Impugnando o capitalismo e o patriarcado

Impugnando o capitalismo e o patriarcado

Nun momento coma o actual, de crise sistémica e multidimensional, ecolóxica, alimentaria e dos coidados, é necesario e urxente asegurar a presenza das feministas en múltiples frontes e visibilizar as formas e os espazos nos que se agochan.

Ser feminista é adoptar unha perspectiva transformadora que vaia máis alá da denuncia da violencia sexual e de xénero, da complicidade dos gobernos e dos sistemas policiais e xudiciais que perpetúan a violencia e protexen os perpetradores... hai que poñela en relación con outras formas de violencia ou de opresión, como o racismo, as leis que restrinxen o traballo e a migración, a feminización da pobreza...

Coido que nunca destruiremos o patriarcado sen cuestionar, criticar e impugnar o capitalismo, e non creo que a impugnación do capitalismo por si soa implique un mundo mellor para as mulleres. O capitalismo xúntase coas estruturas e opresións precedentes e acaba poñéndoas ao seu servizo.

O capitalismo entrelazouse co patriarcado. O desmantelamento neoliberal do estado de benestar condena as mulleres a facerse cargo do traballo de coidado (de crianzas, persoas enfermas, xente maior...) e ao mesmo tempo a participar do traballo produtivo. Isto ten como consecuencia que, se ben as mulleres poderían devir máis independentes grazas ao seu acceso ao mundo laboral, permanecen dolorosamente cativas das relacións patriarcais - unhas relacións que serven politicamente ao capitalismo - a través do fortalecemento da familia.
Polo tanto, resulta indispensábel rachar coa división entre a esfera da produción e da reprodución, así como democratizar radicalmente o conxunto da sociedade e das relacións de produción.

Se se concibe o feminismo como un movemento encamiñado a rematar co sexismo e coa opresión sexista, non se está falando dos homes. Unha muller non é feminista só porque sexa unha muller. É feminista cando comenza a despoxarse de maneiras sexistas de pensar e revoluciona a súa conciencia. O mesmo se aplica ao compañeiro, aos homes que participan na loita.

O xénero é fundamental para comprender o proceso da moderna globalización capitalista. Non se trata de superpoñer ou de confundir as dúas categorías de xénero e clase, senón de comprender como podemos relacionalas co fin de subministrar un instrumento de maior alcance para a comprensión da realidade. Temos que utilizar a noción de xénero (conxugándoa coa categoría de clase) para entender o capitalismo, a globalización e as relacións de poder.

A feminista italina, Cinzia Arruza, no libro "Las sin parte: Matrimonios y divorcios entre feminismo y marxismo" o exemplifica moi claramente esta "... asistimos a unha profunda transformación da clase obreira, cun crecemento exponencial da forza de traballo feminina -principalmente na industria manufactureira e no sector dos servizos. Podemos constatar igualmente a creación de novas correlacións internas no seo da forza de traballo, segundo os sectores de produción e de distribución. Até tal punto que a presenza masiva de mulleres neste ou aquel ramo constitúe un indicativo para comprender a ubicación destes sectores na organización mundial da produción. Con respecto ao funcionamento das xerarquías, o capitalismo establece diferentes categorías no seo da forza de traballo. Porén, como se reproducen? Quen ocupa os diferentes niveis da xerarquía e por que? Aquí, a referencia de clase non nos axuda moito. Hai que recorrer á noción de xénero, aos conceptos de opresión nacional, racial ou relixiosa. E, finalmente, podemos recoñocer no xénero un instrumento fundamental para a comprensión da forma en que o capitalismo se reproduce no plano ideolóxico".

O carácter humanista do marxismo conleva o poñerse no punto de vista das vítimas, das persoas aplastadas, oprimidas e explotadas. As achegas do marxismo neste campo, para explicar a xénese da degradación da muller, poden resumirse así:

- Ante todo, as mulleres non foron sempre o sexo oprimido ou "segundo sexo". A antropoloxía ou os estudos da Prehistoria dinnos todo o contrario.

Na época do colectivismo tribal as mulleres estiveron á par co home e estaban recoñocidas por el como tales.

- En segundo lugar, a degradación das mulleres coincide coa destrución do clan comunitario matriarcal e a súa substitución pola sociedade clasista e as súas institucións: a familia patriarcal, a propiedade privada e o Estado.

A superación do capitalismo constitúe unha condición necesaria (sine qua non) pero non suficiente para a liberación das mulleres.

Resulta imposíbel comprender as reviravoltas internacionais do capital sen tomar en consideración como este moviliza e utiliza a opresión non só do xénero, senón tamén a nacional e racial, entre outras, para maximizar beneficios, reproducirse e auto-erixirse como a única alternativa imaxinábel.

Entender os procesos tanto globais como locais desde unha perspectiva feminista e anticapitalista implica debullar as diferentes relacións de poder e explotación que toman lugar en cada caso e analizar as interseccións entre todas elas.

Lonxe de ver o marxismo como un proceso acabado cuxa pureza ou rigor se ven ameazados pola incorporación do feminismo na análise de clase, apostamos por un feminismo que contribúa de maneira fundamental a completar o marxismo e o anticapitalismo, e que os fortaleza á hora de explicar a realidade e mudala a favor de todas as persoas explotadas.

Recentemente, un grupo de mulleres redactaron un Manifesto para un feminismo do século XXI , no que destacan a explotación das mulleres en todos os ámbitos do mercado laboral, na industria do sexo,...e recoñecen que a sexualización da sociedade é parte do capitalismo consumista de hoxe.

A pedagoxía feminista trata de descubrir o conflicto, e na crisis a oportunidade de cambios; a condición de que haxa acompañamento, posibilidade de interpretar as encrucilladas, non de maneira solitaria, senón en rede, en comunidade, en grupos.

Contaminémonos mutuamente as diversas rebeldías até que non haxa maneira de ser feminista sin ser nacionalista, de ser socialista sin ser feminista, de ser antipatriarcal sin ser antiimperialista.