Incendios forestais, a necesidade da prevención
Os antecedentes
Monte, agro, gando e persoas formaron durante milleiros de anos un mesmo sistema no noso territorio. As relacións e dependencias eran mutuas, manténdose un equilibrio consensuado co tempo, baseado no respeto e aproveitamento das características locais de cada zona.
É a partir dos anos corenta do século pasado, cando esta situación de equilibrio entre persoas-agro-monte-gando comeza a romperse debido principalmente a:
-Plans de repoboación masiva, atendendo ás directrices do Plan Forestal Español que pretendía repoboar todas as zonas despoboadas de vexetación arbórea con piñeiros e eucaliptos para a produción de madeira destinada á trituración.
-Iniciase o paso dunha agricultura tradicional a unha agricultura industrial-produtivista (dando os grandes pasos na década dos sesenta), que obriga os labregos/as a adaptarse a sistemas de cultivo alleos.
-Estabulación do gando como consecuencia da actividade repoboadora e da transformación da agricultura e zonificación da produción agrícola con concentracións parcelarias para a especialización de uns poucos produtos (patacas e viño fundamentalmente)
-Despoboamento do medio rural, como resultado da emigración dos seus habitantes.
As consecuencias de todo isto dan lugar á rotura do sistema, independizándose cada unha das partes, que pasarán a ser sectores económicos diferenciados (cando con anterioridade constituían unha mesma unidade). Trae consigo a especialización de traballos, sen ter en conta os coñecementos e a cultura tradicional agroforestal, importando sistemas económicos e de aproveitamento alleos (e polo tanto non adaptados ás características locais).
,
Por que arde o noso monte?
Esta pregunta, como suporedes, non ten unha resposta inmediata xa que as causas dos lumes son múltiples, tendo pola contra un mesmo axente causante: as persoas (tan só entre un 2 % e un 5 % dos lumes son provocados por axentes naturais (raio,etc); o resto teñen unha compoñente humana).
Se ben cada lume pode ser individualizado e tratado estatisticamente como intencionado, neglixencia ou descoñecido; a realidade da súa aparición nos montes galegos presenta outras características e elementos precedentes. Así para referirnos ás causas dos lumes teremos que falar dos elementos estruturais que están na súa base:
-Intensa actividade repoboadora que nos últimos 60 anos transformou o monte galego e as masas autóctonas, en masas monoespecíficas de especies de quenda corta (piñeiros nun principio, logo mesturados con eucaliptos, e máis tarde de eucaliptos); de gran vulnerabilidade.
-Escasa ou nula planificación da política forestal, e da actividade repoboadora, reproducindo un sistema produtivo alleo, desbotando as posibilidades locais de cada zona.
-Separación entre o monte e o agro, pasando a ser este independente e sen relación co mundo agrogandeiro (que eran os encargados tradicionalmente de mantelo libre de vexetación arbustiva).
-Escasa cultura do monte como consecuencia da falta de información e formación dos valores que o rural aporta á sociedade.
-Aumento crecente da vexetación arbustiva que agora non ten competidores (antes agricultores e gando mantiñan a raia os seus niveis).
-Lume como ferramenta para a consecución de múltiples fins (renovación de pastos, escorrentar fauna, limpar o monte, vinganzas, reclamacións de propiedades,. . .) empregado indiscriminadamente ás veces e sen ter en conta a modificación que tivo o país nas últimas décadas.
-Abandono da propiedade e desvinculación entre o dono e a terra, que ademais comporta a perda de defensores e defensoras do territorio.
,
A prevención como ferramenta contra o lume
Desde fai anos tense claro que a forma de atallar os lumes é mediante a prevención, xa que a extinción non é máis que un parche momentáneo de un problema de maior calado. Isto implica a efectos prácticos preocuparse máis polo número de lumes que pola superficie queimada, ou o que é o mesmo, investir os esforzos en evitar que o lume chegue a producirse antes que en correr moito para apagalo unha vez iniciado.
Na pasada lexislatura puxéronse en marcha medidas políticas que apostaban decididamente por esta premisa: lei de prevención e defensa contra incendios forestais (lei 3/2007), creación do banco de terras, planificación da prevención (PLADIGA, plans de distrito, plans municipais de de prevención e emerxencias), agrupacións veciñais de vixilancia forestal (AVVF), maior investimento nas actuacións de prevención sobre o territorio que na extinción, posta en valor dos montes (aumento significativo dos tratamentos silvícolas das masas arboradas), inicio de liñas de axuda para frondosas e valorización do monte, posta en marcha das unidades de xestión forestal (UXFOR). Todo este esforzo de xestión en traballar a prol da prevención deu lugar a que estivéramos moi por debaixo dos 10.000 lumes anuais que como media tivo o país na última década, pasando a 3.157 lumes no ano 2007 e a 2.563 lumes no ano 2008.
O goberno do PP decidiu retomar a mesma política de escaparate que aplicou con anterioridade; isto é, adicar 100 millóns de euros a extinción (1% do orzamento da Xunta de Galicia) e anular a maioría das medidas de prevención postas en marcha. Amais aplica a política do oscurantismo non facilitando información sobre os lumes e critica abertamente unha norma que ten que aplicar (namentras non a modifique). En definitiva, no marco dos incendios forestais esta Xunta está máis preocupada do plano mediático (o que poida saír na prensa) que en facer fronte ás causas que xeran os lumes; ou o que é o mesmo, máis pendente do fume que do lume.
A necesidade de vertebrar social e territorialmente o noso rural
Non hai receitas máxicas para resolver a ecuación dos lumes, mais cómpre facer con urxencia actuacións encamiñadas á vertebarción social e territorial do noso rural que comporten a solución definitva ao abandono da propiedade e por extensión aos lumes.
Esta vertebración implica asumir a responsabilidade que cada persoa ten das súas propiedades, e non só os dereitos e beneficios de posuílas. Temos que pensar, e cada vez máis, nos deberes, responsabilidades e custes que teñen as nosas leiras; en maior medida aquelas que se atopan abandonadas pero seguen tendo propietaria.
Precisamos de un goberno que conte coa xente, que crea no rural, que xere iniciativas a prol do medio, que pense no futuro, que aposte por un mundo vivo, que resolva os probemas estruturais do noso monte e do noso agro, que traballe de forma integral, que planifique e ordene o territorio, que impulse a sensibilización da sociedade, que sume esforzos; en definitiva que faga prevención, . . . e con todo faremos algo por solucionar o problema dos lumes.
En resume, a solución dos incendios forestais pasa por resolver os aspectos sociais e territoriais do noso rural e non tanto por apagar fumes.