Imbéciles e escuros. Non nos entenden, non
Comezamos este ano novo lendo os chíos nas redes sociais de nada menos que dun xuíz do Tribunal Supremo, Antonio Salas, quen argumentaba que a violencia contra as mulleres “é unha manifestación máis da maldade” e que está máis relacionada coa “desigualdade de forza física entre o home e a muller” que con elementos educacionais. Continuaba afirmando que hai “moita cifra negra de maltrato sobre os homes porque o home non denuncia”.
O maxistrado nin tan sequera recuou cando recibiu mensaxes de resposta denunciando a falacia e a gravidade das súas palabras, criticando a súa falta de formación en xénero, senón que continuou afirmando que non precisa desa preparación, que nunca lle ofreceron ir a un curso desta índole, que cree “que son normas políticas máis que xurídicas”, que sempre respectou a mulleres e a homes, engadindo “pero teño preferencia polas primeiras, de nacemento”. É a demostración práctica da resistencia de membros destacados da xudicatura á aplicación da lei contra a violencia de xénero, da lexislación en materia de igualdade, e en definitiva, un exemplo da resistencia do machismo aos avances na conquista dos dereitos das mulleres.
O único positivo que se pode sacar das súas verbas é visualizar como desde máximas instancias do poder se rearma o machismo. O resto é indignante. Coa morea de mulleres asasinadas por mor da violencia machista aterra saber que se minimice desde a propia xudicatura as consecuencias das agresións. Non hai ningunha escusa que serva para minimizar o impacto das súas manifestacións. Ás mulleres se lles agriden só por un motivo: polo feito de ser muller. Dá igual que sexan universitarias ou sen estudos, inmigrantes, galegas, mozas ou vellas, guapas ou feas, cunha carreira profesional dilatada ou desempregadas, as mulleres son violentadas porque hai homes que queren dominalas, controlalas e ter o control absoluto e o poder sobre elas. Este tipo de declaracións o único que traen é dano e desconfianza nun sistema, o xudicial, cada día máis afastado e desconectado da sociedade e das persoas que debera protexer ou amparar.
Hai uns días un xornalista de El Correo Gallego chamado Manuel Molares publicaba un artigo de opinión na súa columna habitual (Crónicas Bárbaras) baixo o título Vítimas do seu sexismo, na que afirmaba o seguinte: “O medo ao feminismo radical consegue que poucos medios informativos se atrevan a lembrar que hai mulleres que se entregan voluntariamente a homes violentos sabendo que poden matalas”... “Mulleres así convértense voluntariamente en escravas sexuais de posíbeis asasinos polo pracer físico que lles proporcionan”... “Porque eses homes son bos amantes que estabelecen unha relación morbosa, por iso moitas reinciden buscando o éxtase que demasiadas veces lles trae a morte. Ao culpar só ao asasino, o feminismo máis activo facilita a continuidade desta cadea mortal. Debería advertir tamén que a muller ten que ser autorresponsábel evitando machos violentos”.
Mágoa non coñecer a definición deste individuo do que é o “feminismo radical”. Apostaría que non é quen de entrever unha corrente do pensamento feminista, senón que o emprega dun xeito pexorativo, espallando o termo como estereotipo machirulo de mulleres exaltadas, a modo de lobby de presión. Mais o de menos é a teima contra o feminismo “máis activo” coma el o chama. O verdadeiramente preocupante é que sexa quen xa non de infravalorar o feminicidio, o terrorismo machista que leva cobradas as vidas de centos de mulleres neste país, senón que mesmo tente argumentar o contrario dándolle unha reviravolta, isto é: culpabilizar as vítimas do seu propio asasinato.
Obvia, ignora ou nega a desigualdade existente entre mulleres e homes que provoca a violencia, non só non recoñece a manifestación e a institucionalización do dominio masculino sobre as mulleres que é a base do (hetero)patriarcado, senón que normaliza e universaliza as relacións tóxicas, indo un paso máis aló, apoiándose na afirmación de que os asasinos pertencen a outra especie: un suxeito follador engaiolante que as mantén enganchadas, incapaces de saír de xeito voluntario das redes da súa violencia, rematando así “vítimas do seu sexismo” (posibelmente quixera dicir “da súa sexualidade”, aínda que vindo de quen vén, todo é posíbel).
Podería encher páxinas de artigos analizando o patriarcado, os motivos polos cales as mulleres non se atreven a denunciar os malos tratos infrinxidos polas súas parellas, ou os abusos sexuais realizados polo seu propio pai, por un tío, por un avó, a violación por parte dun amigo, o acoso sexual reiterado por parte dun xefe no traballo, as múltiples violencias exercidas contra as mulleres, os motivos que levan a estas a retirar as denuncias unha vez presentadas.
Podería intentar ser o máis pedagóxica posíbel para identificar os estereotipos sexistas que se reproducen na socialización, na educación, nos medios de comunicación, en todos os estamentos sociais. Amosar a morea de estudos que acreditan a necesidade de mudar este sistema inxusto que segue a reproducir roles sexistas. Que espalla relacións de poder na que o home (hetero) é o suxeito (macho) dominante e elas (nós, as mulleres) as sometidas, as vítimas deles e delas mesmas. E as poucas que saen dese círculo da dominación natural, son definidas como exaltadas, esaxeradas, histéricas de toda a vida, ou cando queren amosar algo máis de nível, feministas radicais (como se fose un insulto).
Este compendio de barbaridades foi publicado nun medio de comunicación que recibe axudas públicas por parte da Xunta de Galiza. Sen que desde a administración se instara de oficio, de xeito inmediato non xa a unha rectificación, innecesaria por ineficaz, senón a un cese inmediato do colaborador e mesmo dunha denuncia por apoloxía do terrorismo. Mais estamos a falar de mulleres. Se mudáramos as alusións ás mulleres e as substituíramos por outro colectivo, as consecuencias serían diferentes.
A magnitude das respostas do movemento feminista organizado neste país, de mulleres -e de homes-, de colectivos e asociacións de atención ás vítimas de violencia machista, mesmo do propio Colexio de Xornalistas, denunciando o artigo, crearon tal clima de rexeitamento, que días despois, o xornal publicaba a través dun comunicado que decidiron cancelar a colaboración co autor, pedindo desculpas e aproveitando para amosar que a súa liña editorial é “de respecto absoluto cara os dereitos básicos de todos os cidadáns (eu engado cidadanía) e en especial das mulleres que sofren violencia machista no noso país”.
Tanto o maxistrado como o xornalista deron a coñecer a súa opinión conscientes de estar en posesión da verdade, seguros de si propios, sen ningún tipo de medo ás consecuencias. Só abonda con ler as respostas dos machistas ao comunicado de El Correo, denunciando a falta de liberdade de expresión. Amosando a súa concordancia co contido do artigo. Xustificando unha vez máis a violencia. E aínda haberá quen se pregunte por que nos pegan. Por que nos violan. Por que nos matan.
Hai quen os denomina neomachistas, eu son das que penso que son machistas, sen máis apelativos. Os mesmos que desde o seu estatus de privilexio que ninguén cuestionou nin lles arrebatou nunca, miran por riba do ombro e de esguello a todo (e sobre todo a toda) aquilo que se afaste da súa liña de confort. As súas opinións non son outra cousa ca unha reacción patriarcal aos avances en dereitos das mulleres conquistados nos últimos anos. É o machismo de sempre, pero cun discurso e cunha imaxe transformada, baixo a cal pretenden poder introducirse no mundo actual.
Todos estes suxeitos obvian que vivimos nun sistema patriarcal e que existe unha construción cultural que minimiza e xustifica a violencia do home sobre a muller. A violencia machista é distinta a outros tipos de violencia porque, entre outras cousas, é unha violencia normalizada socialmente que responsabiliza a propia vítima. Como diría Pondal, “... só os ignorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden, non”.
Se as mulleres fixéramos o que estes energúmenos proclaman, hai tempo que o mundo perdería a máis da metade da súa humanidade. Se tiveramos que respostar con violencia a cada insulto, a cada ataque, a cada agresión, a cada violación, a cada asasinato de meniñas, mozas, mulleres e vellas, este mundo viviría nunha permanente guerra civil. E aínda que ás veces nos deixemos levar pola carraxe e pola impotencia, convencidas de que só nos queda a autodefensa, a autoprotección, porque o heteropatriarcado non deixa marxe algunha para a liberdade, o certo é que non podemos mudar o sistema operando coas mesmas armas. Ou cando menos eu agardo outro mundo que creo posíbel construír.
O feminismo molesta, incomoda. As feministas somos impertinentes. Porque cuestionamos de xeito permanente a orde estabelecida. Mais se somos quen de acusar, de sinalar e identificar a opresión, de denunciar a misoxinia, estaremos facendo ben o noso labor. Seguiremos sendo radicais, anti sistema, subversivas e todos aqueles apelativos que sexan necesarios para que dunha derradeira vez entendan que non consentimos, que non calamos, que non imos deixar de loitar e de reivindicar os nosos dereitos e o noso lugar en calquera ámbito das nosas vidas.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.