Incendios forestais: Avanzando un paso máis cara un novo desastre

Incendios forestais: Avanzando un paso máis cara un novo desastre

Na terríbel vaga de lumes do verán do 2006, o Sr. Núñez Feijóo, daquela candidato á presidencia da Xunta de Galiza, polo Partido Popular, tiña a solución (máxica poderíamos dicir), para rematar cos lumes forestais. Esta (máxica) solución era: mangueiriña de xardín e roupa e calzado para tomar un aperitivo, poñamos por caso, no iate do Sr. Marcial Dorado. Mais a maxia é o que é: ilusión e mentira.

Desde aquel verán do 2006, o Sr. Núñez Feijóo, leva case dúas lexilaturas como presidente da Xunta de Galiza, e os lumes forestais non é que remataran, foron a máis. Xa que logo, estamos gobernados por un desmemoriado ou por un mentiroso. Desmemoriado dado que xa non se lembra como combater os lumes. Mentireiro xa que sabia que estaba a mentir. En calqueira caso o territorio galego e os galegos e a galegas, temos un problema.

As causas principais do lumes forestais son estructurais. Cómpre pois avanzar en políticas de montes e de medio rural, que corrixan, no medio e no longo prazo, as causas estructurais que os provocan. Vai a política de montes do Partido Popular nesta dirección? Non, vai totalmente na dirección contraria (aposta en exclusividade polo uso forestal do monte con especies de crecimento rápido ou cultivos enerxéticos, roubo de terras comunitarias á veciñanza comuneira para entregarllas ás empresas privadas, deixar os montes sen medidas de protección ambiental, impedir que a veciñanza poida poñer en valor as súas terras...). Bo xeito de combater o lume, inxectándolle máis combustíbel ás lapas.

O Partido Popular é coñecedor , de que esta política de montes favorece os intereses que representa (capitalistas , especuladores e urba- nisticos ), máis que tamén favorece a que os lumes forestais siguen a ser un problema para o territorio e para as persoas. De aí que, nunha ceremonia de confusión, leva uns anos tentando de culpabilizar dos lumes forestais aos titulares das terras (non teñen os montes limpos), ou de reducir o problema dos lumes a unha cuestión de orde público (máis penas para os incendiarios/as).

A política de montes e do medio rural acaida para o medio e no longo prazo, derrotar os lumes forestais, namentras, ten que ir acompañada de medidas de prevención e de extinción eficaces. O Partido Popular leva adiante estas medidas? Evidentemente, non. As medidas de prevención e de extinción que toma, o que fan é botar máis combustibel aos lumes.

,O PLADIGA (Plano de Defensa contra os Incendios forestais de Galiza), ven sendo un documento técnico anual, de prevención e de extinción para combater os lumes forestais. Visto así, o lóxico seria que este Plano fose aprobado a principios do ano. Pois non, os PLADIGAS, apróbanse no Consello Forestal de Galiza, a principios do verán, sen debate e sen participación dos compoñentes do sector (O Consello Forestal para a presentación do PLADIGA-2014, está convocado para o día 27 de maio). Polo tanto, as medidas que se poidan tomar, aínda que fosen eficaces (que non o son), non poderían ser aplicadas en tempo e forma.

Todos os anos, a Consellaría de Medio Rural e do Mar, saca unhas axudas destinadas ás comunidades de montes, para formación de equipos de prevención dos incendios forestais. Estas axudas rematan o prazo de presentación a finais do mes de febreiro, mais non son comunicadas á sua aprobación até ben entrado o mes de xullo. Xa que logo, medidas eficaces de prenvención de incendios forestais non son. Son mera propaganda.

A loita contra os incendios forestais, na súa faceta de extinción, debe ser levada adiante pola Administración Pública, desde a óptica dun servizo público. Privatizar esta faceta da loita contra os incendios forestais, é entrar nunha espiral moi perigosa. Porque a lóxica da empresa privada é "a de máis volume de traballo, mais negocio". Privatizar a extinción dos incendios forestais é fomentar o negocio do lume (para beneficio dos seus amigos). A Consellaría de Medio Rural e Mar está privatizando este servizo e desmantelando as súas cuadrillas. Este ano elimináronse as cuadrillas de Tomiño, Castromao e Valdeorras.

Con esta política de montes do Partido Popular, que no verán non arda o territorio galego, seria unha miragre. Porque é unha política que sopra para que os lumes amarren. Mais, esta política de montes do Partido Popular, non está feita dende a ignorancia. Está feita con coñecemento de causa. Cando algúns compoñentes do sector do monte prantexan medidas eficaces de loita contra os lumes, a Consellaría de Medio Rural e Mar asubía e mira algúns compoñentes do sector montes as prantexamos, a Consellaría mira para o ceo, para ver se o semblante deste anuncia chuvias.

Culpabilizar dos lumes a quen os padece, pregar por miragres, agardar aos elementos da natureza, é a verdadeira política do Partido Popular para combater os incendios forestais. A pregunta é doada: O Partido Popular vive no século XXI ou en plena Idade Media?