Individualismo e BNG


O pasado mes de xuño celebrouse en Vigo o Forum FISU. Neste encontro responsábeis do Deporte a nivel mundial debatían sobre estratexias de futuro: "Liderazgo da Muller no Deporte Universitario";"Educación e concienciación medioambiental a través do Deporte Universitario ";" Desenvolvemento dos plans estratéxicos a nivel estatal"; "O Deporte Universitario e o seu recoñecemento académico". A esta xuntanza asistiron delegacións de máis de 60 países, con presenza de todos os continentes. No Forum desfilou a bandeira galega e se cantou o noso Himno.

Na intervención dun representante canadiano, membro da WADA (Organización Mundial Antidopaxe) este se lamentaba das dificultades para combater a dopaxe no Deporte porque "o que define a sociedade actual é o individualismo e a trampa, nunha sociedade onde o importante é o éxito individual a calquera custe, non importan os medios para conseguilo, todo é xustificable". Dicía este integrante da FISU que " non hai moitos anos cando nacía un neno en calquera aldea de Kenia todo o pobo se volcaba na educación deste rapaz transmitíndolle valores sociais útiles para el e para a comunidade; hoxe este hábito perdeuse".

Tras escoitar esa Conferencia lembrei un artigo dun xornalista do Faro de Vigo alá polo ano 1982 criticando as miñas intervencións no Pleno do Concello de Vigo. Preguntábase este señor en tono crítico en nome de quen falaba, porque empregaba un nós maiestático, sendo o único concelleiro do BN-PG na Corporación. Non entendía ou non quería entender o xornalista que eu trasladaba propostas colectivas da organización.

A transcendencia do individualismo nun contexto de crise como o actual multiplicase. Algunha xente pensa que pode saír en solitario desta situación,falsa ilusión A CIG ten claro que para enfrontarse de xeito contundente á Reforma Laboral e evitar a perda de dereitos son necesarias respostas colectivas. A Folga do día 29 é un exemplo. O colmo é escoitar á candidata do PP á Alcaldía de Vigo dicindo que ela vai rematar co desemprego na cidade. Nin o PP é a alternativa como o demostra no Goberno Galego ,cada vez máis paro na Galiza desde que gobernan e ademais aínda sería máis duro nas propostas de recortes aos dereitos dos traballadores ,acaban de votar xunto co PSOE contra a moción do BNG en apoio a folga no concello de Vigo e na deputación de Pontevedra

No BNG historicamente caracterizámonos por trasladar de xeito unitario á sociedade as nosas propostas. Esta é unha das nosas fortalezas. A pluralidade do BNG de colectivos e independentes se visualizaba internamente o que enriquecía os debates, a sociedade trasladábanse os acordos, dándolle a nosa mensaxe maior forza. Imaxinemos o efecto das ondas que se producen cando tiramos unha pedra ao lago. O éxito das nosas mensaxes radica por un lado en que o discurso sexa único, e ademais o trasladen a sociedade o conxunto da militancia: portavocías da organización, institucionais, cadros militantes, simpatizantes, etc. Agora xa non sempre sucede así por iso xa non nos perciben tan cohesionados. O propio BNG empeza a padecer os efectos de comportamentos individualistas. Cada vez máis aparecen persoeiros do BNG opinando sen contrastar internamente antes as súas propostas,e algúns pensan que chega con que opinen os portavoces institucionais nos medios de comunicación. Temos que ser conscientes que isto nos debilita, sería preciso que os colectivos e independentes do BNG utilicen as canles de debate internas para buscar a síntese das propostas. E unha vez acordadas todo o conxunto da organización deberá trasladalas a todos os ámbitos sociais. Isto multiplicaría a eficacia das nosas iniciativas.