unha das pezas para acadar un medio rural vivo. Que na enquisa non haxa ningunha pregunta sobre os montes veciñais en man común só pode entenderse se quen as fai, entende que esta titularidade singular da nosa nación debe desaparecer.
A terceira eiva que conten a enquisa é o feito de non facer ningunha pregunta sobre se os titulares das terras incluídas nalgunha figura de protección medioambiental deben ter compensacións polo feito de ter hipotecados algúns dos seus usos. As comunidades de montes veciñais en man común defendemos as figuras de protección medioambiental. Mesmo aceptamos certas hipotecas de uso nas nosas terras, mais é razoábel que recibamos compensacións por este servizo prestado a sociedade no seu conxunto.
Compensacións que non deben ser entendidas como esmola, como dávida. Senón como o que realmente son, unha redistribución dos custes medioambientais.
A estratexia de infraestrutura verde que está a elaborar a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e realmente verde? Mais ben semella de cor gris e marrón con algúns puntos pintados de verde .