II Encontro Europeo: Montes Veciñais - Desenvolvemento Rural
Convocado pola Organización Galega de comunidades de montes veciñais en mao común (ORGACCMM), o dia venres 9 de Maio, na cidade de Lugo, terá lugar o II Encontro Europeo, Montes Veciñais - Desenvolvemento Rural. Este II Encontro, será a continuación do 1º Congreso Europeo de terras comunitarias, que tivo lugar, fai dous anos, na cidade portuguesa de Vila Real, convocado polos nosos parceiros portugueses, a Federaçao Nacional de Baldios.
Neste II Encontro Europeo, Montes Veciñais - Desenvolvemento Rural, participarán organizacións e entidades de Galiza (veciñanza comuneira, profesionais do sector, mundo da universidade, sindicatos agrarios, grupos medioambientais ...) e de fora de Galiza (Montes de Socios Sorianos, Montes Veciñais Asturianos, Consulta della Propietá Collettiva de Italia, Conferaçao Nacional de Agricultura e Federaçao Nacional de Baldios de Portugal ...)
Nese II Encontro Europeo, Montes Veciñais - Desenvolvemento Rural, debateranse cuestións referentes a posta en valor dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentábel, a xestión comunitaria dos recursos como alternativa a explotación capitalista dos mesmos, a soberanía alimentar, un medio rural vivo, é decir, con populacións adicadas a diversas actividades e con servizos, a xeración de emprego no medio rural...
As conclusións que se tirarán dos debates, será cal é a política que é preciso reivindicar para acadar estes obxectivos .
Para que sexa posíbel acadar un monte veciñal, multifuncional e sustentábel, e preciso que exista monte veciñal, monte veciñal como titularidade comunitaria. A dia de hoxe, a supervivencia de esta titularidade singular, está en perigo. Nestes momentos nas dúas nacións europeas (Portugal e Galiza), onde mellor organizada está a veciñanza comuneira, o neoliberalismo está tentando de arrancarlle esta titularidade aos seus lexítimos titulares. Na Galiza estamos a un ano, se non o paramos, de que o Partido Popular, roubelle a veciñanza comuneira a xestión de mais de 250mil hectareas de monte veciñal para entregalas, de balde, a empresa forestal privada.
En Portugal, a cuestión e aínda mais grave. Non se propoñen roubar a xestión, propoñen roubar a titularidade. O partido do goberno portugués (o PSD), ten presentado unha proposición de lei para alterar a Lei de Baldíos (unha das poucas leis que quedan en pé do 25 de Abril). O obxectivo de esta proposta de lei e desnaturalizar ós baldíos en canto patrimonio comunitario, tornándoos en propiedade privada. De tal feito que os compartes portugueses, teñen convocada unha manifestación en defensa dos baldíos para o dia 3 de Abril en Lisboa. Neste contexto, a celebración deste II Encontro Europeo, colle, se cabe, mais relevancia. Estamos ante unha agresión capitalista a un patrimonio comunitario. É preciso unha resposta común dado que é a mesma loita.
O II Encontro Europeo, Montes Veciñais - Desenvolvemento Rural, tamén se celebra noutro contexto, neste caso por pura casualidade. A campaña electoral para as eleccións o Parlamento Europeo. Este contexto tamén debe supor un reforzamento da defensa das titularidades comunitarias. Neste senso, a Asemblea Xeral da ORGACCMM, celebrada o pasado 8 de Febreiro, aprobou, por unanimidade, unha resolución para solicitar dos grupos políticos, que nos seus programas electorais, incluísen o recoñecemento, nas lexislacións galegas, estatais e europeas, dos montes veciñais como unha titularidade máis e distinta.
O único grupo político que respondeu a esta solicitude, e respondeu positivamente, foi o BNG. Mais é de xustiza recoñecer que esta, non é unha postura electoralista. A praxe política do BNG, tanto na oposición, como no goberno, ao respecto do monte veciñal, foi sempre a mesma, a defensa de esta titularidade comunitaria e favorecer que a veciñanza comuneira, fose a protagonista da súa posta en valor. Nestes momentos, nos que parece que se está a por de moda artigos no sentido de "eu voto por" ou "eu non voto por", eu, como galego e como veciño comuneiro digo que nas vindeiras eleccións ao Parlamento Europeo, votarei BNG. E, entendo que a veciñanza comuneira compre que lea os programas electorais, compare a praxe política dos partidos, e logo, vote en consecuencia.
Porque, no que fai respecto os montes veciñais, a pouco que se escarve nos programas electorais, e se compara a praxe política dos partidos, tamén se comproba que non todos os grupos políticos son iguais.