Imaxinádesvos un mundo no que Hitler gañase a guerra: España

Imaxinádesvos un mundo no que Hitler gañase a guerra: España

Nas series que nos presentan sociedades distópicas nas que trunfan os nosos peores pesadelos a miúdo nos colocan diante de situacións ficticias que a primeira vista nos parecen irrealizábeis mais, logo, acontecen cousas que nos fan pensar que estamos a vivir un dos seus episodios. A máis coñecida destas é “Black Mirror”. E as veces asusta comprobar como se cumpren algúns dos acontecementos que narran. Son adiviños? Non fai falla, a verdade é que abonda con levar ao extremo os vectores que empuxan os feitos presentes. Outras series como “Okkupert” (invasión de Noruega por Rusia co apoio da UE e EEUU), por moi absurda que pareza ao principio, de súpeto topámonos de fociños con historias que nos resultan familiares: indo máis alá da situación de Galiza para o cal se quedan curtos, mesmo se nos referimos ao Estado Español, até que punto é independente? En que medida está intervido e baixo presión doutras potencias?. E que dicir de “O conto da criada”, unha situación fantasiosa dunha sociedade explicita e confesionalmente machista. Para ser críbel non fixo falla botarlle moita imaxinación. De feito vemos retratados feitos recentes do noso pasado ou situacións nas que viven algúns Estados do planeta no que as mulleres carecen de dereitos fundamentais. Tamén hai relatos que xogan coa ucronía de imaxinarse que ocorrería si un feito pasado fose doutro xeito. Este é o caso de “The Man in the High Castle” que se presenta como unha serie na que se describe o mundo que quedaría logo do trunfo dos nazis na II Guerra Mundial. E a verdade é que esta serie si que non atraeu a nosa atención. Realmente os cidadáns do Estado Español precisan imaxinarse como sería un país no que o fascismo gañase a guerra?

Estamos vivindo nesa “ficción” e o proceso catalá fíxonos tomar consciencia diso. Mais aínda hai quen se estraña de que agromase tantos fachas de súpeto como cogomelos logo dunha treboada. Onde estaban? Preguntan. Había quen se sorprendía con que o Estado Español fose dos poucos de Europa no que a extrema dereita non tiña representación parlamentaria. É que non había aquí fascistas, racistas e xenófobos?

Quizais o que aconteceu é que a extrema dereita aquí se fixo máis intelixente logo de tantos anos de experiencia de goberno. Non fan todo o que lles gustaría, pois non querían xogar o conseguido nun confronto e perdelo, tal como lle ocorrera a outros. Do que se trataba era simplemente de conservar o fundamental, sen moito balbordo que deixara en evidencia o cumprimento do programa de mínimos co que se alzaran en armas no 36: Estado relativamente confesional, centralismo disimuladamente descentralizado e capitalismo con algunhas concesións que o fixeran máis amábel. Sobre o demais que máis podían pedir: tiñan impunidade, esquecemento dos seus crimes, mantemento do botín acadado e mesmo podían seguir a render culto aos seus lideres nun mausoleo espectacular que nada ten a ver co aparcadoiro que fixeron no búnker que morreu Hitler ou na gasolineira da que colgaron a Mussolini. E ao final lograron que todas esas cousas, monarquía incluída, se fosen asimilando como “universais neutros”, como consenso fóra do cal un era descualificado como radical. Quedara a salvo a supremacía dunha lingua, dunha “raza” e dunha Corte sobre o resto de realidades que progresivamente se irían desdebuxando das “nacionalidades y regiones” iniciais da Constitución ao de “Comunidades Autónomas”, que ten o mesmo status ontolóxico que unha provincia ou un concello, é dicir, unha estrutura meramente administrativa.

O certo é que non se lle dou a volta ao resultado da guerra civil, non se corrixiu aquela derrota. E ao fin, en conclusión, aceptar esta vitoria, e mesmo presumir de que non houbese rotura co pasado é o que hoxe en día identifica aos que se senten e alardean de ser Españois. Representan a lei. Si pero a lei do máis forte, a lei redactada nos cuarteis (artigo 2º da constitución) ou baixo a ameaza dos cuarteis. E por moito que se digan “demócratas” o certo é que nin eles mesmos o cren. Por iso necesitan repetirse a si mesmo: “non somos fachas, somos españois”.

Efectivamente o proceso catalán fixo tirar as caretas. Amósase o verdadeiro rostro do Estado no que estamos. E aquelo que dicía Pimentel acerca de que nunca se imaxinara estar vivindo nun pobo de asasinos agardemos que non se produza, pero o que si xa a xente pode comprobar nestes momentos é que non se sostén por máis tempo a ficción de que se erradicou ao fascismo no Estado Español e que se vive nun réxime plenamente democrático.

Ao contrario, hai que activar a loita pola democracia, polas liberdades civís, os dereitos humanos, etc… E deben estes pasar agora a un primeira plano máis que nunca. Non podemos aceptar sen unha excepción na imprescritibilidade dos crimes contra a humanidade. Defender o pluralismo político (non permitir ilegalizar partidos nin consentir encadear a xente por pensar diferente sin ser violento nin defender a violencia), soster o dereito a manifestarse, loitar pola liberación dos presos de conciencia, traballar para desmontar as proclamas irracionais, condenar a violencia (sobre todo das forzas que debían velar polos dereitos e liberdades dos cidadáns), Cousas que se tiñan xa arrumbadas no faiado por tragarse que viviamos nunha sociedade distinta da que acabamos de comprobar na que realmente vivimos.

Efectivamente, este é un Estado moi facha, e agora que xa non nos cremos as fábulas televisivas que nos contan, decatámonos que ten difícil arranxo. De feito, moitos cataláns xa chegaron a conclusión de que por moito que pareza irrealizábel saírse del, isto semella máis fácil que lograr cambialo.