Impostos ao sol, lobbies e cambio climático

Impostos ao sol, lobbies e cambio climático

O pasado 28 de novembro a Comisión de Enerxía do Parlamento europeo aprobou un informe que contén un bloque de medidas enerxéticas entre as que se atopan a declaración de ilegalidade do coñecido “imposto ao sol” establecido polo ministro Soria de nefasto recordo, como lealdade aos lobbies a cambio das correspondentes portas xiratorias que neste caso, de clamorosa desvergonza, fallaron polo momento. O autoconsumo de enerxías renovables supón un dos eixos fundamentais cara a evitar o cambio climático, asunto no que non solo as administracións teñen as súas responsabilidades, tamén todas e todos nós temos que tomar conciencia e poñer a nosa apartación na consecución do obxectivo.

Europa lembra novamente ao Estado que o valor da enerxía impulsada polos propios cidadáns é fulcral e clave para o desenvolvemento de políticas contra o cambio climático. Segundo o informe aprobado, a metade dos europeos podería producir a súa propia electricidade sobre o ano 2050 e cubrir o 45% da demanda, sempre, claro, que non exista lexislación que dificulte este obxectivo como no claro caso do “imposto ao sol”. Fiel ao seu amo o ministro actual, Alvaro Nadal, reaccionou inmediatamente anunciando que vai a volver a recortar o prezo do quilovatio verde.

E é que o camiño non vai ser doado, este informe aprobado pola Comisión de Enerxía (43 votos a favor, 14 en contra e 7 abstencións) terá que ser votado no plenario do Parlamento europeo, previsiblemente en xaneiro, logo será negociado a tres bandas coa Comisión Europea (o goberno de Europa) e o Consello Europeo (formado por 27 países). O resultado sería unha Directiva que cada país terá que incluír na súa lexislación. A Directiva, de obrigado cumprimento, entraría en vigor no 2020.

Lembramos que o “imposto ao sol” obriga aos consumidores residenciais (con potencia instalada superior a 10kW) a pagar un cargo sobre a electricidade que producen. Este cargo é aproximadamente de 9 euros, máis ive, por ano e por kW de potencia de cada panel que teña na súa casa.

As enerxías renovables, solar, hidráulica, eólica e a biomasa, representan en Europa actualmente un 16,7%, 16,2% no Estado Español no posto 14, sendo o obxectivo de chegar no 2020 ao 20% en ámbolos dous casos. En Suecia, adiantada neste asunto, representan xa o 53,9 % cumprindo xa sobradamente o seu obxectivo 2020 de chegar ao 49%. Os nosos veciños e irmáns portugueses acadaron xa o 28% moi preto do seu obxectivo 2020 de chegar ao 31%.

A Comisión Europea quere que Europa lidere a transición cara as enerxías limpas. Quere reducir as emisións de CO2 cando menos nun 40% en 2030 ao tempo que se moderniza a economía da UE e se crean novos postos de traballo. Os obxectivos abranguen tres puntos: priorizar a eficiencia enerxética, acadar o liderado mundial en enerxías renovables e garantir un trato xusto para os consumidores. Preténdese aumentar a eficiencia enerxética nun 30% fomentando os edificios eficientes, un marco de deseño e financiamento para axudar a Europa a seguir medrando mentres persigue as súas metas climáticas. A intención, en canto a enerxías renovables é que cando menos o 27% de toda a enerxía consumida en Europa proveña de fontes renovables grazas a transportes sen emisións de carbono, consumidores con maior poder de decisión, climatización máis limpa e electricidade provinte de fontes renovables. O terceiro obxectivo define que os consumidores serán participantes activos e principais nos mercados enerxéticos do futuro. Ademais de asegurar o dereito ao autoconsumo a UE acelerará a implementación de contadores intelixentes e asegurará que os consumidores podan acceder a contratos con prezos dinámicos para a electricidade, esenciais para pechar a fenda entre os consumidores e o mercado.

En canto á Administración Local neste pasado mes de novembro na Coruña tivo lugar unha xuntanza en relación co “Pacto dos Alcaldes”, compromiso europeo por parte dos municipios, que está en plena campaña de adhesión. Os obxectivos establecidos por este Pacto, que obriga aos gobernos locais a establecer políticas ao respecto, marcan unha redución de emisións de CO2 dun 20% para o ano 2020 e un aumento, na mesma porcentaxe, no uso de enerxías renovables e da eficiencia enerxética. Xa se está falando de acadar un 40% en emisións, un 30% en renovables e un 40% en eficiencia nos seguintes 10 anos até o 2030. E isto porque quizais o 40% xa sexa pouco para evitar o cambio climático. A respecto do financiamento existen liñas de subvencións para os vindeiros anos cun aumento considerable de até o 20% de algunhas das partidas contidas nos distintos fondos europeos.

É importante que os concellos se sumen a este Pacto e asuman os compromisos contidos no mesmo. Importante polo obxectivo en si mesmo, máis importante tamén porque será a chave a partir de agora para poder acceder ás subvencións establecidas nos proxectos de Smart Cities, tan relacionados por outra parte coa eficiencia e a redución de emisións, e tamén nos Fondos EDUSI (Desenvolvemento Urbano sostible).

Nos Fondos Sociais Europeos outra das liñas de financiamento a ter en conta, son as destinadas a formación co fin de paliar as carencias de persoal cualificado. Pero na maioría dos casos a necesidade é a de contratar novos especialistas xa que o persoal actual xa está enormemente atarefado. E aquí entra Montoro e a súa Lei de Estabilidade Orzamentaria que atenaza aos concellos coa imposibilidade de contratar novo persoal e de gastar os superavits e remanentes orzamentarios. Non se entende que este goberno do Estado, en clara minoría parlamentaria, poda manter en vigor semellante Lei. Unha Lei inxusta, non son os concellos os culpables dos déficits, e que impide a administración local modernizarse e mesmo adaptarse as leis que o propio goberno vai promulgando como as Leis 39 e 40/2015 que obriga a uns procedementos administrativos electrónicos a uns municipios deseñados para a organización administrativa do século pasado e que carecen de persoal cualificado que por outra banda non poden contratar aínda dispoñendo de remanentes en tesourería debido á nefasta “regla de gasto”. Neste tema pasa o mesmo, precísase persoal especializado na posta en marcha de procesos tendentes á afrontar o cambio climático e non se pode contratar máis que, e non sempre, a través de externalizar servizos. Claro que privatizar todos os servizos da administración pública pasa por ser un claro obxectivo deste goberno ao servizo dos poderosos lobbies. A Wikipedia ten unha brillante definición para lobby: Grupo de presión, é un colectivo con intereses comúns que realiza accións dirixidas a influír ante a Administración Pública para promover decisións favorables aos intereses de este sector concreto da sociedade. E eu diría máis, os gobernos actuais son mulleres e homes de palla e quen goberna e lexisla son directamente os lobbies.

Os efectos do cambio climático non quedan soamente nas secas que están xa aquí para quedarse, haberá que derivar fondos para a depuración en traballos de captación, senón que segundo estudos europeos para esta zona costeira, aumentará o nivel do mar e a temperatura da súa superficie e a súa acidez levando as especies mariñas, incluído o plancton cara ao norte afectando claramente a un dos nosos recursos naturais: a pesca.
Para rematar facer un chamamento a nosa propia responsabilidade no asunto. Ademais de votar a quen protexe a nosa terra e o seu medio ambiente con políticas verdadeiramente sostibles, temos que adquirir uns hábitos de comportamento concordes con todos estes obxectivos descritos.